Inicio Blog Páxina 1835

A organización do Marisquiño solidarízase con todos os feridos e os seus familiares

O equipo de comunicación do Festival O Mariquiño vén de publicar, 12 horas despois do accidente, un comunicado sobre o acontecido na súa tráxica última xornada. Nel, lamentan profundamente o accidente da pasada noite “e solidarízanse con todos os feridos e os seus familiares, que agora mesmo son a prioridade absoluta para todos”, subliñan.

Operativo de Emerxencias no accidente do Marisquiño / Miguel Núñez

Quixeron destacar ademais “o civismo demostrado polo público, que abandonou de forma ordenada o recinto e permitiu o traballo dos equipos de rescate e seguridade, que realizaron un gran labor. Agradecemos publicamente a súa colaboración”.

Engadiron ademais que o recinto “se atopa baixo precinto xudicial, á espera dos informes dos peritos para delimitar as causas técnicas do derrube da pasarela afectada”.

Aseguran que os concertos organizados por O Marisquiño cumprían as condicións de seguridade requiridas pola lexislación. “Estamos a disposición das autoridades competentes para todo o que poidan necesitar”, conclúen.

Comezan na Guarda as Festas do Monte, Interese Turístico de Galicia

A Guarda acolle desde hoxe luns 6 ao 15 de agosto as Festas do Monte, declaradas  Interese Turístico de Galicia, que contan un ano máis cunha ampla programación de actividades, destacando as noites de verbenas, as actividades deportivas e culturais, así coma o Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras, e o Domingo do Monte.

As Festas do Monte están organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva O Cancelón e o Concello da Guarda, contando coa colaboración da Deputación de Pontevedra e dunha boa representación das Asociacións Culturais e Deportivas da Vila, participando activamente en diferentes actividades da programación.

Festas do Monte/ A Guarda

A vila da Guarda énchese de visitantes, atraídos pola ampla programación de actividades e as noites de música nas verbenas da Alameda da Guarda, que este ano contará coas actuacións das orquestras e grupos musicais Jonhy Maquinaria, California, Finisterre, Ritmo Noche, Tango, Garibaldi, Passarela, América, Europea, Azúcar, Cibeles, Los Gemas, Edgar Bao (La Voz Kids), Caramelo e Ámbar.

O Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras é un dos actos que congrega a unha maior cantidade de público e asistentes, participando no mesmo ao redor de 3000 persoas, entre grupos musicais, treboadas, particulares e as Bandas Mariñeiras.

Festas do Monte/ A Guarda

Pero o día principal é o Domingo do Monte, cando máis de 10.000 persoas se congregan no Monte de Santa Trega para participar nun xantar popular e realizar a xura con viño nas Bandas Mariñeiras, un espectáculo de lecer para a nosa vila, cheo do colorido das vestimentas propias de cada Banda Mariñeira, que ao son dos bombos, caixas, gaitas e pandeiretas, amenizan esta gran xornada, cada unha co seu característico son.

A xornada remata coa Desfeita na Baixada do Monte ata o Parque do Cancelón e posteriormente ata a Alameda e Rúa Galicia. No apartado deportivo destacan o Trofeo Festas do Monte de Hockey Liña, as Carreiras Pedestres ou a Marcha Cicloturista Popular.

As reivindicacións dos traballadores de Xustiza, moi presentes nas rúas de Vigo

As centrais CUT, STAJ e CIG levaron ás manifestacións do primeiro de maio as súas críticas aos sindicatos “vendidos” no conflito da xustiza galega, e evidenciáronas nas marchas que percorreron as rúas do centro de Vigo este martes.

Así, varias decenas de traballadores, ataviados coas súas camisetas azuis reivindicativas, saíron en manifestación xunto coa marcha convocada polas centrais minoritarias (CUT, CXT, Prosagap, etc.), e que partiu desde a Praza de Fernando o Católico.

Cando os funcionarios de xustiza chegaron ao cruzamento das rúas Vía Norte e Urzáiz, onde varias decenas de representantes de UXT e CC.OO. agardaban a que chegase a hora de partir na súa propia manifestación, increpáronlles ao berro de “Vendidos!” e “Traidores!”.

Ademais, antes de chegar ao final do percorrido, á altura da coñecida como ‘farola de Príncipe’, esperaron a que pasase a marcha de CC.OO. e UXT para mostrarlles o seu rexeitamento, volvéndolles as costas.

Finalmente, agardaron á chegada dos manifestantes convocados pola CIG, que lles dedicaron varios aplausos, e aos que se uniron entre berros de “ante a indiferenza, resistencia”, ou “aquí está, aquí se ve a xustiza galega en pé”.

Rescatados os dous ocupantes dun vehículo que se precipitou por un terraplén nas Neves

0

Dúas persoas necesitaron a axuda dos servizos de emerxencia para saír do vehículo no que circulaban despois de sufrir unha saída de vía e precipitarse por un terraplén no municipio pontevedrés das Neves.

Segundo informou o 112 Galicia, un particular contactou co servizo de emerxencias para informar o accidente ás 20,30 horas deste pasado martes para solicitar axuda xa que, segundo indicou, un turismo acababa de precipitarse por un desnivel duns tres metros e había persoas dentro que non podían saír.

O sinistro tivo lugar no lugar de Rubiós, na estrada que une dita parroquia co lugar da Mó. Por iso, os operadores do CIAE-112 Galicia puxeron en marcha un operativo que contou coa colaboración dos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas, dos servizos médicos e da Garda Civil de Tráfico.

A dotación de Bombeiros do Porriño, desde o punto, confirmou que axudaron a saír do vehículo a dúas persoas debida a dificultade da situación do turismo, que quedara envorcado, para que puidesen ser atendidas polo persoal sanitario, apuntaron as mesmas fontes.

Un estudo conclúe que os empregadores aumentaron as súas esixencias durante a pandemia

O Barómetro de Empregabilidade da Universidade de Vigo (UVigo), editado polo Consello Social, concluíu que os contratadores aumentaron as competencias esixidas durante a pandemia da covid-19.

O traballo foi realizado polas investigadoras e docentes do Departamento de Organización de Empresas e Mercadotecnia Gloria Caballero e María Jesús López-Miguens e analizou as cualidades máis demandadas polos empregadores tras o inicio da pandemia, segundo explicou a universidade.

Para iso, tomáronse dúas mostras coa resposta de 375 empresas que colaboran coa UVigo antes da pandemia e doutras 98 despois do seu inicio. Tras dividir as competencias en cinco grandes grupos –cualidades persoais, habilidades sociais, traballo autónomo e en equipo, adaptación e eficacia– observouse que aumentou a valoración de todas por parte dos empregadores en comparación co período anterior á crise sanitaria.

Respecto das perspectivas de contratación, os empregadores que máis prevén un forte incremento nas contratacións pertencen a empresas do sector tecnolóxico e de actividades profesionais científicas e técnicas, mentres nos ámbitos financeiro e de seguros, de construción e de hostalaría considérase nula esta opción.

Ademais, a porcentaxe de empresas que prevía unha previsión positiva no emprego a curto e medio prazo reduciuse case nun 30%.

A colisión de tres camións na A-55 sáldase con dous feridos en Mos

0

A colisión de tres camións rexistrada este venres na autoestrada A-55 ao seu paso polo termo municipal de Mos saldouse con dúas persoas feridas.

Así o informou o 112 Galicia, que indicou que tivo coñecemento do sinistro pasadas as 9,00 horas a través da chamada dun particular que informou dunha colisión entre varios camións na autoestrada A-55, no concello de Mos.

Así mesmo, sinalou que dun dos vehículos saía fume. No transcurso da chamada axentes da Policía Autonómica tamén comunicaron o suceso ao 112 Galicia.

Por iso, os xestores do 112 avisaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Baixo Miño e á Policía Local de Mos. Tamén foron informados os Bombeiros de Vigo e a Policía Local do Porriño, ao tratarse o lugar onde ocorreron os feitos, unha zona limítrofe entre ambos os concellos.

Por parte dos servizos sanitarios confirmaron, posteriormente, que dúas persoas tiveran que ser trasladadas.

Para manter e restablecer a seguridade da vía, por parte do CIAE-112 tamén se informou ao Centro de Xestión de Tráfico e aos servizos de mantemento da estrada.

Dados de alta 28 pacientes de covid na área sanitaria de Vigo

0

A presión hospitalaria segue en descenso tras baixar en 63 as persoas con Covid-19 ingresadas en hospitais de Galicia, que se sitúan en 1.215, con oito pacientes con coronavirus menos en UCI e 55 menos noutras unidades. Tamén os casos activos seguen reducíndose e están en 17.632, o que supón 820 menos. Por contra os contaxios diarios e a taxa de positividade repuntan lixeiramente.

Así o constatan os datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste martes. Na área sanitaria de Vigo os pacientes con Covid en UCI caen a 28 –un menos– e os doutras unidades a 135 –catro menos–.

CASOS ACTIVOS E CONTAXIOS

Os casos activos seguen en descenso en Galicia e este mércores sitúanse en 17.632, o que supón 820 menos que a xornada anterior. Deles, 2.924 corresponden á área sanitaria de Vigo.

TAXA DE POSITIVIDADE

No que respecta á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– aumentou a un 5% tras baixar desa cifra a un 4% o luns por primeira vez desde o 24 de decembro e situarse nun 3,6% este martes. Así, colócase no que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Vigo rexistra cinco das últimas sete mortes pola pandemia en Galicia

O cómputo de falecidos que deixa a pandemia do coronavirus en Galicia ascendeu a 1.257 nas últimas horas, tras morrer sete persoas que estaban diagnosticadas de covid-19, tres delas usuarias de residencias de maiores.

Segundo informan as autoridades sanitarias na tarde deste domingo, cinco das novas vítimas rexistráronse no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). Destas, dúas –mulleres de 91 e 84 anos– procedían da residencia Vila do Conde de Gondomar, mentres que o resto eran mulleres de 93, 83 e 84 anos, respectivamente.

Ademais, o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo notificou a morte dunha paciente, de 95 anos de idade, que permanecía ingresada con covid-19.

Finalmente, outra muller de 95 anos que se contaxiou de coronavirus perdeu a vida no interior da residencia San Antonio de Beariz (Ourense).

Marea de Vigo reclama para as parroquias un terzo dos orzamentos municipais de 2021

O grupo municipal Marea de Vigo reclamou este mércores que un terzo dos investimentos previstos no orzamento de 2021 se destinen ás parroquias, xa que é onde vive un terzo da poboación do municipio, e pediu que “se empezo a traballar” na creación de empresas pública para xestionar servizos.

Nunha rolda de prensa, o portavoz do grupo, Rubén Pérez, sinalou que Marea presentará un documento coas súas suxestións para os orzamentos locais do ano que vén, unhas contas que, demandou de novo, deben ser “participativas”. Así mesmo, advertiu de que deben tomarse medidas para non incorrer en problemas de execución, como vén pasando ano tras ano, en que non se executan todos os orzamentos.

Entre as súas propostas, Marea de Vigo puxo sobre a mesa a distribución dos investimentos por distritos, e con criterios de poboación, idade ou dispersión, de maneira que un terzo deses investimentos se desitinen onde vive un terzo da poboación, é dicir, as parroquias e barrios periféricos.

Por outra banda, Rubén Pérez reclamou “que haxa unha verdadeira negociación” cos sindicatos para deseñar o capítulo 1, o destinado a pagar gastos de persoal, e lembrou que, o pasado ano, “quedaron 6 millóns de euros sen executar” destas partidas.

Finalmente, Marea pediu que partidas que quedaron sen executar, como as destinadas a bolsas de inglés ou as axudas a aerolíneas, póidanse destinar a axudar a pemes, comerciantes e hostaleiros.

Unha enfermeira do Chuvi en corentena: “Que a Xunta poña as pilas e faga test a todos os sanitarios”

“A sensación é de desprotección, medo e abandono”, comeza o seu relato unha enfermeira de Urxencias do Hospital Universitario de Vigo. Nesta crise por mor da expansión do coronavirus, o persoal sanitario é un dos colectivos máis expostos xa que están en primeira liña na loita contra a enfermidade. Os positivos entre médicos, traballadores de enfermaría e outro persoal hospitalario non deixa de medrar e segundo os últimos datos, Galicia chega aos 125 infectados – o que supón o 9% do total – e o conxunto do estado alcanza os 5.400, un 14% sobre o total.

Esta enfermeira do hospital de Vigo, xunto con outros seis compañeiros, levan unha semana en corentena nas súas casas á espera de que se lles realicen as probas de coronavirus tras tratar cunha paciente moi grave -non sospeitosa, naquel momento, de Covid19- que á que tiveron que entubar tan só cunha máscara quirúrxica como medida de protección. “Non había outra cousa”, conta esta profesional.

SEN MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Dende ese momento, estas sete persoas de urxencias permanecen confinadas nos seus fogares. “Sénteste inútil estando unha semana na casa esperando que che fagan a proba, coa incertidume de se estarás infectada ou non, convivindo coas miñas fillas… É complicado”, explica. Segundo di, estivo aproveitando esta semana para mercar a súa máscara e organizar os equipos de protección cos seus compañeiros para cando volvan incorporarse. Ata o de agora tiraron das doacións de material da xente.

“É inadmisible que un protocolo de seguridade se adapte en función das reservas de material”, critica a enfermeira, que chegou a ter un protocolo de uso de máscaras á mañá e outro diferente á tarde. “Dáme igual que Medicina Preventiva me diga que podo pasarlle un trapiño a unha máscara quirúrxica e que a reutilice, cando eu sei que son dun só uso. Iso vaime poñer en risco a min e aos meus pacientes. Eticamente non se pode levar a cabo”. Por este mesmo motivo, organízanse entre o persoal e buscan arternativas por todas as vías posibles. Promoven queixas todos os días a través do sindicato e dun programa de comunicacións do Ministerio de Sanidade, mais o sentimento segue sendo de “inseguridade, incertidume e abandono”.

PERSOAL SANITARIO INFECTADO

As circunstancias nas que os profesionais sanitarios están traballando estes días son totalmente distintas. “Podes pasar sete horas sen beber, sen ir ao baño…”. Ao esgotamento pola carga de traballo súmase tamén a carga mental. “Tes que estar pendente de non tocar a cara sen querer, de que ningunha de nós cometamos un erro á hora de quitar un EPI, tes a preocupación de se te terás lavado o suficiente, de se levarás algo no pelo, de que vai pasar na casa… A xente está moi crispada”, recoñece.

E para asegurar a protección de toda a sociedade, esixe, por riba de todo, “que a Xunta se poña as pilas” e faga test de detección de coronavirus a todo o persoal sanitario. “Unha parte moi importante xa está infectado sen síntomas e estamos esparcindo o virus a toda a comunidade”, adverte. 

Neste contexto de crise nótanse de maneira máis acentuada os recortes que a sanidade pública veu sufrindo ao longo dos últimos anos. “Faltan camas, falta persoal, falta dotación de reserva para emerxencias, faltan recursos… Esta situación leva a suspender operacións que xa estaban previstas para estes días”. A enfermeira do CHUVI critica que, á vez, haxa hospitais infrautilizados, como o Hospital Xeral Cíes, que se atopa “totalmente pechado”.

Dende un comezo, “infravalorouse a situación”, valora a enfermeira.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed