Inicio Blog Páxina 1832

Fotogalería: búscate na Vig-Bay

Unhas 5.500 persoas participaron esta fin de semana na Vig-Bay, o grande evento dos corredores de Vigo e a súa comarca.

Deles, 1.271 participaron no gran desafío de completar o circuíto completo de 42 kilómetros, desde a praia de Samil até o centro de Baiona.

Se participaches na carreira, talvez te atopes nalgunha destas fotografías.

O parque de Navia, de carballeira autóctona a vertedoiro

O Parque de Navia, no barrio vigués do mesmo nome, foi un día unha carballeira autóctona. Despois, os políticos a converteron nun parque case desprovisto de árbores. Agora, a falta de mantemento provoca que acumule quilos de lixo, tanto na herba como no estanque.

Coidado: hai buratos no chan e debes mirar onde pisas.

Polo estado de suciedade do estanque, quizais pronto os pintados serán os únicos parrulos que queden.

E os das paredes, os derradeiros nenos.

“Este parque, en Memoria de Nelson Mandela, semella un recordo da epidemia da lepra”!, gritou un veciño anónimo que animou a facer esta reportaxe. Porque xa non só é o verdor da auga estancada…

Son os quilos de lixo acumulado sen que ninguén se preste a recollelo.

Desestimada a demanda contra a redución de xornada en PSA: “Conciben os traballadores como máquinas”

O Xulgado do Social número 1 de Vigo vén de desestimar a demanda presentada pola CIG contra o Acordo sobre os criterios de redución de xornada pactado entre Citroën e a maioría do comité de empresa (SIT-FSI, UGT e CCOO) ao entender que se trata dunha opción voluntaria que o persoal da empresa ten a maiores da normativa legal.

Dende a central da CIG xa anunciaron que recorrerán a sentenza, “xa que na práctica trátase dun sistema de redución de xornada imposto que vulnera o dereito á conciliación da vida laboral e familiar”. A CIG presentará recurso, e continuará coas mobilizacións “para lograr que se garantan os dereitos de conciliación”.

“é un sistema que só se axusta á productividade”

“Con este acordo, Citroën non só obriga ao seu persoal a acollerse a unha redución de xornada, coa merma salarial que isto supón, para poder conciliar, imposibilitando unha concreción da xornada laboral flexíbel, senón que impide o dereito das traballadoras e traballadores a poder decidir a concreción horaria da súa xornada”, denuncian.

“Estamos ante un sistema de organización do traballo que non ten en conta ás persoas. É un sistema que só se axusta á produtividade. A organización do traballo está elaborada concibindo ás traballadoras e traballadores da empresa como máquinas ao servizo da multinacional”, denuncia Corral.

“Atopámonos con que as persoas que queren ou necesitan conciliar fican obrigadas a reducir o seu tempo de traballo e, por tanto, os seus ingresos, co fin de estabelecer un horario que compaxina as necesidades de coidado familiares e o tempo de traballo”, lamentan.

“denunciamos a hipocrisía da empresa”

Critican desde a CIG que “Citroën impón un sistema horario pechado, negando a posibilidade de decidir a porcentaxe de redución, limitando o dereito a redución de xornada, de maneira que as persoas que a solicitan non podan decidir nin o tempo que precisan reducir, nin o horario que realizan, nin a duración da redución”.

“Denunciamos a hipocrisía da empresa, inmersa en longas negociacións de plans de igualdade, de medidas dirixidas a acadar a conciliación do seu persoal, ou de protocolos de acoso, que na práctica son unha cortina de fume, xa que paralelamente poñen trabas continuas no ámbito laboral ao exercicio dos nosos dereitos”, rematan.

O Cunqueiro terá unha unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil de referencia para o sur de Galicia

A Xunta anunciou a licitación do proxecto para a construción dunha nova unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, unidade que será a de referencia desta especialidade para todo o sur da comunidade –Vigo, Ourense e Pontevedra–.

Esta unidade, que será a segunda de Galicia destas características, atenderá a menores de entre 12 e 16 anos con patoloxía psiquiátrica que non poida manexarse de forma ambulatoria ou que pola súa situación clínica extrema e alto grao de especialización nos seus coidados non se indique o seu ingreso noutras unidades.

En concreto, a unidade terá 622 metros cadrados, nos que se distribuirán 6 habitacións individuais, sala de actividades grupais, comedor e terapia de grupo, ademais de áreas propias do persoal como control, despachos e zonas comúns. A unidade contará con dous psiquiatras, un psicólogo, un terapeuta ocupacional, un celador e un equipo de enfermaría especializado en saúde mental.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, foi o encargado de presentar esta unidade, a cal considerou que “mellorará de forma moi significativa a saúde dos pacientes con enfermidades mentais nesta etapa asistencial” –entre 12 e 16 anos–.

Pola súa banda, o xefe de Saúde Mental da área Sanitaria de Vigo, José Manuel Olivares, remarcou que é necesaria a habilitación de recursos asistenciais coa creación de dispositivos psiquiátricos específicos para a poboación infantil e adolescente, xa que a maioría dos trastornos mentais crónicos inícianse durante esta etapa da vida“.

Segundo informou o Servizo Galego de Saúde (Sergas), actualmente cando un menor necesita hospitalización, ingresa na unidade de psiquiatría de nenos e adolescentes do Complexo Hospitalario de Santiago, ou nas unidades de pediatría ou de adultos de psiquiatría do Álvaro Cunqueiro.

O RETO DA SAÚDE MENTAL

A licitación desta nova unidade enmárcase na estratexia de ‘Saúde Mental 2020-2024’ de Sanidade. Así, García Comesaña remarcou que a atención á saúde mental “é un dos grandes retos do sistema sanitario galego”, un obxectivo polo que entre 2020 e 2021 están a contratar a 120 profesionais deste ámbito.

O Sergas indicou que, de acordo con estudos epidemiolóxicos internacionais, “aproximadamente un 10-20 por cento dos nenos e adolescentes padecen algún trastorno psíquico, sendo os máis frecuentes os trastornos de conduta, seguidos dos trastornos de ansiedade e o déficit de atención e hiperactividade (TDAH).

Dous detidos por entrar ilegalmente nunha vivenda

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a dous homes, M.A.M.H., de 22 anos e natural de Madrid, e A.M., de 25 anos e natural de Marrocos, como presuntos autores dun delito de asalto a unha vivenda.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na noite deste xoves, cando o 092 recibiu unha chamada dunha testemuña alertando de que dous homes estaban a violentar a porta de acceso a unha vivenda na rúa Porto Rico, dándolle patadas.

Ata o lugar desprazouse unha dotación que comprobou que a porta, que presentaba un golpe á altura da fechadura, estaba medio aberta e que alguén desde o interior trataba de pechala para impedir o acceso aos axentes.

Os funcionarios empuxaron e entraron na vivenda, onde atoparon dous homes sentados nas escaleiras de acceso ao segundo piso. Así mesmo, tras inspeccionar o interior, comprobaron que había outra porta, de madeira, que tiña a fechadura totalmente rebentada, polo que procederon á detención dos dous sospeitosos.

SEGURIDADE VIARIA

Por outra banda, a Policía Local de Vigo tamén informou da tramitación de dilixencias contra varios condutores por supostos delitos e infraccións contra a seguridade viaria.

Así, na madrugada do pasado martes acudiron á rúa Ecuador, onde se produciu unha colisión. Un dos conductors implicados fuxiu, levando enganchado na súa bóla de remolque o parachoques do outro vehículo.

Poucos minutos despois, o causante do sinistro, E.S.C., vigués de 45 anos, foi localizado e, ao identificalo, a Policía decatouse de que tiña síntomas de estar baixo os efectos do alcol. Este extremo confirmouse cando lle realizaron a proba de alcoholemia, que deu un resultado de 0,94 e 0,98 mg/l.

Así mesmo, o 092 identificou o mércores a unha condutora de 29 anos de idade, D.F.G.S., natural de Uruguai, que circulaba pola rúa Numancia. Ao comprobar os seus datos, os axentes constataron que non tiña carné, aínda que a implicada asegurou que fixera o exame de conducir e que lle notificaron que aprobara, afirmación que foi desmentida tras unha consulta coa base de datos da DXT.

Noutra intervención similar, ese mesmo día axentes da Policía Local deron interceptaron a outro condutor, F.M.H.C., de Vigo e de 44 anos de idade, na Estrada do Zondal. Os funcionarios comprobaron que lle constaba unha perda de vixencia do carné.

Finalmente, a Policía informou da apertura de dilixencias contra un condutor vigués de 28 anos de idade, F.J.A.C., que circulaba pola Estrada de Valadares a última hora da tarde do mércores, e que tiña permiso de conducir AM (só para ciclomotor), que non lle faculta para conducir un turismo. Ademais, dáse a circunstancia de que o coche tiña a ITV caducada.

O Concello de Vigo tacha de “tomadura de pelo” o estudo da Xunta sobre os terreos do río Lagares

O Concello de Vigo considera que a Xunta “segue tomándolle o pelo” á cidade despois do anuncio dun estudo sobre os terreos do río Lagares que “non responde, en absoluto, ás demandas” do goberno local desde “hai anos”.

Así replica o Consistorio vigués ao anuncio que facía este mesmo venres a Consellería de Infraestruturas, acerca da adxudicación por 18.000 euros da redacción dun informe sobre os terreos da zona de fluxo preferente na contorna do Rego do Folón, no cruzamento coa estrada de Camposancos, e na zona da intersección coa avenida de Severino Cobas.

Deste xeito, a concelleira de Urbanismo de Vigo, María Xosé Caride, critica que este estudo xeotécnico correspóndese cuns proxectos “que non foron aprobados por ningún órgano autonómico, nin están incorporados en ningún plan da Xunta“.

“Un estudo irrelevante, despois de que non contempla as necesidades reais do río, como son a limpeza e a roza do mesmo, que tería que asumir a Administración autonómica”, engade a edila. Non en balde, a responsable local de Urbanismo defende que o Concello dedica 140.000 euros a esta tarefa que “tería que asumir” o Goberno galego.

“Con estes anuncios entendemos que a Xunta de Galicia segue tomándolle o pelo á cidade, coa complicidade da delegada da Xunta en Vigo (Marta Fernández-Tapias)”, lamenta o Consistorio.

Abel Caballero pide fondos á Xunta para a reconstrución: “isto non é un estado piramidal”

0

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, reclamou este venres “lealdade” e “coordinación institucional” para afrontar a reactivación económica e social tras a pandemia de COVID, e advertiu de que a Xunta debe transferir recursos ás entidades locais porque España non é “un Estado piramidal” e debe haber colaboración transversal.

Así o manifestou na súa comparecencia na comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia, celebrada no Parlamento autonómico. Abel Caballero subliñou que a coordinación entre administracións e institucións é “imprescindible” para afrontar a recuperación porque o contrario “significará non usar eficientemente os recursos”. “Necesítase un novo marco e un novo modelo, a unión de todos os actores. Non é un bo sistema decidir unilateralmente, ten que haber acordo e diálogo”, incidiu.

Respecto diso, lamentou que, en Galicia, chégase “tarde” no que respecta á articulación de proxectos territoriais e pediu que as administracións “se concierten” para actuar en áreas como a industria, as universidades, a sustentabilidade, as grandes infraestruturas ou a innovación. Así, reclamou atención a sectores como a automoción, o naval, o turismo ou o comercio.

“IMPORTANCIA” DAS ACCIÓNS LOCAIS

O alcalde de Vigo subliñou que, no contexto da pandemia, “foron os concellos os que asumiron unha parte moi importante” da acción, especialmente en materia de políticas sociais e de protección a persoas vulnerables, e volveu a denunciar que, a pesar de que o goberno galego recibiu fondos do Executivo central, non transferiu “nin un só euro” deses recursos aos concellos.

Caballero lembrou que, entre as responsabilidades asumidas polas entidades locais, están as axudas a comerciantes e hostaleiros, e mostrou o seu “estupefacción” polo fondo de 17 millóns anunciado pola Xunta para o sector e que suporía “unha axuda de 500 euros a cada establecemento”. “Culpar aos de arriba e pasar as responsabilidades aos de abaixo sen recursos é un modelo chamado a fracasar. Isto non é un estado piramidal”, advertiu o rexedor olívico.

Finalmente, insistiu en denunciar o “escurantismo inmenso” da Xunta na pandemia, repetiu que non tivo información dos contagios “ata hai dúas semanas”. “Estivemos ás escuras durante 6 meses. E, polo menos no caso de Vigo, hai que duplicar as PCR, multiplicar os rastreadores e reforzar a Atención Primaria”, proclamou.

Docentes de Cangas entregan 12.000 sinaturas á Xunta por unha “volta segura” ás aulas

0

Un grupo de docentes do IES de Rodeira de Cangas entregou as 12.000 firmas de apoio á campaña “para unha volta segura en Galicia” ás aulas, conseguidas a través da plataforma Change.org. O promotor desta iniciativa, Sérgio Nunes, asegurou que ante unha “situación excepcional”, a Consellería de Educación debería “tomar decisións excepcionais”, comezando por reducir o cociente de alumnado por aula.

No caso do IES de Rodeira, que acolle a unhas 900 persoas, o pasado mes de xullo o profesorado deste centro comezou a valorar “alternativas” para emprender o curso 2020/2021 que permitisen diminuír o número de alumnos por grupo e curso, pasando dos 30 en ESO e os 33 en Bacharelato a 20 estudantes por aula. Para iso, con 91 docentes, calcularon que era necesario incrementar un tres por cento o profesorado.

Ademais de baixar o cociente, o documento de cinco puntos aprobado polo profesorado complétase pedindo a dotación de persoal docente e non docente, a provisión das infraestruturas necesarias e o material suficiente “para a realización das clases con total seguridade”, a negociación de medidas pedagóxicas e organizativas para unha “óptima planificación” do curso e a posta en marcha de “reformas tecnolóxicas” en caso dun novo confinamento.

SILENCIO

“Era o mínimo que había que facer”, explicou Nunes, polo que, “ante o silencio total e absoluto” da Consellería de Educación, a comunidade educativa iniciou mobilizacións en Cangas, que se estenderon a outras localidades da comarca do Morrazo, como Bueu e Moaña.

Este profesor de Economía criticou que o decreto da Xunta “non foi negociado” coas asociacións de nais e pais nin cos sindicatos na mesa sectorial, ademais de que “a efectos prácticos, non cambiou nada no esencial”. Tamén acusou á Administración galega de manexar datos “de forma retorta”.

Así, no canto de ter en conta a proposta da Organización Mundial da Saúde (OMS) que recomenda un metro de separación entre mesa e mesa, “a Xunta mide de centro de cadeira a centro de cadeira”, co que resultan 28 estudantes por aula fronte aos 16 da OMS.

Sérgio Nunes reprochou que o calendario escolar elaborado pola Consellería de Educación baséase en comezar o curso “como un ano máis e que xa se verá o que sucede, como nunha situación normal”. O impulsor desta campaña cualificou de “grave” que a Xunta “delegue nos centros e nos docentes toda a responsabilidade”, abundou.

“Estamos de acordo en que non se van a evitar os brotes, porque aparecerán casos e haberá que pechar algunha escola”, admitiu Nunes, “pero non é o mesmo estar en contacto 33 alumnos durante seis horas nun espazo pechado, que ter grupos estables con 20 ou menos de 20”, explicou. Por iso, esixiu á Xunta “medidas claras” para abordar a volta presencial ás aulas.

“É a única forma para compensar as desigualdades sociais nas casas”, destacou Sérgio Nunes sobre a imposibilidade, para moitas familias, de compatibilizar o traballo profesional co coidado dos seus fillos. Así, referiuse ao “caso exemplar” de Dinamarca e a súa “aposta decidida pola educación”, ao lograr grupos de 10 a 15 estudantes recorrendo ao acondicionamento de “igrexas, bibliotecas ou ximnasios”.

Ademais das firmas reunidas, a comunidade educativa do IES de Rodeira mantén outras medidas “de presión”, como concentracións periódicas cada martes ás 21,00 horas. Noutras localidades, como Bueu, Caldas ou Redondela tamén tomaron medidas, asegurou Sérgio Nunes, argumentando que “as reivindicacións son as mesmas para todos e toda a sociedade”, en tanto ter “as escolas abertas beneficia aos mozos, ás familias e á sociedade”, concluíu.

As limpadoras de Cangas, “sufrindo discriminación salarial desde o ano 1992”

2

As empregadas do servizo de limpeza de edificios públicos do Concello de Cangas reciben no ano 2020 a mesma remuneración que recibía un traballador de limpeza viaria no ano 2010. Dez anos de diferenzas salariais que, tras a subida do custo de vida nestes últimos anos, deixa ás traballadoras nunha situación de precariedade. Con todo, esta discriminación non é novaxa que se produce dende o ano 1992 no que se negociou o convenio colectivo e perdura até o día de hoxe coa conivencia do comité de empresa.

Así, o cre, cando menos, a CNT, que demanda tamén ao Concello deCangas por discriminación indirecta por razón de xénero na contratación. Neste caso, as traballadoras públicas do servizo de limpeza de edificios públicos asinan contratos temporais cunha duración de 6 meses e tras este período volven a unha bolsa de traballo na que teñen que esperar até ser chamadas de novo. Ademais da discriminación indirecta por razón de xénero, A CNT acusa ao concelo de cometer tamén unha fraude na contratación dunha parte importante do persoal público que traballa para a corporación, dado que realiza contratos temporais para traballos estruturais, habituais e permanentes.

O sindicato CNT estará en Cangas o vindeiro 4 de xullo nunha xuntanza explicativa onde todos os traballadores e traballadoras poidan comprender a grave situación de desigualdade, precariedade e temporalidade na que se atopan baixo o goberno municipal “e co beneplácito do resto de representantes sindicais”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed