Inicio Blog Páxina 1802

Traballadores do estaleiro Vulcano concéntranse fronte ao Parlamento para esixir á Xunta “que busque un investidor”

Ao redor dun cento de traballadores do estaleiro Vulcano, que se atopa en liquidación, concentráronse na mañá deste venres fronte ao Parlamento de Galicia. Desde alí, e a berros de “Vulcano solución”, esixiron ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, que “cumpra os seus compromisos” e “que busque un investidor” para a factoría.

Así o expresou o presidente do comité de empresa, Nicolás Sangabriel, en declaracións aos medios ás portas do Pazo do Hórreo, onde chegaron tras iniciar o pasado martes unha peregrinación cara á capital galega a modo de protesta. Na concentración participaron tamén membros da oposición no Parlamento autonómico –PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea–, así como representantes de Cs Galicia.

Neste contexto, Nicolás Sangabriel lembrou que aínda que son 69 os empregados afectados pola liquidación deste estaleiro centenario, cando a factoría “ten actividade” traballan nela “máis de 1.000” persoas. Por iso, “vai ser unha perda importante”.

Desde a estrada da rúa do Hórreo, fronte ao Parlamento de Galicia, o presidente do comité de empresa reclamou ao conselleiro de Industria “que cumpra os compromisos que alcanzou cos traballadores” e “que busque un investidor para a factoría” que “se encargue de que os postos de traballo que aí estaban se conserven”. De feito, este mesmo venres manterán unha reunión con Francisco Conde para pedirlle “a mesma celeridade e a mesma implicación” que co estaleiro de Barreiras –en preconcurso de acredores– para atopar “solucións”.

A XUNTA “TEN ALGO DE CULPA”

Así mesmo, Nicolás Sangabriel afeou que a Xunta “ten algo de culpa tamén” na situación de Vulcano. “Cando se colabora cun estaleiro, privado ou non, e se lle permite dispor de diñeiro público para levar a cabo os seus proxectos, cremos que non se pode ceder ese diñeiro e non vixialo. A administración ten que ter unha representación controlando”, suxeriu.

E é que, para o presidente do comité, o naval vigués “seguramente conseguirá novos pedidos” a pesar da situación desta factoría debido “á profesionalidade” dos traballadores, que “está moi valorada”. “Iso vai facilitar que sempre haxa carga de traballo”, engadiu.

Así, avanzou que o xulgado convocou para o vindeiro luns aos traballadores para comunicar o expediente regulador de emprego (ERE) do estaleiro. “Esa semana emitirá o auto de extinción e a nosa relación coa empresa terminaría”, lamentou, para despois aclarar: “Que ninguén pense que porque nos liquidaron non imos defender o noso estaleiro, a nosa factoría e os nosos postos de traballo”.

RESPOSTA DO CONSELLEIRO

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, insistiu este venres en que “a clave” para o futuro de Vulcano é “ver se realmente hai un investidor” que permita manter a actividade.

Así o trasladou durante a súa participación nun acto con autónomos en Vigo, e antes de reunirse co comité de empresa do estaleiro.

O conselleiro asegurou que a Xunta “cumpriu todos os seus compromisos con Vulcano”, que “salvou” a empresa de situacións “moi comprometidas” en 2012 e en 2017, e lamentou que “a xestión que se fixo no estaleiro” levouno a pasar dunha “caixa” de 40 millóns hai uns anos aos 200 millóns de perdas actuais.

“Estamos a ser realistas, non podemos xerar expectativas sen saber se se vai producir esa situación (a chegada dun investidor)”, advertiu o conselleiro, quen subliñou que a Xunta está “en contacto” co administrador concursal do Vulcano e coñece o cronograma do plan da liquidación.

Por outra banda, Francisco Conde sinalou que o goberno galego trasladou á Autoridade Portuaria de Vigo que a súa intención é “que se poida manter a actividade naval dentro de Vulcano” pero, se esa posibilidade non fragua, entende que o Porto solicite a reversión dos espazos que ocupa o estaleiro.

Vídeo: Os sen teito de Vigo “suspenden a morte de mañá” tras ser recibidos no Concello

Os integrantes da Acampada contra a Pobreza que levan dous anos e medio diante das portas do Concello de Vigo, “suspenden” a morte de mañá mais “non queda anulada“, en referencia a ameaza de que algún deles podería morrer este xoves que fixeron no pleno vigués.

Durante a sesión, onde se votaban os diferentes puntos da orde do día, Juan Carollo, portavoz da Acampada contra a Pobreza, dirixíndose ao alcalde vigués, Abel Caballero, para dicir que “mañá (polo xoves) haberá unha morte e será responsabilidade do alcalde e da súa concelleira“, en referencia á responsable da área de Benestar Social, Yolanda Aguiar.

SUSPENDEN A MORTE

Nun vídeo subido ás redes sociais, o representante da Acampada, Juan Carollo, declaraba que “de momento queda suspensa a morte de mañá, non queda anulada”. Carollo apuntou tamén que tiveron “unha reunión coa concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar” dentro das dependencias da Policía Local onde “tratamos varios temas”.

Así, destacou que “temos o compromiso da concelleira de reunirnos nos vindeiros días, recoller información e o que non queremos ser é unha pelota de ping-pong”. Dito isto, o representante da Acampada sinala  que este xoves volverá “subir ao concello, onde están todos os partidos políticos e involucralos a todos neste tema“. E volveu sinalar o estado de ánimo da Acampada “estamos fartos xa, pasaron dous anos e medio diante da porta do Concello”.

Seguidamente Carollo quixo sinalar que “nós non temos ameazado a ninguén, son consencuencias que acontecen por falta de axudas en benestar social, moitas veces”. Remarcou estas palabras denunciando que ” que pasa é que cando unha persoa morre na rúa rara vez sae na prensa”.

Por último, explica no vídeo que o de hoxe “foi unha alarma que desta volta se queira denunciar públicamente”. Anunciou que continuarán informando sobre as iniciativas da Acampada cando se teñan máis noticias. “Mañá subirei ao Concello para falar cos partidos políticos. Porque nos temos que involucrar todos, estamos fartos porque se chegou a unha situación insostible” finalizou.

Detido un presunto vendedor de drogas en Vigo que portaba haxix e cocaína

Un mozo de 22 anos residente en Vigo foi detido nesta cidade como presunto vendedor de drogas cando portaba 45 landras de haxix, unha pequena cantidade de cocaína e 50 euros en efectivo.

Segundo informou a Policía Nacional nun comunicado, a investigación foi iniciada a finais do mes pasado despois de que axentes da Comisaría de Vigo-Redondela tivesen coñecemento dun punto negro de venda de drogas na zona da Salgueira.

Así, comprobaron que, nesa parte da cidade, era constante a trasfega de toxicómanos, así como que estes se dirixían a unha vivenda do camiño Eidos, onde realizaban un rápido intercambio con outro home tras o que abandonaban o lugar.

Dado que este mozo tomaba distintas medidas de seguridade cando contactaba con potenciais compradores, estableceuse un dispositivo especial nas inmediacións da zona.

Este martes pola tarde, os axentes seguiron a este home despois de que abandonase a súa vivenda para realizar unha venda a domicilio. Posteriormente, interceptárono na rúa Miradoiro e, tras realizarlle un cacheo preventivo, interviñeron as sustancias estupefacientes e o diñeiro en efectivo. Ademais, detivérono e trasladárono a dependencias policiais, onde comprobaron que carecía de antecedentes.

OUTRO DETIDO EN MARÍN

A Garda Civil detivo a un veciño de Marín como presunto autor dun delito contra a saúde pública tras ser sorprendido no municipio pontevedrés de Bueu cando levaba case unha ducia de envoltorios con cocaína escondidos no coche e algo máis de 200 euros en efectivo.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos sucederon o pasado luns, sobre as 16,00 horas, cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Marín decatouse de que “un coñecido consumidor habitual de estupefacientes estaba a entrevistarse co condutor dun vehículo que estaba estacionado nun barrio situado na periferia do centro urbano de Bueu”.

Esta circunstancia deu lugar a que a patrulla procedese á identificación do condutor e á inspección do vehículo. Así, no interior do turismo localizouse unha carteira escondida debaixo da alfombra do seu asento, que contiña 11 envoltorios de cocaína e 230 euros en efectivo.

O individuo foi identificado como un veciño de Marín de 44 anos, que conta, destacan as mesmas fontes, “cun amplo historial” por delitos e infraccións relacionados co tráfico de drogas. Tras ser detido foi, posteriormente, posto en liberdade coa obrigación de comparecer cando sexa citado no xulgado de Instrución de garda de Marín, acusado dun suposto delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Vigo contará este verán con 10 bandeiras azuis nas súas praias e por primeira vez en Samil

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que, entre as 10 bandeiras azuis coas que contará o municipio nas súas praias, atoparase, por primeira vez, a de Samil.

En rolda de prensa, lembrou que, anteriormente, a praia de Samil non contaba cunha bandeira azul debido á contaminación do río Lagares, que foi solucionada grazas á instalación da nova depuradora. Así, as 10 praias que contarán coa bandeira serán Rodas, Samil, Argazada, A Punta, O Vao, Fortiñón, Tombo do Gato, Fontaíña, Canido, e Figueiras.

Ademais, o rexedor vigués apuntou que tres carreiros do municipio, Camiño a Beiramar, Senda entre faros nas Illas Cíes e Senda Litoral e do Monte de Guía, tamén recibiron o distintivo azul.

San Mateo, unha escola rural salvada: conseguen os 6 nenos e entregan a solicitude de reapertura

0

Os pais e nais da parroquia galega de Ponteareas conseguiron finalmente salvar a escola do lugar. Por fin conseguiron os 6 nenos, obrigatorios segundo os baremos da Xunta para evitar o peche.

Polo tanto, esta mesma mañá ás 12 acuden á oficina de rexistro do Concello de Ponteareas para facer entrega da solicitude de reapertura da escola.

Transportes RD Lens e Olívica TCA, en folga ata cobrar as 4 mensualidades que lles debe a empresa

O cadro de persoal das empresas Transportes RD Lens e Olívica TCA, con sede en Vigo, desenvolveu este xoves unha concentración diante das instalacións coincidindo coa última xornada de folga das catro convocadas para reclamar o pago dos salarios pendentes.

Os paros, que se iniciaron este luns, tiveron un seguimento practicamente total por parte dos máis de 20 empregados/as, xa que unicamente un optou por ir traballar.

Os traballadores/as destas dúas compañías de transportes, que pertencen ao mesmo grupo empresarial, reclaman o pago das catro mensualidades que lles adebedan (no caso dalgúns empregados/as a débeda é de cinco mensualidades).

Ademais das catro xornadas de folga, optaron por convocar unha concentración diante das instalacións das empresas, onde despregaron unha faixa e berraron consignas reclamando o pago dos soldos.

RD Lens e Olívica TCA dedícanse ao transporte de mercadorías e contan cun cadro de persoal de máis de 20 traballadores/as entre as dúas. “A dirección négase a pagar os salarios adebedados a pesar de que xa foron reclamados pola vía xudicial e mediante unha denuncia na Inspección de Traballo”, denuncian os seus traballadores.

As persoas con mobilidade reducida tamén poderán navegar polo Espazo Natural do Miño

0

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amadriñaron o pasado xoves en Goián (Tomiño), a botadura das dúas embarcacións que inauguraban a primeira ruta turística no embarcadoiro inclusivo do Espazo Natural do Río Miño, unha infraestrutura que se realizou ao abeiro dun convenio de colaboración asinado o pasado ano entre este concello pontevedrés e Turismo de Galicia e que garante a accesibilidade de embarque e desembarque das persoas con diversidade funcional nesta parte do Miño.

O acto da botadura contou coa presencia, ademais, dos representantes da Asociación de
Desenvolvemento EU Rural (fondos Leader) e de La Caixa, ambos os dous patrocinadores das embarcación, cun achegamento do 90 e 10%, respectivamente.

Desembocadura do río Miño entre A Guarda e Caminha / Wikimedia Commons

Nas súas intervencións, tanto a alcaldesa, coma a directora da axencia de Turismo, salientaron o pracer e o orgullo de ser madriñas de dúas embarcacións inclusivas, que a partir de agora permitirán desfrutar do río tamén as persoas con mobilidade reducida.

Seguidamente, foron bautizados con viño da zona os barcos “Sen Amarras 1” e “Sen Amarras 2”, por Sandra González e Nava Castro, respectivamente. O acto rematou coa botadura das embarcacións e un paseo polo río.

Os barcos, cun orzamento de máis de 60.000 euros entre os dous, teñen 5,30m de eslora e
2,15 de manga, dispoñendo dunha proa abatible con acceso para cadeiras de rodas, desde onde as persoas con diversidade funcional, poden tripular a embarcación, se o desexan.

O Club Deportivo Sen Amarras, impulsa estes novos roteiros fluviais coa previsión da posta en marcha de até 12 saídas turísticas polo Miño, entre os meses de xuño e setembro, tomando como punto de inicio este novo embarcadoiro inclusivo.

Pola súa banda, o embarcadoiro inclusivo do Miño –que contou cun investimento de
150.000€- e foi inaugurado a pasada semana, permite pór en valor as numerosas alternativas turísticas do río ao seu paso por Tomiño.

O tráfico do porto de Vigo cae un 10% pola crise dos microchips que afecta a automoción

O tráfico total do porto de Vigo caeu 10% en setembro respecto dese mes de 2020 pola falta de semiconductores que afecta a produción de automóbiles (a coñecida como crise dos micropchips), que representan a principal mercadoría movida nesta terminal.

Segundo explica a Autoridade Portuaria de Vigo, en setembro produciuse unha baixada do 10,33% sobre o mesmo mes de 2020 no tráfico total e un descenso do 11,69% no caso da mercadoría xeral. Así, o Porto relaciona estes descensos coa situación do tráfico de automóbiles, que se reduciu un 28,81% sobre o mesmo mes de 2020.

O movemento de pesca fresca tamén baixou en setembro, en concreto un 3,93%, aínda que o seu valor de venda aumentou un 4,28%. En cambio, o tráfico de colectores rexistrou unha suba do 4% o pasado mes na terminal de Guixar.

No que vai de ano, o tráfico total do Porto de Vigo alcanzou as 3.490.362 toneladas, un 10,81% máis que nese período de 2020. Así, produciuse unha suba do 11,14% nas mercadorías e, dentro delas, a mercadoría xeral aumentou un 11,65%.

En canto ao tráfico de colectores, os movidos mediante guindastre na terminal de Guixar creceron un 8%, mentres en Bouzas a suba foi próxima ao 10%. Tamén se rexistrou un aumento nos buques que realizaron escala (+3,71%) e no seu tamaño (+9,88%), o que evidencia unha reactivación da economía.

As principais mercadorías movidas durante estes nove meses foron os automóbiles, con 516.251 toneladas e un crecemento do 12,04%; a pesca conxelada, con 446.369 toneladas e unha suba do 12,21%; e os metais e as súas manufacturas, con 280.453 toneladas movidas aínda, que cunha baixada do 0,46%. Pola súa banda, a pesca fresca rexistrou unha caída do 3,6% nos nove primeiros meses do ano.

O TSXG avala o plan de uso e xestión das Illas Atlánticas aprobado pola Xunta

A sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUG) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e rexeitou a demanda interposta por Naviera das Rías Galegas contra a súa aprobación por parte da Xunta.

Na sentenza, contra a que cabe recurso de casación, o tribunal lembra que a naviera interpuxo un recurso contra o decreto polo que se aprobou o plan de xestión, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) en 2019.

Os xuíces apoian a forma e o procedemento seguido pola Xunta na tramitación do documento e avalan, en contra do criterio da parte demandante, que o director-conservador do parque nacional expida autorizacións para o acceso de grupos organizados, así como para o desenvolvemento de actividades de navegación, fondeo, amarre e atracada das embarcacións nas illas.

A este respecto, resaltan que o plan “xa advirte que no cómputo dos visitantes quedan excluídos os veciños das illas, o persoal adscrito ao parque nacional, os traballadores dos establecementos legalmente establecidos e o persoal de entidades públicas ou privadas que desenvolven no parque labores de restauración, mantemento, instalación e investigación debidamente autorizadas polo parque nacional”.

Ademais, sinalan que “non parece coherente” que a parte demandante aluda á “falta de tradución dun texto” ao galego coa comprensión do mesmo “realizando amplas alegacións do seu contido”, polo que desestiman este motivo “ao non concretarse indefensión material á vista do expediente administrativo”.

VALORACIÓN DE ALEGACIÓNS

Tamén constatan que a documentación achegada pola Xunta “acredita” a valoración das alegacións presentadas ao plan e lembra que non é o seu deber “dar resposta concreta” ás mesmas. Do mesmo xeito, a sentenza conclúe que “non consta a existencia de indefensión material tendo en conta que se abriu un trámite de información pública” no marco do procedemento.

Adicionalmente, considera que non existe omisión do documento de avaliación ambiental estratéxica “xa que non se desenvolve o PRUG en base a proxectos ou actuacións concretas que satisfagan necesidades sociais”. Finalmente, a resolución descarta que fose preceptiva a emisión de informes do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o Consello Consultivo de Galicia.

Tomiño habilita un rexistro online para asistir á súa verbena ‘piloto’

0

O Concello de Tomiño habilitou un rexistro ‘en liña’ para asistir á verbena piloto que acollerá a localidade o sábado 19 de xuño e que estará limitada a 1.000 persoas. O formulario web dispoñible será o único método válido para rexistrarse e a asistencia á proba piloto, que terá lugar entre as 21,00 e as 23,00 horas no campo de festas do Alivio, será gratuíta, segundo lembrou o Consistorio.

Durante o evento, no que actuará a orquestra Ocaband, o recinto permanecerá valado para limitar o acceso ás persoas con reserva previa, que poderán estar de pé, aínda que separadas en grupos. Os asistentes poderán bailar, pero non comer nin beber e deberá manterse a distancia de seguridade entre os grupos.

Con todo, os participantes na proba piloto poderán consumir sentados nun bar que se habilitará no exterior. O Concello pediu ás persoas que non conten con rexistro que non se despracen ata o lugar para evitar posibles aglomeracións e insistiu en que se requirirá dispor dunha reserva para acceder ao recinto. Tamén garantiu que a vixilancia e a presenza policial serán constantes.

A celebración desta verbena representa unha do seis probas piloto que a Xunta tamén promoverá de modo simultáneo en Arteixo, Noia, Marín, Tomiño, O Carballiño e Mondoñedo o próximo 19 de xuño para avaliar a seguridade sanitaria nestes eventos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed