Inicio Blog Páxina 1759

UGT pide un “compromiso claro” da Xunta para salvar Barreras

A Xunta afirmou que se manterá en contacto con Hijos de J. Barreras para buscar un socio industrial e UGT, que preside o comité, pediulle un “compromiso claro” para alcanzar unha “solución” para o estaleiro vigués.

Preguntado tras manter un encontro co comité de empresa en Santiago, o vicepresidente segundo do Goberno galego, Francisco Conde, recoñeceu que, polo momento, “non hai ningún nome” sobre a mesa, pero garantiu que a Xunta participará na identificación dun posible investidor.

“Traballaremos dunha forma proactiva e estaremos en contacto con todas as partes; coa empresa, para poder identificar un socio industrial que garanta esa viabilidade a futuro; e cos traballadores, para ir adoptando decisións de forma conxunta e compartindo cales poden ser os escenarios de futuro”, asegurou Conde.

Ademais, afirmou que o Executivo autonómico poderá utilizar os “instrumentos” dos que dispón para “colaborar” cun posible plan de traballo e o proxecto que poida trasladar un socio industrial co obxectivo de manter a actividade e o emprego nas bancadas de Beiramar. O titular de Economía, Empresa e Innovación tamén avanzou que a Xunta participará na procura de “solucións” e concretou que trasladou ao comité de empresa a súa “disposición” para compartir cos traballadores as posibles “alternativas” para Barreiras.

UGT RECLAMA UN “COMPROMISO CLARO”

Pola súa banda, UGT, que conta con maioría no comité de empresa, explicou que no encontro trasladouse á Xunta a situación actual e solicitouse a súa “intervención activa” na “procura dunha saída viable para o estaleiro”.

Nesta liña, remarcou a necesidade de que o Goberno galego “poña todos os seus mecanismos a disposición para a reactivación do estaleiro sen descartar ningún, incluída a entrada no capital da empresa”. “A Xunta ten que ser capaz de pilotar e facer un seguimento estrito de cal vai ser o camiño escollido para darlle viabilidade”, aseverou o sindicato.

Deste xeito, afirmou que, se se contempla que o futuro do estaleiro pasa pola continuidade da actual propietaria, esta debe presentar un plan de viabilidade que estea “apoiado pola Administración”. Mentres, considerou que se se expuxese unha venda, esta “tería que ser cun proxecto sólido e cunha participación da Administración pública galega e estatal se fose preciso”.

Conta atrás para poder cruzar a ‘Raia’ en bicicleta

0

Galicia e Portugal traballan xa no que está chamado a ser un dos grandes proxectos transfronteirizos da Unión Europea. Trátase do chamado Parque da Amizado: un enorme espazo verde proxectado para ambos lados do río Miño, nas áreas de Fortaleza, lugar de Goián, no municipio pontevedrés de Tomiño, e O Castelinho, no espazo portugués de Vila Nova de Cerveira. A “área de esparcimento” chegaría así ás 25 hectáreas entre unha e outra banda do río.

O proxecto, que correría ao cargo dos respectivos gobernos centrais, contaría á parte cun pequeno detalle loxístico que podería facer un caso único dentro do club europeo: unha ponte deseñada en “exclusiva” para o tránsito de peóns e ciclistas. Tal foi o anuncio desenvolto recentemente polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que xa adiantou que esta ponte ciclista conectará ambos lados da fronteira.

Coa vontade do Executivo español xa sobre a mesa, o foco queda posto sobre a tramitación legal do proxecto. De acordo con fontes gubernamentais, a área transfronteiriza sería “moi sensible” dende o punto de vista “ecolóxico”, razón pola cal fará falta avanzar en diversos trámites antes de que esta senda sexa unha realidade: “precisará do ditame positivo de varios estamentos”, apuntan.

REDE DE SENDAS

A chegada desta senda entre países marcará unha notoria diferenza con respecto á situación que actualmente se vive na fronteira galego-lusa, pechada por mor da alta incidencia que a pandemia de covid está a ter nesta terceira vaga. O obxectivo dos respectivos Executivos centrais será vencellar esta ponte transfronteiriza á rede de sendas que xa existen en ambas as dúas beiras, dando aínda maior fluidez á xa de por si aberta fronteira da Raia.

Máis de 125 denuncias en 24 horas por incumprimentos de restricións na cidade de Vigo

0

A Policía Local de Vigo formulou entre a madrugada do sábado e a do domingo un total de 126 denuncias por incumprimentos relacionados coas restricións e medidas sanitarias para o control da pandemia de covid-19.

Segundo detalla o consistorio olívico, entre as 06,30 horas do sábado e a mesma hora do domingo levou a cabo un despregamento que incluíu case 150 controis a vehículos. En total, os axentes impuxeron 126 denuncias vinculadas á normativa sanitaria. A maioría foron por non levar máscara (33) ou por reunións en domicilios de persoas non conviventes (25) e que están limitadas na cidade viguesa a un máximo de catro persoas.

Así mesmo, identificouse a once persoas que incumpriran o peche perimetral, ademais doutros tres que fumaban na vía pública sen respectar a distancia de seguridade.

Doutra banda, catro locais de lecer foron propostos para sanción por incumprimentos da normativa vixente. Unha destas denuncias foi para unha superficie comercial da Florida que excedía a capacidade permitida e outra para un negocio de hostalaría que superaba o máximo de clientes que podían estar na terraza.

Ademais, tamén houbo unha denuncia por desobediencia á autoridade por negarse a ser identificado pola patrulla da Policía Local, así como outras 14 sancións por consumo de alcol na vía pública. As persoas que estaban neste grupo, que se atopaba na baixada á praia de Roade, tamén foron propostas para multa por exceder o máximo permitido para reunións.

Detido un veciño do Porriño tras golpear na cabeza á súa muller, que foi trasladada ao hospital

0

Axentes da Policía Local do Porriño e da Garda Civil detiveron nas últimas horas a un veciño desta localidade, de 51 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras golpear á súa muller na cabeza.

Segundo informaron desde o Concello porriñés, os feitos tiveron lugar sobre as 4,00 horas da madrugada deste martes, cando a Policía Local recibiu unha chamada alertando de que unha muller estaba a ser agredida pola súa parella no domicilio común, nunha parroquia do Porriño.

Ata o lugar trasladáronse axentes policiais e do Instituto Armado, que puideron auxiliar á vítima e deter ao agresor. A muller presentaba un forte traumatismo cranioencefálico, e foi evacuada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O marido, tras ser arrestado, foi trasladado a dependencias da Garda Civil para a instrución das correspondentes dilixencias, antes de pasar a disposición xudicial.

A alcaldesa de Mos acusa á oposición de estar con quen buscou “enganar a veciños” con recibos

0

A alcaldesa ‘popular’ de Mos, Nidia Arévalo, lamentou que a oposición se puxese ” á beira” de quen buscaron “enganar aos veciños” mediante facturas “falsas” de recibos da auga cuxa recepción en Correos “recoñecen” un “proceso xudicial e un proceso policial”.

Así se pronunciou, nun comunicado, despois de que os grupos municipais de PSOE, GañaMos e BNG anunciasen a celebración dun pleno extraordinario no que pedirán formalmente a dimisión da rexedora polo “circo mediático” sobre unhas “supostas facturas falsas da auga” que afirman que utilizou para “acusar e inxuriar” a unha parte dos veciños da localidade.

En maio de 2019, unha semana antes das eleccións municipais, a alcaldesa presentou unha denuncia pola detección de supostas facturas falsas da auga que se enviaron aos veciños de Mos con cobros moi elevados. Eses recibos eran emitidos por unha entidade, Aquamos, que non existe, e se dirixían ás familias do municipio.

Tras a denuncia ante a Garda Civil, Nidia Arévalo fixo público o caso e afirmou a existencia dunha “trama política” para desacreditala poucos días antes dos comicios. A ese respecto, apuntou á formación GañaMos e á Comunidade de Montes de Tameiga, aos que acusou de estar detrás do envío desas facturas falsas, para crear confusión sobre o servizo de abastecemento de auga e as consecuencias que tería para a traída de augas o proxecto do Real Club Celta nesta localidade.

ARQUIVO DO PROCEDEMENTO

Con todo, o xulgado de Instrución e Primeira Instancia 1 do Porriño decretou a mediados de novembro pasado o sobresemento e arquivo do procedemento (no que a Garda Civil chegou a investigar a dous veciños de Mos), por considerar que non se cometeu un delito.

O xulgado sinala no seu auto, que recorreu o goberno local mosense, que as cartas coas supostas facturas da auga nin sequera chegaron a ser repartidas, fóra das que cada carteiro levou ao seu domicilio; que non eran nominativas.

Pola súa banda, a oposición pediu que se retire o recurso e que a alcaldesa “pida perdón” por promover un “circo mediático” e haber “amplificado” un asunto con finalidade “propagandística”. Este tres grupos denuncian que Arévalo emprendeu unha “cruzada persoal” contra a Comunidade de Montes de Tameiga e os representantes das traídas de auga que se opoñen “ao pelotazo urbanístico e especulativo” que queren “perpetrar” o PP e o presidente do Celta, Carlos Mouriño, no monte veciñal.

“RECIBOS MANIPULADOS”

Mentres, a alcaldesa remarcou que “hai un proceso xudicial e un proceso policial” que recoñecen “que o día 16 de maio de 2019 chegaron a Correos 4.500 recibos manipulados para enviar aos domicilios de Mos”, uns feitos que o xulgado “en ningún caso nega que sucederon”, aínda que “non ve indicio de delito”.

Por iso, Nidia Arévalo concluíu que “os feitos non foron unha invención” súa “para gañar as eleccións”, xa que “están demostrados polas cámaras de seguridade e a declaración de persoal de Correos“. Tamén denunciou que as cartas “foron feitas pola Comunidade de Montes de Tameiga”.

Así, afirmou que un empregado de Correos indicou que o coordinador da Comunidade de Montes, que figura na lista electoral de GañaMos, ordenoulle trasladar as cartas, que a rexedora sostén que procedían de vivendas de familiares do presidente da entidade de comuneiros.

Deste xeito, a alcaldesa preguntouse “que temen” os partidos da oposición para solicitar a retirada do recurso e preguntouse se “están de parte dos intereses escuros dalgúns membros da Comunidade de Montes de Tameiga”.

Respecto da convocatoria do pleno por parte da oposición, a rexedora asegurou que se celebrará para levar a cabo un debate “pendente desde o pasado mes de xullo de 2019” cando ela mesma o convocou e ao que “non se presentaron” os edís da oposición.

“O macroparque eólico na serra da Groba é un crime imperdoable”

Trala conclusión dos estudos de impacto ambiental do macro proxecto eólico Albariño que se estenderá pola Serra da Groba e o Galiñeiro, Ecoloxistas en Acción denuncia a “total ausencia de mencións á presenza de especies incluídas no catálogo galego de especies ameadazas”.

Para minimizar os perigos, a organización propón aos concellos afectados polo proxecto – Baiona, Gondomar, Oia, Tomiño e O Rosal – declarar “Espazo Natural de Interese Local” esta zona para evitar danos a nivel paisaxístico e de hábitats de especies protexidas. 

Segundo explica a organización nun comunicado, este proxecto contempla a instalación e cimentación de 44 muíños na Serra da Groba e 13 no Galiñeiro e “terá consecuencias irreversibles sobre as especies ameazadas que fan o seu ciclo vital a rentes do chan”.

O HÁBITAT DE MOITOS RÉPTILES

Nomean, concretamente, a unha das tres poboacións de sapo de esporóns que queda na provincia de Pontevedra e á que se considera a máis numerosa a día de hoxe, que ademais, está incluída no catálogo de especies ameazadas coa categoría de vulnerable. 

Tamén se ten constatada a presenza do escáncer ibérico (Chalcides bedragai) nunha das poucas poboacións rexistradas na provincia (incluído igualmente na categoría de vulnerable), e de especies como a píntega rabilonga, a rela ou a ra patilonga. O constante rexistro que dende hai tempo leva facendo Ecoloxistas en Acción sobre a zona permítelles asegurar que “neste singular espazo natural se atopan un mínimo de 15 das 26 especies réptiles presentes en Galicia”. 

Á vista disto, a organización denuncia o “escaso compromiso” da Xunta de Galicia e doutras institucións galegas “para coa conservación do patrimonio natural do país”. “Unha vez máis vemos como especies ameazadas ven o seu hábitat destruído polo ánimo de lucro duns poucos, moi poucos, en realidade. Plantificar un campo eólico na serra da Groba é en sí mesmo un crime moi dificil de xustificar e imperdoable”, sentenzan. 

Ratificada a nulidade dos servizos mínimos na folga de bombeiros de Vigo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso interposto polo Concello de Vigo contra a sentenza que anulou os servizos mínimos decretados na folga de bombeiros da cidade e ratificou dita resolución.

O pasado mes de febreiro, o xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Vigo ditou sentenza na que declaraba ilegal o decreto de servizos mínimos aprobado polo goberno local vigués con motivo da folga indefinida convocada por CUT e CIG no servizo de bombeiros.

Nesa resolución, o xuíz determinaba que o decreto “baleira de contido o exercicio da folga” xa que, na práctica, os servizos mínimos impostos correspondíanse cos efectivos que desenvolven o seu labor no servizo de bombeiros de forma habitual e ordinaria.

O Concello de Vigo recorreu a sentenza e, agora, o alto tribunal galego desestimou o recurso e validou a sentenza de primeira instancia (ditada tras un contencioso interposto polo sindicato CIG).

O TSXG incide en que a proposta de servizos mínimos recolle 20 efectivos e un xefe en funcións. “Casualmente ese número de efecivos é o mesmo que, desde o acordo de Xunta de Goberno Local de 10 de maio de 2010, establécese para o servizo ordinario diario (…), por máis números que faga o Concello demandado no seu afán de confundir a realidade“, sinalou na súa sentenza.

O servizo de bombeiros de Vigo está en folga desde agosto de 2019, para demandar máis persoal e para denunciar as súas condicións laborais.

Os sindicatos CIG e CUT recorreron un decreto do goberno local que anulaba os seus descansos e impúñalles a realización de horas extras, e os tribunais déronlles a razón, tanto en primeira instancia como o propio TSXG.

Con todo, criticaron que non se produciron avances no diálogo co goberno vigués para pór solución á súa situación. De feito, a CIG interpuxo unha denuncia por vía penal pola actuación dos responsables municipais.

VALORACIÓN DA CIG

O secretario comarcal do sindicato nacionalista, Alberto Gonçalves, sinalou que a última resolución do TSXG, sobre os servizos mínimos, é “un novo pau xudicial” ao goberno de Abel Caballero, ao que esixiu que sente a dialogar e “deixe de xogar coa seguridade” dos cidadáns e dos funcionarios.

Segundo advertiu, “Vigo non pode ter un servizo de bombeiros á conta de miles de horas extras e privando do descanso ao persoal”, e subliñou que “este conflito non se vai a resolver con xordeira nin autoritarismo”, como pretende o goberno local. “Se Elena Espinosa (concelleira de Seguridade) non quere ser parte da solución, que se aparte, e que deixe de ser parte do problema“, proclamou, e apuntou que a CIG seguirá defendendo ao colectivo de bombeiros da cidade.

Cuestionado acerca desta última sentenza, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, eludiu pronunciarse, argumentando que descoñece o contido da resolución do TSXG.

Denuncian o uso de maquinaria pesada na contorna dun castelo en Salvaterra

A Asociación Lazoiro denuncia o uso de máquinas pesadas no Castelo de Santiago Aitona en Salvaterra. Este castelo (declarado como BIC con referencia RI-51-0008972 ) trátase dunha fortificación abaluartada realizada en terra no século XVII e situada no lugar do Casal.

Esta semana Lazoiro tivo coñecemento da realización de obras de grandes dimensións con maquinaria pesada que afecta a este BIC, trátanse de movemento de terras, tallas de árbores e levantamento dun muro de grandes dimensións.

Este ben atópas ectualmente nun estado de abandono por parte da administración e sen ningún tipo de sinalización. De feito, esta asociaicón leva anos solicitando a súa sinalización e mesmo formalizou fai uns meses unha queixa perante Patrimonio, “que fixo caso omiso das advertencias”, apuntan. .

 Lazoiro lamenta unha vez máis, o abandono por parte de Patrimonio e do Concello de Salvaterra do Castelo de Santiago Aitona, que podería ser usado, di, para fomentar o turismo e posta en valor do noso patrimonio.

O PP denuncia que o Concello de Vigo só gastou o 31% do orzamento consignado para axudas sociais este semestre

O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Vigo, Alfonso Marnotes, denunciou que a execución do orzamento do que dispón o Concello para axudas sociais limitouse ao 31% durante o primeiro semestre deste ano a pesar das consecuencias económicas derivadas da crise sanitaria.

O edil ‘popular’ lamentou que se investiron menos de seis dos 19,2 millóns consignados a pesar de que, ao seu xuízo, deberíase investir “a metade ou máis” dada a situación actual. Neste sentido, lembrou que o ano anterior asignouse unha partida de 16,2 millóns de euros para o ámbito social dos que no primeiro semestre gastáronse 4,7.

“O gasto social do Concello en termos absolutos foi, practicamente, o mesmo que o primeiro semestre do ano pasado. A diferenza é de 1,3 millóns. E iso que soportamos unha pandemia sanitaria, económica e social”, reprobou Marnotes.

Así, criticou que se atenderon “practicamente as mesmas necesidades que o ano pasado” a pesar da crise e acusou o goberno local de “mentir” á cidadanía e, en concreto, aos colectivos máis vulnerables.

Tamén resaltou que o orzamento total do Concello de Vigo para este ano “ascende a 295,3 millóns de euros despois de sumarlle 27,6 millóns de euros que quedaron sen executar do ano pasado aos 267,7 aprobados en xaneiro”. Con todo, recalcou que no primeiro semestre do ano investiuse o 30% da totalidade mentres “o ano pasado a execución era superior ao 33%” nestas datas.

Nesta liña, Marnotes considerou que a redución da actividade municipal nalgunhas áreas debido á pandemia debía compensarse noutras mediante subvencións a comerciantes, autónomos e micropemes. Ademais, remarcou que só se executaron 314.000 euros dos 6 millóns de euros consignados para programas de emprego.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, achacou a denuncia do PP a un intento de “tapar” o feito de que a Xunta está “ausente desta cidade”. Mentres, destacou que se realizou un incremento de 1,2 millóns de euros na dotación asignada a axudas de emerxencia en relación a 2019.

Deste xeito, a edila criticou que o Executivo galego destinase “cero euros” á urbe dos 18,5 millóns de euros transferidos polo Goberno central e lamentou que o PP de Vigo busque “tapar as vergoñas da Xunta nesta cidade” coa súa acusación, que tachou de “mentira”.

Así mesmo, detallou que este ano o Concello adxudicou 9.000 axudas de emerxencia por valor de “1,2 millóns de euros máis que o ano pasado”. En concreto, precisou que o incremento en marzo ascendeu ao 567% e, en abril, ao 631%; mentres, asegurou que o aumento en maio respecto de 2019 elevouse ao 419% e, en xuño, ao 381%.

Adicionalmente, Yolanda Aguiar sinalou que o Concello repartiu “máis de 600 menús diarios a domicilio” durante a pandemia para evitar aglomeracións nos comedores sociais. Tamén subliñou que estableceu un dispositivo de acollida para persoas sen fogar e que concedeu axudas a beneficiarios de bolsas de comedor tras a suspensión das clases presenciais.

O peche de accesos a Portugal xera retencións en Tui

O peche da maior parte dos accesos das provincias de Pontevedra e Ourense a Portugal xerou retencións no punto que permanece aberto en Tui.

Segundo detallou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), rexistráronse restricións no punto quilométrico 31,1 da A-55 á altura de Tui en dirección Vigo dado que a ponte internacional desta localidade é o único da provincia que permanece aberto.

Así mesmo, produciuse un corte total da circulación no punto quilométrico 10 da A-75, na fronteira de Mandín, en Verín (Ourense), con Portugal.

Por este motivo, procedeuse a desviar os vehículos que circulaban en dirección ao país luso dado que o carril que se dirixía ao mesmo foi o afectado.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed