Inicio Blog Páxina 1711

Recollen máis de tres toneladas de refugallos dos portos de Vigo, Marín e Gandía

O obxectivo era retirar arredor de 300 kg de residuos nos portos de Vigo, Marín e Gandía ao longo do ano 2018, pero a realidade desbordou as previsións e foron máis de tres toneladas as recuperadas destes tres portos dentro do proxecto RepescaPlas, unha iniciativa posta en marcha en 2017 polo Instituto Tecnológico del Plástico (Aimplas), en colaboración coa Universidade de Vigo, a través do grupo Ecotox; a Fundación Global Nature; a Asociación Vertidos Cero e a Cofradía de Pescadores de Gandía.

A finalidade era recoller lixo mariño nas costas de Galicia e Valencia para analizalo e valorizalo en forma de novos produtos e, deste xeito, avanzar de cara a atopar unha solución a este problema e aos seus efectos sobre a biodiversidade mariña.

A recollida do lixo correu a cargo dos pescadores dos portos de Vigo, Marín e Gandía, que retiraron ao longo dos últimos meses 3000 quilos, tanto depositados en fondos profundos como flotantes dentro da columna de auga. Estas cifras multiplican por dez a previsión inicial e permitiron identificar e catalogar 8000 obxectos, clasificados segundo categorías e tipos coa metodoloxía desenvolvida na plataforma ‘Marnoba’.

Entre os residuos recollidos nos portos de Marín e Vigo predominan embalaxes industriais, láminas de plástico e botellas de plástico, con 473 e 460 unidades, respectivamente. No caso de Gandía, atopáronse un maior número de envases de comida e bolsas, ambos da categoría “plástico”, dos cales se retiraron 995 e 967 unidades, respectivamente.

O grupo Ecotox da Universidade de Vigo colabora con Aimplas e outras asociacións e confrarías/ Duvi

En xeral, tanto no Mediterráneo como no Atlántico predominan os obxectos de plástico pero tamén se atoparon doutras categorías como metal, cun total de 465 unidades de latas de bebidas, ou 308 unidades de roupas e teas. Ademais, tamén se identificaron sedais, cabos e cordas e outros obxectos pesqueiros, como nasas para polbos, que se atoparon nas costas galegas.

Unha parte dos obxectos recollidos, os clasificados dentro da categoría ‘plástico’, pasaron por un proceso de caracterización tamén en función da súa natureza antes do proceso de valorización material ou reciclado proposto no proxecto.

Neste sentido, realizouse un estudo de caracterización ecotoxicolóxica coa selección de tres residuos (redes, nasas de polbo e láminas industriais), que se espuxeron a tres organismos mariños, en concreto a larvas de ourizos, microalgas e copépodos.

Todos os resultados tiveron un resultado negativo, a excepción dun tipo de rede de pesca que mostrou toxicidade no caso das larvas de ourizo. Os investigadores do proxecto analizarán neste 2019 en detalle estes datos para observar se esa toxicidade é debida ao material, aos aditivos ou por elementos que se absorben ao mesmo durante a súa estadía no medio mariño.

Finalmente, e tras a caracterización dos residuos segundo o tipo de material, os investigadores centráronse na fracción plástica para realizar o pretratamento mediante lavado e triturado e experimentaron as posibilidades de valorización de cada tipo de material. Entre estes materiais, o tipo ‘film’ -como o polietileno de baixa densidade ou o polipropileno, entre outros- presenta mellores resultados para a súa reciclaxe ou valorización material.

RepescaPlas continuará este ano afondando nos estudos xa realizados co obxectivo de ampliar e afianzar os resultados, e de estender o proxecto a novas zonas da costa española. A iniciativa desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidad e o Ministerio para la Transición Ecológica, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

ADEGA móvese contra o lixo mariño, que asasina máis dun millón de aves cada ano

Decenas de entidades colaboraron entre o 19 e 20 de outubro na VII edición da Limpeza de Praias: centros de ensino, asociacións ecoloxistas e culturais, concellos, escolas de surf, escolas de submarinismo, asociacións do mar e particulares non quixeron perder a oportunidade de axudar ao noso litoral.

A pesar do tempo chuvioso previo, nos días da limpeza o sol axudou a levar as tarefas con  entusiasmo. No día 19, adicado aos centros de ensino, participaron un total de 14 colexios de diferentes puntos do litoral galego. En Moaña, o CEIP de Tirán retirou 100 kg de lixo.

Os máis novos limpando as praias/ ADEGA

O día 20 chegou a quenda dos colectivos sociais: 16 entidades realizaron a limpeza en outros tantos puntos das 3 provincias costeiras. No conxunto da actividade participaron máis de 500 persoas e recolléronse máis de 4000 quilogramos de lixo, sendo o plástico o residuo máis abundante. 

A praia de Cesantes, en Redondela, librouse de nada menos que 1000 quilogramos de materias residuais grazas ao traballo de 35 voluntarios. En Nigrán, Prado Surf e o Concello de Nigrán colaboraron tamén e en Vigo Adega retirou 200 kgs na praia de Alcabre.

Néboa na praia/ Miguel Núñez

“As limpezas tamén serviron para dar a coñecer a importancia da conservación da biodiversidade litoral”, celebran desde ADEGA: “O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta debido á insustentabilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, á mala xestión dos nosos residuos e á falta de sensibilidade. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos”.

“Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños: máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas, según datos de GreenFacts, morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño”, lamentan.

E advirten os ecoloxistas de que “o lixo tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Outro dos graves problemas asociados a estes residuos é que provocan perdas económicas importantes porque diminúen a pesca comercial, degradan de lugares turísticos, ou requiren enormes investimentos na limpezas de praias”.

Especies mariñas / Photopin

Dende ADEGA fan fincapé na importancia de realizar estas limpezas de xeito manual, como “a única maneira de facer unha limpeza ecolóxica na que se preserve a flora e fauna da contorna, tendo especial coidado cos ecosistemas dunares”. 

O colectivo ecoloxista fixo entrega aos voluntarios do “Protocolo de Limpeza de Praias” no que se dan unhas pautas para facermos unha limpeza “ecolóxica”. Dito protocolo pódese adquirir en formato pdf na web de ADEGA ou impreso en papel no local de ADEGA Nacional.

Cabalo de mar/ Photopin

O Concello de Mos recibiu ás futbolistas da Unión Deportiva Mos en recoñecemento ao seu traballo

0

A Corporación Municipal mosense recibiu no Salón de Sesións do Concello ás futbolistas do equipo feminino da Unión Deportiva Mos en recoñecemento dos bos resultados acadados na Liga que recentemente acaba de concluir, e para facerlles entrega da nova equipaxe coa que xogarán na vindeira tempada.

A alcaldía quixo agasallalas así “por ser un auténtico exemplo de mulleres loitadoras e cun gran espíritu de esforzo e superación, así como cunha inmensa capacidade de traballo”, segundo declararon a Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo.

As xogadoras, que veñen de realizar unha fantástica tempada, acudiron á recepción acompañadas do presidente da U.D. Mos, Pablo Alonso Serodio, do director deportivo do club, Cristian Taibo, e do seu adestrador. O U.D. Mos Feminino quedou 6º na Liga, sendo equipo nobel na categoría. E opta ao Premio de Equipo Revelación da Tempada 2017-2018.

Xuntanza no Concello / Concello de Mos

As xogadoras do U.D. Mos Feminino levan dous anos xogando en Fútbol 11. O ano pasado ascenderon e este ano quedaron en sexta posición na Liga. O equipo naceu fai catro anos e os dous primeiros xogaron en Fútbol 7 gañando a Liga os dous anos consecutivos.

Taibo e Alonso Serodio, director deportivo e presidente do club, respectivamente, destacan “o meteórico progreso deportivo deste equipo de mulleres de todas as idades, que son un orgullo para a Unión Deportiva Mos; e este recoñecemento municipal que lles fai o Concello ven a reforzar a aposta deportiva que dende a U.D. Mos facemos pola nosa sección feminina”.

Éxito do Festival de Cans máis ambicioso: asistiron 12.000 persoas durante os seus catro días

 A décimo quinta edición do Festival de Cans congregou ao longo dos seus catro días de duración a unhas 12.000 persoas que esgotaron todas as sesións con entradas á venda, ben anticipadamente ou durante a celebración do evento. “Segue quedando patente a existencia dun público fiel, tanto local como foráneo, moi diverso e interxeracional”, celebran dende a organización.

O Festival continuou apostando polo reforzo da programación do mércores e a programación do xoves, aumentada nesta edición para conseguir atraer a xente xa dende os primeiros días do Festival ata o Porriño.

 

Festival de cans Chimpin
Chimpín de Cans cos colaboradores e seu director Alfonso Pato / Miguel Núñez

Malia o tempo inestable do xoves, as numerosas actividades programadas encheron a Praza do Concello do Porriño e o Círculo Recreativo e Cultural. A Noite Gía dos Videoclips erixiuse como unha das máis existosas e variadas na historia do Festival e, os cociñeiros Mahou Lucía Freitas e Beni Couso atraeron a público xa dende a metade da tarde ata a celebración do concerto de Esteban & Manuel, co que rematou a xornada.

A nosa sección MiniCans e o Parque do río, o espazo pensado para os máis pequenos e pequenas, consolidouse como o gran punto de encontro para as familias dende primeira hora da mañá ata a posta do sol.

Fernando Trueba no Festival de Cans
O cineasta Fernando Trueba, no coloquio cinematografico do Festival de Cans / Miguel Núñez

No tocante á parte da programación pensada para os cativos, tanto o espectáculo do dúo Polo correo do vento coma o concerto de Magín Blanco, o Therefilme de Paulo Nimoy ou espectáculo do Mago Paco foron un auténtico éxito. Ademais, no noso Cans do Futuro e o Roteiro literario con Carlos Meixide pasaron preto de 1.200 escolares e estudantes de escolas e institutos.

O Espazo Mahou na Leira de Alicia continúa sendo un dos maiores puntos de encontro do Festival, con xente de xeito estable dende primeira hora ata a noite. Cómpre destacar o grande éxito que acaou o concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro -que reuniu a 500 persoas- ou a proxección do documental que el mesmo protagonizaba: Casamance, la historia de un viaje, dirixido pola realizadora Paloma Zapata e que tamén esgotou todas as súas entradas semanas antes da proxección.

Fernando Trueba en Cans
O cineasta Fernando Trueba, no coloquio cinematografico do Festival de Cans / Miguel Núñez

A zona volveu ser escenario do terceiro “Dálle caña!”, un coloquio cun formato informal no que os curtametraxistas da sección oficial a concurso (ficción, animación e Furacans) e ExtraCans (sección internacional) presentaron as súas producións ante o público e debateron sobre a aventura de iniciarse no audiovisual.

Na Leira de Alicia-Espazo Mahou tamén se desenvolveron nesta ocasión dous dos nosos habituais Coloquios na Leira,protagonizados nesta ocasión polo cineasta Fernando Trueba e pola directora Gracia Querejeta, que completaron o aforo do espazo.

 
Na liña dos coloquios e encontros, aos anteriormente citados temos que sumarlles tamén o II Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips, o café con CREA -que contou coa presenza do director e guionista Borja Cobeaga– os coloquios con AISGE,  aos que asistiron Manuel Lourenzo, Pilar Pereira, Mariana Carballal, Berta Ojea, Nieves Rodríguez, Nieve de Medina e Tamara Canosa.

Nesta edición, o festival quixo tamén incorporar unha masterclass á súa programación contando co experto da Universidade de Vigo Pablo Romero-Fresco e o cineasta galego Alfonso Zarauza para abordar o papel do subtitulado como ferramenta para a diversidade cultural en relación ao audiovisual.

Piden 3 anos de cárcere para un acusado ao que interviñeron 445 plantas de marihuana na súa casa de Vigo

A Fiscalía pide 3 anos de prisión para un veciño de Vigo ao que se lle acusa dun delito contra a saúde pública e ao que interviñeron 445 plantas de marihuana que cultivaba na súa vivenda. O procesado será xulgado este luns na sala do Penal 3 da cidade olívica.

Segundo o escrito de acusación pública, o procesado tiña na súa vivenda e nun galpón anexo unha plantación de marihuana con unidades en diferentes fase de crecemento, así como follas picadas e en proceso de secado, haxix e outros elementos.

Ademais, polo menos entre outubro de 2018 e outubro de 2019 (cando se rexistrou a súa casa e se descubriu a ‘plantación’), ao ter dobre acometida eléctrica sen pasar polo contador, defraudou á compañía eléctrica máis de 1.200 euros polo consumo de enerxía dese sistema de cultivo.

Por estes feitos, a Fiscalía considérao responsable dun delito contra a saúde pública e outro de defraudación do fluído eléctrico, e pide que sexa condenado a 3 anos de cárcere e a pagar multas que suman case 19.000 euros. Tamén deberá indemnizar á compañía eléctrica en 1.227,73 euros.

Sobe a presión hospitalaria e os novos casos covid na área de Vigo

Os novos contaxios de Covid-19 subiron lixeiramente ata os 116 no conxunto de Galicia tras iniciar esta semana con 107, mentres que os casos activos deste coronavirus aumentaron a 2.805, tras o descenso da xornada anterior. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados mantéñense en 176.

Segundo os datos actualizados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste luns, seguen 37 pacientes Covid ingresados en UCI en Galicia e 139 noutras unidades de hospitalización. E hai 2.629 en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente na de Vigo, onde seguen 10 pacientes en críticos e aumentan a 40 as doutras unidades –un máis–.

MÁIS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos, tras cinco xornadas consecutivas en descenso, aumentaron lixeiramente ata os 2.805, que supoñen 16 máis, ao haber máis contaxios (116) que altas (98), ao que se engaden dous falecidos. Por áreas sanitarias, os casos activos aumentan na de Vigo (+15), co que o número total de contaxiados activos é de 843.

AUMENTO DE CONTAXIOS

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 subiron lixeiramente a 116 no conxunto da Comunidade galega, despois de arrincar esta semana con 107, o que supón nove máis. Do total, 105 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 31 na área de Vigo.

Pola súa banda, a taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– mantense por baixo do dous por cento nun 1,3% tras iniciar a semana cunha baixada ao 1,6%. Deste xeito, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que a Comunidade galega excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Novo hospitalizado do segundo buque confinado en Vigo mentres confirman a variante india dentro do barco

O servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) confirmou a variante india nos tripulantes positivos en covid-19 do segundo barco confinado nos últimos días no Porto de Vigo, o ‘Emerald Leader’, con bandeira de Bahamas.

Segundo informaron fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas), neste brote rexistra un total de 10 persoas contaxiadas. Delas, cinco están hospitalizadas no Hospital Vithas (antigo Fátima), despois de que un novo mariñeiro ingresase este xoves no hospital.

De acordo coas mesmas fontes, todos os tripulantes están”estables”. Así mesmo, no relativo ao resto dos tripulantes contaxiados, están illados no propio barco.

Nos últimos días o servizo de Microbioloxía traballou na secuenciación das mostras dos tripulantes con covid. Ademais deste barco, o Porto de Vigo acolleu tamén nos últimos días un segundo ro-ro, xemelgo do primeiro, no que xa se confirmou a variante india do virus e que finalizou esta semana a súa corentena.

Así, este barco desprazouse este xoves ao peirao de Bouzas para cargar uns 2.500 vehículos e cambiar parte da súa tripulación; desde alí espérase que parta este venres sobre as 18,30 horas rumbo a Zeebrugge (Belgica). Neste segundo brote hai un total de 8 mariñeiros afectados, todos eles ingresados no Hospital Vithas, un dos cales se atopa na UCI.

VACINACIÓN E CRIBADOS EN VIGO

Doutra banda, no relativo á Área Sanitaria de Vigo o Sergas tamén comunicou que a próxima semana –a partir do martes– continuará co proceso de vacinación no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). Así, está previsto que sexan citadas máis de 25.000 persoas, en concreto, menores de 59 anos e segundas doses dos grupos aos que lles corresponda.

Así mesmo, a Autoridade Portuaria de Vigo informou este xoves de que Sanidade realizará outro cribado no Porto de Vigo en busca de casos asintomáticos de Covid-19, e que será complementario ao cribado realizado o pasado luns, no que participaron máis de 900 persoas e que serviu para detectar 21 positivos.

Segundo confirmou a propia administración, as próximas probas desenvolveranse o martes na Lonxa de Mariscos, que se desinfectará previamente, e a previsión é citar a 200 traballadores de empresas nas que tamén traballan as persoas que deron positivo no cribado desta semana.

O gromo do buque atracado en Vigo con variante india sobe a 8 afectados, ao sumar outro mariñeiro hospitalizado

Outro mariñeiro do buque ‘Prometheus Leader’, en corentena no porto de Vigo e no que se detectaron tres casos da variante india, ingresou no hospital tras dar positivo nas probas de covid. Con iso, son cinco os mariñeiros hospitalizados e oito o total de tripulantes afectados por este brote.

Así o trasladaron este xoves a Europa Press fontes do Grupo NYK, propietario do buque ‘Prometheus Leader’, e fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

De acordo co Sergas, dos cinco mariñeiros hospitalizados no Hospital Vithas de Vigo (antigo Fátima), un atópase na unidade de coidados intensivos (UCI) desde este martes, mentres que o resto está en planta. Todos eles atópanse “estables”.

O Grupo NYK asegurou que está pendente da evolución de toda a tripulación “antes de tomar calquera decisión sobre os próximos movementos do buque”. Así, informou de que os mariñeiros contaxiados que se atopan a bordo “están a recibir tratamento baixo estritas condicións de corentena e estanse recuperando ben”.

Respecto ao resto da tripulación, comunicou que “deu resultados negativos nas probas” de covid, aínda que se “están seguindo de preto os protocolos de xestión de covid a bordo”. Así, estáselles controlando “para detectar calquera signo de infección”, e o buque “está a limparse e desinfectando regularmente”.

Vigo pecha instalacións municipais e cancela eventos seguindo as medidas da Xunta

O Concello de Vigo procedeu este mércores ao peche de diversas instalacións municipais para cumprir o decreto de medidas da Xunta ante o covid-19, aínda que, manterá a atención ao público telefónica e telemática naqueles servizos que así o permitan.

Tal e como informou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha rolda de prensa, as escolas municipais de teatro, música, danza e artes e oficios pasan a docencia en liña. Ademais, as bibliotecas e salas de estudo de Navia e Mar de Vigo pechan durante as próximas tres semanas.

No ámbito cultural, todas as instalacións (Auditorio Municipal, Casa dás Artes, Casa Galega da Cultura, Pinacoteca e Verbum) quedan pechadas ao público aínda que se mantén atención telefónica e telemática. Ademais, posponse varios dos espectáculos de rúa e representacións no marco de Vigocultura.

No relativo ao deporte, seguen abertas as instalacións nas que se adestra e compite no ámbito estatal, con limitacións no uso dos vestiarios; e os deportistas individuais poderán adestrar a condición de que teñan a acreditación pertinente. Ademais, péchanse as piscinas de Lavadores, Teis e Valadares; os ximnasios da Carmen e Berbés, e os centros Maisqueauga de Barreiro, Florida e Navia.

OUTROS CONCELLOS

Pola súa banda, o Concello do Porriño suspendeu o mercado ambulante e decretou o peche dos parques infantís e os recintos culturais, sociais e deportivos durante o próximas tres semanas.

Ademais, acordou a celebración dun pleno municipal extraordinario para aprobar unha modificación orzamentaria que permitirá habilitar un fondo de axudas económicas directas para os negocios e autónomos “máis damnificados” pola situación.

Así mesmo, o Concello do Rosal informou de que levará este xoves a pleno uns orzamentos que recollen “importantes cambios nas regras fiscais” co fin de “actuar como polo de dinamización económica e social nun momento especialmente complicado” como o da pandemia.

Finalmente, o Concello de Arbo informou de que os taxistas da localidade estarán dispoñibles de maneira gratuíta para realizar compras nos supermercados e farmacias e facer xestións bancarias das persoas maiores de 70 anos ou que se atopen en situación de especial vulnerabilidade.

Sanidade inclúe a Nigrán na alerta vermella e baixa Salvaterra á laranxa

0

A listaxe de municipios en alerta vermella pola incidencia do coronavirus na última semana baixa este mércores a 36, un menos que o martes, xornada respecto da cal se produce o ingreso no grupo de concellos en aviso máximo de Burela, Porto do Son e Nigrán e a saída de Vimianzo, Ordes, Tui e Salvaterra de Miño.

Así figura no mapa ‘semáforo’ que cada día actualiza na súa páxina web a Consellería de Sanide, no que as provincias da Coruña e Pontevedra acumulan o groso de localidades marcadas en vermello, pois só cinco dos 36 municipios sinalados nesta cor están en Lugo (4) e en Ourense (1).

Así as cousas, en Pontevedra baixan a 16 os municipios en aviso máximo pola incidencia do coronavirus: Estrada, Lalín, Cambados, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín, Redondela, Vigo, Mos, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Nigrán, O Porriño e Vilagarcía de Arousa.

Na Coruña hai 15 concellos coloreados en vermello, un menos que o martes: Ferrol, Narón, Pontedeume, Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, A Laracha, Coristanco, Carballo, Malpica, Ribeira, Cabana, Boiro e Porto do Son.

Pola súa banda, co ingreso no grupo de concellos marcados en ‘vermello’ de Burela, a provincia de Lugo conta este mércores con 4: Lugo, Sarria, Burela e Vilalba. En Ourense non hai novidades neste apartado e segue Xinzo de Limia como o único municipio en alerta máxima da provincia.

A alerta máxima de risco de todas estas localidades implica que se detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol –máis de 76 casos nunha semana–, Pontevedra –máis de 96–, Lugo –máis de 112– e Vigo –máis de 332–.

NIVEL LARANXA

No segundo nivel de aviso, o laranxa, hai este mércores un total de 23 concellos galegos –un máis–. Na provincia ourensá sae Ribadavia e entra Barbadás, que se suma a Ourense. En Lugo, seguen Chantada, Guntín e Monforte –sen cambios–.

A provincia de Pontevedra, pola súa banda, engade tres novos municipios en laranxa, ata o nove, debido á baixada de Tui e Salvaterra desde o nivel vermello e á subida de Vilaboa desde o verde. Á parte destes, están Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meis, A Guarda, Nigrán e O Grove.

Coas novidades do mércores, A Coruña mantén nove municipios no segundo chanzo de risco: A Coruña, Betanzos, Santiago, Ames, Santa Comba, Cerceda, Ponteceso, Fene e Rois.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed