Inicio Blog Páxina 1703

A edición 19ª do Marisquiño, “unha das mellores da historia do evento”

Tres días despois do final da 19ª edición do Marisquiño, e cando os técnicos aínda están a desmontar as instalacións das diferentes probas deportivas, a organización do evento fixo balance e elevou a 160.000 os visitantes que pasaron polo festival.

Segundo apuntaron fontes do Marisquiño, a edición de 2019 “será lembrada como unha das mellores da historia do evento”. Así, cifraron en 160.000 os visitantes, 10.000 máis que o ano pasado, e estimaron que o retorno económico en Vigo e a súa comarca foi duns 20 millóns de euros, segundo os datos facilitados por asociacións de hostaleiros locais.

A ese respecto, a organización subliñou o incremento de pernoctacións durante os días do festival en hoteis de toda a provincia e o aumento do gasto xerado polo público familiar.

Tras unha edición que se pechou sen incidentes reseñables no que a seguridade se refire, os organizadores agradeceron, ademais de aos patrocinadores privados e públicos (Concello, Deputación, Zona Franca e Xunta) o apoio do público, así como o labor dos traballadores do festival, dos técnicos do Porto, e o apoio de Concello, bombeiros, Protección Civil e corpos de seguridade.

O festival O Marisquiño tivo, unha vez máis, unha gran repercusión nacional e internacional, tanto a través de medios convencionais como a través de redes sociais. Como exemplo, sinalaron que a canle de deportes ESPN, líder en América Latina e con gran presenza en Norteamérica, enviou un equipo especial ao festival para informar. A iso súmanse os acordos coa liga Sports e As Diario para a difusión do evento por internet vía ‘streaming’.

Nas redes sociais, O Marisquiño 2019 xerou máis de 8 millóns de impactos dixitais, tanto sobre o festival como sobre a cidade de Vigo. Todo iso grazas á difusión da propia organización, dos asistentes e dos deportistas, entre os que houbo figuras destacadas a nivel mundial, que teñen gran proxección nas redes, como Nicholas Rogatkin (máis de 280.000 seguidores en Instagram), Corey Martínez (116.400 seguidores en Instagram) ou Andrea Benítez (case 41.000 seguidores en Instagram).

Finalmente, o festival trasladou, unha vez máis, a súa “solidariedade” e “agarimo” aos feridos da edición de 2018 (no afundimento dun peirao durante a celebración dun concerto) e expresou o seu desexo de que a investigación xudicial aclare o ocorrido. “O Marisquiño foi unha vítima máis dun accidente que ocasionou un grave prexuízo á imaxe do festival”, lamentaron.

A UVigo lidera dous proxectos europeos para valorizar as augas residuais das conserveiras e mellorar os cultivos

A Universidade de Vigo (UVigo) e a Fundación Centro Galego De Investigacións Da auga (Cetaqua) lideran dous proxectos europeos aos que se destinan un total de oito millóns de euros. Un deles, denominado ‘Conserval’, ten o obxectivo de valorizar os subproductos e augas residuais da industria conserveira de Galicia e do norte de Portugal.

O segundo, que recibe o nome de ‘Soildiveragro‘, busca implementar novas prácticas de xestión e sistemas de cultivo para mellorar a biodiversidade do chan agrícola. En ambos os proxectos participa tamén a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), segundo informa esta mesma entidade.

Por unha banda, o proxecto ‘Conserval’, financiado no marco do Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020, tentará desenvolver tecnoloxías para valorizar subproductos e augas residuais do sector conserveiro entre Galicia e o norte do país veciño. Desenvolverase ata decembro de 2021 e contará cun orzamento de case un millón de euros –conta con fondos europeos–.

Esta iniciativa pretende transformar as correntes sólidas e líquidas dos procesos das conserveiras en produtos de maior valor engadido e con alto potencial de negocio –como aceites de peixe con elevado contido en Omega 3, por exemplo–.

Deste xeito, destaca Feuga, “contribuirase ao crecemento económico da rexión dun modo sustentable”, xa que se fomenta un modelo de economía “circular innovadora” que “minimiza o impacto ambiental nas canles naturais e aproveita os recursos mariños”.

A sede de Cetaqua Galicia, en Santiago, acollerá este mércores unha reunión para lanzar este proxecto. Participarán Feuga, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco-Cecopesca), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade do Porto e a Asociación de Fabricantes de Conservas de Peixes de Portugal (ANICP).

‘SOILDIVERAGRO’

Por outra banda, ‘Soildiveragro’ buscará adoptar novas prácticas nos cultivos que melloren a biodiversidade do chan e reducir o uso de produtos externos como fertilizantes, entre outros, para aumentar a produción e a calidade das colleitas, a prestación de servizos ecosistémicos e a sustentabilidade da agricultura europea.

Para lograr este obxectivo, analizaranse 90 sistemas agrícolas en nove rexións de Europa e deseñaranse 15 estudos de campo en seis destas zonas. A estratexia basearase en promocionar as interrelacións entre distintos axentes que forman a cadea de valor.

A sede de Feuga en Santiago acollerá, tamén este mércores, unha reunión con todos os socios do proxecto. ‘Soildiveragro’ está financiado polo programa europeo ‘Horizonte 2020’, ten un orzamento de sete millóns de euros e está coordinado pola UVigo. Participan nel un total de 22 socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa.

“A pobreza en Galicia ten faciana de muller”: contratos temporais, salarios baixos…

“Segundo un informe de Oxfam Intermón, no Estado español a pobreza aumentou durante a crise catro veces máis do que se reduciu coa recuperación. Esta crecente fenda entre persoas ricas e pobres castiga sobre todo as mulleres”, subliñan nun recente informe o sindicato CIG. E os datos do Instituto Nacional de Estadística e o Instituto Galego de Estatística corroboran esta hipótese.

Estímase que o 22,2% das mulleres en Galiza viviron por debaixo do limiar da pobreza no ano 2017, practicamente unha de cada catro. A percepción da RISGA (Renda de Integración Social de Galiza) tamén apunta na mesma dirección. Segundo datos do Ministerio de Asuntos Sociais, no ano 2017 o 59% das persoas perceptoras desta en Galiza foron mulleres. Estes datos, para a CIG, constatan “a faciana de muller que ten a pobreza en Galiza”.

E é que no ano 2017, último ano do que dispoñemos datos da Axencia Tributaria, as mulleres en Galiza ingresaron de media 16.123 euros brutos anuais, e os homes 20.554 €, polo que a diferenza a favor dos homes foi de 4.431 € ao ano, o que sitúa a fenda salarial no 21,5%.

“Se comparamos 2017 co ano 2009, os ingresos salariais medios brutos anuais das mulleres medraron un 3,4%; os dos homes, un 1,4%. Neste mesmo período, os prezos -medidos a través do IPC- medraron un 12,7%. Así, a perda da poder adquisitivo da clase traballadora galega é evidente, tanto no caso dos homes como no das mulleres”, conclúen.

Por outra banda, se analizamos os datos do Instituto Nacional de Estadística, podemos comprobar que esta gran fenda salarial é común para todo o Estado. Hai que resaltar que non temos por que estar falando dun salario menor por un mesmo traballo, senón sexa cal sexa o emprego realizado.

Esta fenda é especialmente abultada na terceira idade. Así, entre maiores de 65 anos a diferencia porcentual de salarios entre homes e mulleres estivo entre o 40 e o 50% de 2009 a 2016.

Pero se cadra o máis interesante resulta comprobar como esta fenda non para de aumentar na mocidade. Así, se entre os homes e mulleres menores de 25 anos (liña azul), a diferenza salarial porcentual era dun 6% en 2009, e na actualidade supera o 10%, a pesar do alto nivel de formación da actual xeración de mulleres.

Brecha salarial/ INE

Regresando ao informe do sindicato CIG, resulta claro que “nos tramos de menores ingresos, ata 1,5 veces o SMI (Salario Mínimo Interprofesional), a porcentaxe de mulleres en cada tramo é superior á de homes. A partir deste volume de ingresos, en todos os tramos, a porcentaxe de homes é moi superior, sobre todo a partir de ingresos superiores a 4,5 veces o SMI, onde as diferenzas medran de maneira exponencial, acadándose a distancia maior entre as persoas con ingresos que superan en 10 veces o SMI. Neste caso, e para o ano 2017, en Galiza só eran mulleres o 17% das persoas deste grupo. O tan socorrido teito de cristal”.

E engaden: “O 37% das mulleres que declararon ingresos a Facenda no ano 2017 non chegaron ao SMI. O 20,5% non chega nin á metade deste”.

O aumento das desigualdades chega a niveis “inaceptábeis”, a ollos da Conferencial Internacional Galega: “No ano 2009 unha soa muller das de maiores ingresos cobraría o mesmo que 62 de menores ingresos; en 2017 a relación é de 1 a 85,2. Este forte medre da precarización é consecuencia de que as actividades en que máis medrou a ocupación foron as que teñen os ingresos por salarios máis baixos”.

Durante este período, do mesmo xeito que na economía xeral, no mercado de traballo feminino produciuse unha importante terceirización: “Así, cada vez o peso do sector servizos é maior; concretamente no ano 2017 o 87% das mulleres asalariadas en Galiza traballaban nalgunha actividade relacionada con este sector; no ano 2009 era o 85%. No resto dos sectores destruíuse emprego”.

Por último, no que respecta aos datos aportados polo Instituto Galego de Estatística, resulta revelador comparar o número de homes e mulleres con contratos temporais e indefinidos.

Consultamos os derradeiros datos (último trimestre de 2018) e os de 2005, 2010, e 2015, e sempre o número de homes con contrato indefinido é maior ao das mulleres. Este dato non parece por si só moi destacable, tendo en conta a “recente” incorporación en masa das mulleres ao mercado laboral, pero si á luz doutro dato: desde 2005 sempre hai máis galegas que galegos con contratos temporais, por ende máis precarios.

Ano Galegos con contrato indefinido Galegos con contrato temporal Galegas con contrato indefinido Galegas con contrato temporal
2005 322.500 162.000 226.300 131.100
2010 359.000 102.700 290.400 113.300
2015 308.100 97.900 288.600 105.600
2018 (derradeiro semestre) 331.700 108.300 314.800 118.500

 

O Tribunal Superior de Xustiza confirma unha condena de nove anos de cárcere por agredir sexualmente á súa parella

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a sentenza emitida pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condena a nove anos e dous meses de cárcere a un acusado de agredir sexualmente e golpear á súa parella no domicilio de Vigo que compartían.

O TSXG rexeitou que o fallo da Audiencia careza de motivación, tal e como alegaba o procesado. Así, os xuíces resaltan que a Audiencia “explicita as concretas razóns” polas que chega á convicción sobre os feitos delituosos ocorridos o 25 de agosto de 2016 e a culpabilidade do acusado.

“A pesar do argumentado no recurso de apelación, a sentenza expón detalladamente por que o testemuño da vítima goza de verosimilitude”, subliñan.

A afectada, segundo o fallo do TSXG, mantivo a mesma versión dos feitos e o seu testemuño é “persistente, detallado, razoable, lóxico e sincero”.

A resolución, por tanto, confirma integramente o fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra que impón ao sospeitoso polo delito de agresión sexual seis anos e oito meses de cárcere, así como cinco anos de liberdade vixiada; mentres que polo de lesións son dous anos; e, polo de malos tratos, seis meses.

A ‘realidade aumentada’ é o futuro: do Pokemon Go ao novo proxecto da UVigo para poñer en valor as árbores

A Universidade de Vigo presentou este xoves a ‘ruta do arboreto’ do Campus de Pontevedra, deseñada no marco do proxecto ‘Green Campus’, co propósito de dar a coñecer, a través paneis informativos instalados no percorrido e dunha aplicación informática, as árbores presentes no espazo académico da Xunqueira.

Trátase dun percorrido de dous quilómetros polo campus que, a través dunha base de datos en Google Maps, permite ir identificando e coñecendo as características dos 362 árbores presentes nas diferentes parcelas na Xunqueira, pertencentes a 54 especies de 28 familias distintas.

Todos e cada un dos 362 árbores contan cunha ficha na base de datos á que pode accederse a través dos códigos QR dos paneis, e que permite obter información como o nome científico e os nomes comúns en galego e castelán, á familia ou grupo ao que pertence e a rexión de orixe de cada exemplar.

Así mesmo, esta base de datos tamén permite clasificar estas árbores segundo a súa clase (coníferas ou frondosas) e á familia á que pertencen e complétase cunha serie de fotografías 360º de diferentes puntos do campus así como coa xeolocalización de diferentes servizos.

Na presentación desta ruta, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, destacou a “vinculación do campus co medio ambiente, a sustentabilidade e os espazos verdes”. Ademais, resaltou que esta iniciativa pon o foco en buscar “a implicación da comunidade universitaria coa realidade da sustentabilidade”.

Nese mesmo sentido, o director do ‘Green Campus’, Carlos Souto, recordou que a distinción outorgada ao campus pontevedrés pola Foundation for Environmental Education, a través da ADEAC, obriga a ser “un pouco pioneiros na defensa do medio ambiente e da educación ambiental”.

Por parte da Vicerrectoría trabállase actualmente na elaboración dunha unidade didáctica que permita que esta ruta poida servir tamén como ferramenta educativa para escolares.

Xunto aos responsables da Vicerrectoría, esta presentación contou coa participación do director da Escola de Enxeñería Forestal, Juan Picos, e do técnico da escola que coordinou o proxecto, Luís Torres, así como do alumno do centro que, ao amparo da bolsa ‘Green Campus’, levou a cabo este proxecto, Emilio Igrexas.

Pola súa banda, Juan Picos fixo fincapé en que “o máis importante deste proxecto é que permite pór en valor algo que xa tiñamos”. Así, engadiu que “o esforzo en comunicar o que temos e que se cadra a xente non coñece, que os propios xardíns do campus sexan no fondo unha infraestrutura formativa, é o máis bonito deste proxecto“, afirmou.

O Eixo Atlántico pide ao Ministro de Fomento que non priorice as infraestruturas do Mediterráneo

O Consello de Ministros da Unión Europea reúnese desde hai un ano para preparar os paquetes de investimentos da UE en infraestruturas para o período 2021-2028. Algúns países como Portugal prepararon un plan de investimentos que discutiron con concellos, axentes sociais e económicos, coa participación do Eixo Atlántico e que cristaliza nun documento que enviarán a Bruxelas antes de fin de ano.

“Lamentablemente, en España nin o Goberno central nin a Xunta desenvolveron un proceso participativo no que poder trasladar e debater as propostas que van determinar o futuro económico neste caso de Galicia”, lamentan desde o Eixo Atlántico.

Por esta razón, o Eixo encargou un informe e debateu coas cidades en paralelo ao proceso de debate da Comisión Europea. Mentres en Portugal o ministro de Plan reuniuse co Eixo Atlántico o 17 de setembro para integrar as súas propostas, o Goberno español, neste caso o ministro de Fomento, non respondeu á petición de reunión que se lle fixo no mes de xuño, “contrastando coa rapidez coa que nos recibiu o ministro portugués ou coa que nos recibía Ana Pastor, cando era ministra de Fomento”, lamentan.

En paralelo José Luis Ábalos, ministro de Fomento do novo goberno de Pedro Sánchez, si mantivo reunións con representantes do Mediterráneo, pero ningunha cos do Atlántico, o que segundo o Eixo pon en cuestión a cohesión do territorio español.

Xuntanza do Eixo Atlántico co ministro portugués de Infraestruturas, Pedro Marqués / Eixo

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, recoñeceu que “podo entender que un ministro que é, ou foi ao menos até xuño, deputado por Valencia priorice os investimentos no Mediterráneo, que é ademais onde se concentran os votos por razóns demográficas”.

Pero, iso si, reclamou que Ábalos, que reunirase con Abel Caballero este mércores en Vigo, “debe lembrar que é ministro de Fomento do Goberno español e non da Comunidade Valenciana e o que está en xogo é a cohesión de España que afecta a todo o territorio e non só a unha parte”.

O informe do Eixo recorda que desde o nacemento do ferrocarril no século XIX este medio desenvolveuse pensando no transporte nacional e non na conexión con outros países, o cal co tempo derivaría nun gran problema da mobilidade internacional. Os ideais da Unión Europea moven por tanto ás rexións do continente a repensar as súas infraestruturas.

Reunión en Bruxelas polo Corredor Atlántico / Eixo Atlántico

Tamén subliñan desde o Eixo a importancia da transición a tecnoloxías eficientes no uso da enerxía que optimicen a seguridade, como é o caso do tren, “limpo” e seguro. Pero o ferrocarril foi relegado xa nos 60 polo transporte por carreteira.

Nos 70 o ferrocarril representaba o 30% do tráfico de mercancías na UE, 20 anos despois só a metade. A falta de competitividade foi progresiva no tempo, levando á débeda a multitude de empresas ferroviarias.

O futuro avanza en mans da coordinación. En 1869 España e Portugal protagonizaron a aprobación do primeiro enlace ferroviario internacional, que unía Ayamonte (Huelva) e Vila Real de Santo António (Faro).

Mais o máis grande impulso para a modernización do Eixo Atlántico chegou co Plan de Infraestruturas de 2000-2007 do Ministerio de Fomento. Ata que a crise paralizou o programa de Alta Velocidade de Portugal, o cal afectou á conexión entre Vigo, Valença e Porto.

Polo tanto, para continuar con este proceso de conexión comercial e social a nivel europeo, desde o Eixo Atlántico demandan, no que respecta ao ámbito vigués, a construción da saída sur de Vigo e a modernización da liña Vigo-Ourense polo Miño.

Vigo réndese ao marisco coa súa festa grande no Porto

A Festa do Marisco, organizada polo Porto de Vigo, trae a tódolos vigueses 40 variedades diferentes de marisco, a precios baixos coincidindo coa tempada de mellores capturas. Comezou o xoves 6 e rematará este domingo 9.

Ameixas á mariñeira, boi cocido, bogavante á prancha, berberechos, camaróns, cigalas, mexillóns, navallas, rodaballo, lumbrigante… Hai para tódolos gustos. Os prezos, entre os 4 euros da pizza e os 90 da mariscada especial.

E hai que sumar artesanía e baile. Este sábado ofreceranse durante todo o día xogos tradicionais de balde para tódalas idades.

Tui xa ten acondicionadas as súas praias fluviais para o verán

0

O Concello de Tui vén de rematar o acondicionamento dos espazos de uso público das praias fluviais de Areeiros, en Guillarei, e do Penedo en Caldelas. Procedeuse á limpeza destes espazos ao balizamento da zona de baño por terceiro ano consecutivo, co que se mellora a seguridade dos bañistas que acoden a estas praias.

Este ano, non contarán con baños públicos ante a dificultade do cumprimento da normativa establecida en materia sanitaria debido á pandemia da COVID 19. Tanto a praia de Areeiros en Guillarei coma a do Penedo en Caldelas conta coa cualificación de Excelente, no control das augas das zonas de baño que realiza la Xunta de Galicia.

Dan por controlado o incendio de Salvaterra tras arrasar 350 hectáreas

0

Os dous grandes incendios forestais quedaron controlados nesta madrogada do luns en Galicia logo de arrasar conxuntamente máis de 500 hectáreas. En concreto, o de Salvaterra de Miño, Pontevedra, afecta provisionalmente a unha superficie de 350 hectáreas mentres que o de Folgoso do Courel, en Lugo, leva arrasadas 160.

Así o informa nun comunicado a Consellería do Medio Rural, que indica que o de Salvaterra iniciouse ás 21,51 horas da noite do sábado na parroquia de Uma, aínda que agora tamén afecta os municipios veciños de Mondariz e Covelo. Dada a magnitude deste lume e a súa rápida propagación ao longo da noite, chegouse a declarar a situación 2 ao redor da 1,00 da mañá pola proximidade das chamas ao núcleo de Maceiras, en Salvaterra, e posteriormente aos de Mouriscados, Fontebalán e Crespos, en Mondariz. Con todo, esta medida quedou suspendida ás 7,26 da mañá.

As últimas estimacións de Medio Rural sitúan a superficie queimada por este incendio nunhas 350 hectáreas. Para o seu control, mobilizáronse ata o momento 12 axentes, 38 brigadas, 23 motobombas, dúas pas e dous helicópteros.

Segundo medicións provisionais, o lume de Folgoso do Courel afecta a unha superficie dunhas 160 hectáreas. Ata o momento, mobilizáronse un técnico, 11 axentes, 32 brigadas, 14 motobombas, unha pa, oito avións e dous helicópteros.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed