Tony Lomba, o cantante vigués que todos os venres sae a cantar ao seu balcón en Bouzas (e retransmite o seu concerto por internet), protagonizou onte unha entrevista no programa El Intermedio con Dani Matero
Altofalantes, atril… nada lle falta a este cantante e showman para amenizar as tardes dos venres en Bouzas. Dani Mateo quixo charlar con el, tras descubrilo nun vídeo que se volveu viral.
O artista asegura que está “a gozar deste Guantánamo” e que se sae a cantar é por petición popular. “Ao segundo ou terceiro día, cando saímos a aplaudir empezáronme a corear e non puiden dicir que non”, conta.
Agora xa toda a veciñanza sabe quen é “Hai veciños que non os coñezo e déixanme agasallos na porta: un ramo de flores, un debuxo dunha nena, unha cazola de callos ou mesmo unha empanada“.
Iso si, á hora de actuar di que o fai cos ollos pechados, porque sofre vertixe. #Ante esta confesión Dani Mateo aconséllalle entre risas: “Non se che ocorra facer iso de saltar do escenario como fan os cantantes nos concertos”.
Por último, Tony Lomba fraseu o seu hit con Eladio Santos: “Hoy es un día especial”
O Colexio oficial de Médicos da provincia de Pontevedra criticou o cesamento da xefa de sección de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Eva Maquieira Gómez, que considerou “improcedente”.
A través dun comunicado, o órgano colexiado anunciou que a súa Comisión Deontolóxica analizará o seu caso “por se houbese lugar a denunciar este feito ante a Fiscalía”.
Ademais, mostrou o seu “apoio” a esta facultativa, que, segundo apuntou, “non fixo máis que manifestar o que a Organización Médica Colexial vén reivindicando”.
En concreto, o cesamento efectuouse este domingo, despois de que, segundo indicaron a Europa Press fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas), esta profesional “se negase a acatar” as recomendacións sanitarias emitidas polo Chuvi para evitar a propagación do coronavirus.
Tamén se afirmou que “animou a outros compañeiros a non cumprir” estas medidas e cuestionounas ” en redes sociais, polo que se considerou que “se rompeu a confianza” cara á dirección da área Sanitaria de Vigo, que se entendía como necesaria para que desempeñase o posto de xefa de servizo.
“RISCO” DE CONTAXIO
Así mesmo, o Colexio de Médicos de Pontevedra denunciado o “risco” de contaxio por COVID-19 ao que se enfronta o persoal sanitario en España e que, segundo recalcou, “increméntase por carecer das mínimas garantías de seguridade para facer fronte á situación”.
Por este motivo, este órgano reclamou á administración pública que “dote de medios adecuados a todo o persoal médico no menor espazo de tempo posible”.
A Colección permanente da Fundación Laxeiro, formada por sesenta e cinco das setenta e sete obras que o artista legou á cidade de Vigo (das que as doce restantes poden contemplarse no Museo Quiñones de León) está exposta permanentemente na Fundación Laxeiro. Estas sesenta e cinco obras, de todas as épocas da traxectoria de Laxeiro, ofrecen no seu conxunto, unha excelente panorámica da evolución do artista, constituíndo un abano moi completo dos diferentes estilos e as linguaxes diversas que Laxeiro utilizou ao longo de toda a súa carreira.
Durante estes anos, a Colección tivo diversas formulacións expositivas que sempre respectaron un percorrido cronolóxico, baseado nunha coincidencia buscada, entre o percorrido espacial da exposición e o percorrido temporal da traxectoria de Laxeiro.
Agora, a Fundación Laxeiro rompe con esa formulación de carácter historiográfico e lineal, para ofrecer outro xeito de visitar a devandita colección, baseado en tres criterios combinados de distribución da obra, como son o estilístico, o temático e, en menor medida, o cronolóxico.
PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN
Así, o primeiro que se atopa o visitante ao acceder ás salas da exposición, é un pano expositivo formado por unha composición de dezaseis obras, artelladas a partir de dous autorretratos ben diferentes, un carbón sobre papel do ano 1936, no que o artista escrebe “son eu” e, ao seu carón, un óleo sobre tea de 1977, no que a abstracción é o rexistro elixido. Estas dúas obras, colgadas no centro do pano, contrastan fortemente pola súa diversidade de linguaxes e dan a pauta do sentido do resto da selección que conforma a composición dese pano, formado por debuxos e pinturas de todas as súas épocas e, polo tanto, tamén de todos os seus rexistros expresivos. A lenda “son eu” do autorretrato de 1936, adquire así un significado como “tarxeta de presentación” para o visitante neófito, poñéndoo en situación sobre o que se vai atopar ao longo do percorrido pola exposición.
Seguidamente, no corredor da sala, dispuxéronse dous panos expositivos lineais enfrontados fisicamente que enfrontan tamén dúas temáticas do artista. No pano da esquerda pódense ver un conxunto de dez retratos, nos que se aprecia a súa evolución, comezando con carbóns sobre papel dos anos trinta e rematando cun óleo sobre tea de 1980, pintado en clave informalista. No pano oposto colgan dez óleos sobre tea e sobre papel, nos que se ve a súa aproximación á abstracción e ao informalismo que se orixina a partir da súa chegada a Bos Aires, en 1951.
Nos dous panos enfrontados a este primeiro, contraponse dúas obras antagónicas que ilustran, por unha banda, o compromiso de Laxeiro coa vangarda e, por outra, o seu labor como retratista de encarga, no Vigo dos anos corenta. Estamos a falar de Mascarón, de 1934, unha das obra icónicas do período granítico de Laxeiro, e de Retrato de José María Galbán, de 1944, un excelente exemplo da faceta de Laxeiro como retratista da burguesía empresarial viguesa.
Este corredor desemboca nunha sala final, na que o primeiro pano da esquerda, está dedicado ao tema do nú feminino, con tres exemplos de diferentes épocas, que amosan solucións moi diversas e, no pano contiguo, tres maternidades, tamén de épocas e estilos moi diferentes. Esta sala remata cunha composición, formada por doce obras sobre papel de pequeno formato, dispostas a modo de mosaico, no que se ofrece unha visión do Laxeiro máis lúdico e colorista.
A última sala está reservada para as obras de gran formato e, na súa maioría, as máis emblemáticas da Colección permanente, como son o Trasmundo, de 1946, todo un compendio da pintura de Laxeiro daqueles anos, o Carrotón de nenos, tamén chamado Xoguete, de 1934, un magnífico exemplo da figuración de entreguerras, a peza pintada polos dous lados Autorretrato, de 1934, magnífico exemplo da estética granítica e, no seu reverso, Carnavalada, de 1931 que, posiblemente é o primeiro cadro expresionista galego, ademais do icónico A vida, de 1968, unha enorme tinta sobre papel de case catro metros de ancho que compendia moitos dos rexistros expresivos utilizados por Laxeiro ata aqueles anos. Nesta sala tamén se poden admirar outras obras emblemáticas como Hans de Islandia, de 1966, unha reinterpretación laxeiriana da pintura xeométrica, levada á sensualidade do trazo curvilíneo tan característico do pintor, e outra Vida, de 1966, un óleo sobre tea realizado en clave informalista e matérica. Esta sala complétase cunha espléndida peza de pequeno formato titulada Cabeza, da década dos anos sesenta, unha obra escura, realizada en clave expresionista que retrata a un aforcado, e tamén outra Cabeza, esta da década dos setenta, na que revisa a súa estética granítica.
NOVAS ACHEGAS Á COLECCIÓN PERMANENTE
Ás sesenta e cinco obras que conforman a exposición, se suman nesta nova proposta, catro pezas depositadas por coleccionistas privados como son as dúas cabezas das que falabamos máis arriba, unha maternidade granítica dos anos corenta, o Retrato de José María Galbán xa mencionado, cedido pola Familia Galbán, e unha abstracción de 1993, titulada Neno pensador, depositada polo Sindicato Galego do Ensino.
EXPOSICIÓN DE DOCUMENTACIÓN
Outra das novidades desta nova montaxe, é a inclusión de documentación sobre a traxectoria do artista, disposta en dúas vitrinas que amosan documentos tan singulares como o diploma expedido en 1926 polo Centro Gallego de La Habana, ou un facsímile da crítica publicada por Francisco Fernández del Riego en El Pueblo Gallego, sobre a súa primeira exposición individual en 1934, na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela. Tamén se amosan diversos exemplares orixinais de catálogos de exposicións realizadas en Madrid, Xixón, Bos Aires, Vigo e Compostela; ou libros con ilustracións súas e mesmo un disco de vinilo con poemas de Marcos Ana (1920-2016), cuxa portada está ilustrada por Laxeiro.
LIÑA DE VIDA
Outra das novidades é a instalación dunha liña de vida que, de xeito moi gráfico, permite percorrer toda a vida profesional de Laxeiro nunha ollada rápida, na que se destacan os principais fitos da súa carreira e se acompaña de imaxes de diversos momentos e obras da vida do artista.
SINALÉTICA EN TRES IDIOMAS
Renovouse tamén toda a sinalética, composta por diversos textos dispostos nos diferentes panos expositivos que explican diferentes aspectos da figura de Laxeiro e da súa obra, ademais de cartelas explicativas nas obras máis destacadas e a xa mencionada liña de vida. Todos os textos están en galego, castelán e inglés.
Con esta nova proposta, a Fundación Laxeiro abre unha nova etapa na divulgación da Colección permanente e, por extensión, da obra de Laxeiro en xeral, na que, superado o criterio cronolóxico, se abre unha forma máis transversal e intuitiva de achegarse á Colección permanente, na procura de novos significados artísticos e culturais deste legado de Laxeiro que é propiedade da cidade de Vigo.
¿LAXEIRO NO MUSEO REINA SOFÍA?
Segundo puido saber este xornal, o alcalde Abel Caballero insinuou que o espazo apropiado para facer unha gran retrospectiva de Laxeiro sería o Museo Reina Sofía de Madrid, idea que aínda está por concretar.
O pleno da Corporación de Tui aprobou por unanimidade o Fondo de Emerxencia social polo que se habilitará para os afectados da explosión un millón de euros ampliable, con cargo ao remanente de tesouraría; e tamén solicitar ao Goberno central a declaración de zona catastrófica (zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil).
No pleno estiveron presentes numerosos veciños da parroquia de Paramos e afectados pola explosión do pasado mércores día 23, que, salvo pola breve irrupción dun dos afectados, permaneceron en silencio e respectaron a orde do día, até poder intervir na quenda de rogos e preguntas, onde expuxeron diversas cuestións.
Entre elas, incidiron na necesidade de que o Fondo de Emerxencia sexa “ampliable”, “porque se vai necesitar”. En concreto, para este fondo aprobouse unha modificación de crédito por un millón de euros, co fin de atender as necesidades perentorias dos afectados, e, a proposta de Miguel Ángel Capón, de Alternativa Tudense, engadiuse que esta cantidade será “ampliable”.
Explosión de Tui/ Miguel Núñez
No relativo á solicitude de declaración de zona catastrófica, o conxunto de concelleiros aprobou un acordo para adoptar medidas encamiñadas a axudar aos prexudicados que, por mor da magnitude da explosión, perderon por completo ou viron seriamente danadas as súas vivendas, así como para satisfacer as necesidades básicas e esenciais que teñen os afectados.
Igualmente, acordouse que o Concello de Tui presentarase como acusación particular no procedemento xudicial iniciado, para esixir as responsabilidades penais e de calquera outra orde que deriven destes feitos. Finalmente, solicitará a axuda e auxilio das distintas administracións públicas: Unión Europea, Goberno estatal, Xunta e Deputación.
O PSOE propuxo no transcurso do pleno incorporar a este último acordo un punto para manifestar a vontade da Corporación de adoptar todas as medidas urbanísticas necesarias e elevalas ás administracións que procedan para rehabilitar ou restaurar as vivendas como antes da catástrofe; cuestión que foi aprobada por unanimidade.
OUTRAS PETICIÓNS DOS VECIÑOS
Os veciños tamén reclamaron ao Concello que pida á Deputación de Pontevedra que se implique cos afectados. En relación con iso, o alcalde manifestou que a Corporación enviou cartas tanto á Deputación como á Xunta e ao Goberno central para que “concreten os seus compromisos”, e indicou que se está “esperando resposta”.
Así mesmo, a portavoz da plataforma de afectados, Lupe Pérez, apuntou que nestes acordos “non se estableceu nada sobre taxas municipais“, dos que considerou que se lles debería eximir após a catástrofe. O rexedor comentou que unha das cuestións que se aproban coa zona catastrófica é a exención do IBI, e ademais agregou que fará que, dentro do que permite a lei, os veciños “non paguen as taxas ata que se normalice a zona”.
Explosión de Tui / Miguel Núñez
Outra veciña, que dixo intervir de parte dos familiares dos falecidos, preguntou que vai facer o Concello e que tipo de axudas vai recibir esta familia. Vázquez Padín indicou que a declaración de zona catastrófica tamén inclúe axudas por falecemento, danos persoais e invalidez permanente, e dixo que propuxeron un evento civil en recordo destas persoas.
RECORDO AOS AFECTADOS
O alcalde iniciou o pleno municipal indicando que aínda que se trata dun pleno de convocatoria ordinaria, é “extraordinario pola súa significación e importancia” debido ao que pasou no concello o 23 de maio, e quixo ter “un recordo especial a todos os afectados, e moi especialmente ás dúas persoas falecidas”. Após iso, houbo un minuto de silencio.
A colación dun dos puntos debatidos no pleno, un dos veciños fixo unha intervención espontánea, pola que chamou a pedir axudas tamén á Unión Europea. “As casas son máis importantes, tamén hai que pedilo á Unión Europea”, espetou.
ORZAMENTOS APROBADOS
No punto relativo á aprobación inicial do orzamento xeral para o ano 2018 de Tui, os grupos da oposición (BNG, PSOE, Alternativa Tudense e Son de Tui) pediron non aprobalo de momento e deixalo encima da mesa para poder engadir partidas destinadas aos afectados, entendendo que hai que ser “sensible” coa traxedia e “ter en conta” as necesidades dos veciños.
“É oportuno neste momento, aínda que veñan axudas doutras administracións”, mantivo o edil de Son de Tui, Laureano Alonso; ao que Miguel Ángel Capón, de Alternativa Tudense, agregou que “só o desescombro vai custar un millón de euros“. Tamén a nacionalista Carmen Núñez comentou que o que ocorreu en Paramos “require medidas excepcionais”, e o socialista Enrique Cabaleiro remarcou que se precisa un orzamento que “atenda as novas necesidades”.
Pola súa banda, o alcalde, Carlos Vázquez Padín, asegurou que os veciños son “a principal prioridade”, pero apuntou que non cre que “non aprobar os orzamentos sexa a mellor forma de facelo”. Así, explicou que os novos orzamentos incorporan 600.000 euros máis que os prorrogados, e con iso pódense facer “transferencias e modificacións de crédito para aproveitalos para a traxedia”.
Neste contexto, o rexedor tamén propuxo a partir do próximo mes de setembro elaborar entre todos os membros da Corporación os orzamentos para 2019, “con prioridade en Paramos”. Nesta proposta contou co apoio dos grupos de goberno (Converxencia 21, PP, Ciudadanos Tudenses e Alternativa Popular de Tui).
Desta forma, e após repetir as votacións ao haber empate (oito votos a favor do grupo de goberno, oito en contra da oposición e unha abstención do concelleiro non adscrito), que finalmente se rompeu co voto de calidade do alcalde, Tui aprobou o orzamento de forma inicial despois de catro intentos anteriores.
A cónsul xeral do Reino de Marrocos en Bilbao, Fatiha El Kamouri, desprazouse até Tui para interesarse pola situación dos dous menores cuxos pais, de orixe marroquí, faleceron o pasado mércores pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico na parroquia de Paramos.
A cónsul chegou ao Concello de Tui sobre as 15:30 horas e foi recibida polo alcalde da localidade, Carlos Vázquez Padín, con quen mantivo un breve encontro. Aínda que a representante diplomática non quixo facer declaracións aos xornalistas, o rexedor explicou que se interesou pola situación dos nenos que quedaron orfos após a traxedia da pasada semana e as posibilidades que se contemplan acerca da súa custodia.
Explosión de Tui / Miguel Núñez
Así mesmo, Fatiha El Kamouri solicitou información ao Concello acerca doutros veciños de orixe marroquí que vivían na zona onde se produciu a explosión, uns datos que o alcalde se comprometeu a facilitarlle nas próximas horas.
Con respecto á repatriación dos corpos do home e a muller que faleceron sepultados polos cascallos da súa casa en Paramos, o rexedor sinalou que, polo momento, non se sabe cando poderá realizarse, xa que o trámite está pendente de informes forenses. Após a reunión no Concello, alcalde e cónsul visitaron a ‘zona cero’ da explosión.
Por outra banda, fontes do departamento autonómico de Política Social confirmaron a Europa Press que non houbo novidades en relación coa situación dos fillos dese matrimonio falecido. Os menores permanecen ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro, baixo a tutela do xerente do centro sanitario, e a Xunta “estuda a mellor fórmula” para decidir quen se fará cargo deles en canto reciban a alta.
En 1994, PSA Citröen de Vigo situábase como a empresa que máis facturaba de Galicia, con 2.221 millóns de euros, mentres que Inditex ocupaba a segunda posición, con 494 millóns de euros. Unha situación que mudou radicalmente 21 anos despois.
Hoxe, a empresa de Arteixo case que duplica en ingresos a Citröen. Así, en 2015, o grupo de Amancio Ortega aumentou os seus ingresos até os 8.118 millóns de euros, o que a converteu na entidade que máis creceu de Galicia e que acapara sete das dez empresas que máis riqueza xeran en Galicia –-Zara, Bershka, Tempe, Massimo Dutti, Stradivarius e Pull&Bear–. En segunda posición situouse PSA, con 5.406 millóns de euros.
Así o reflicte un estudo que analiza, en concreto, a evolución do valor engadido bruto (VAB) –riqueza xerada, sen contar retencións– das compañías neste período. O informe foi realizado polo servizo de información empresarial Ardán e presentouno este martes a súa responsable, Susana Lama, e a delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV) –entidade creadora de Ardán–, Teresa Pedrosa.
Fábrica de Inditex en Arteixo, preto da Coruña / merado.es
Por sectores, os que presentaron o maior aumento do VAB entre 1994 e 2015 foron o téxtil, cun 1.580% máis; o de artigos de consumo, cun 458%; e o de servizos profesionais, cun 412%. A Coruña foi a única provincia na que a riqueza bruta xerada polas empresas aumentou por encima da media galega, cun incremento do 524%. Seguen a esta Lugo, cun 173%; Ourense, cun 152%; e Pontevedra, cun 145%.
PONTEVEDRA MELLOR EN COMPETITIVIDADE
O estudo tamén recolle a evolución das “mellores empresas” de Galicia, segundo os indicadores Ardán. son variables desenvolvidas en 2006 que identifican aquelas firmas con “mellores resultados” en aspectos relacionados coa xestión empresarial, como a competitividade, a innovación e a produtividade, entre outros.
Así, a provincia de Pontevedra é a que acolle máis empresas que dispoñen dalgún destes distintivos, con 609 compañías –un 60% máis que en 2006–, seguida da Coruña, con 564 entidades –un 11% máis–; Lugo –un 28% máis–, con 174; e Ourense, con 134 –un 38% máis–.
Os socialistas de Ponteareas instan ao Goberno de Mariano Rajoy e ao PP a que cumpran cos acordos acadados en materia de seguridade na N-120 co Concello de Ponteareas, iniciando as obras correspondentes, e a retirar o radar.
Dende o PSdeG de Ponteareas denuncian esta instalación de novos radares de velocidade na N-120 con fins, aseguran, unicamente recadatorios por parte do goberno de Mariano Rajoy. Estes radares, explica a edil socialista Vanesa Fernández, “non teñen ningunha lóxica xa que están colocados nunha recta con visibilidade onde a velocidade máxima é de 80 quilómetros por hora con liña descontinua, polo que está permitido adiantar”.
Ademais, a edil, despois de ter mantido diversas reunión cos corpos de seguridade, asegura que nunca se puxo de manifesto unha velocidade excesiva nese tramo, de feito, “os últimos datos das medicións levadas a cabo indican todo o contrario” engade Fernández.
Neste senso, os socialistas de Ponteareas instan ao Goberno de España a eliminar este radar e a tomar as medidas acordadas co Concello de Ponteareas e coa Plataforma de Afectados pola N-120 para e mellora da seguridade na denominada “carretera general”.
O Partido Socialista lémbralle ao Partido Popular e ao Goberno de España que os últimos accidentes do 2016 na N-120 marcaron un punto de inflexión para os veciños de Ponteareas que conviven día a día cunha autoestrada pola que pasan máis de 16.000 vehículos diarios.
Hai un ano o PSOE levaba unha PNL ao Congreso do Deputados aprobada co voto a favor de todos os grupos parlamentarios agás o do Partido Popular, na que se instaba ao goberno a mellorar a seguridade na N-120. Entre as propostas para a reforma e a mellora da seguridade da estrada ao seu paso polo termo municipal de Ponteareas, establecéronse obras como a instalación de catro rotondas, semáforos, pasos de peóns, pasos elevados e melloras de iluminación, “obras que son exclusivamente competencia do Goberno do Estado” sentencia Vanesa Fernández.
A planta do grupo de automoción Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) suspenderá parte da súa actividade na quenda de noite deste venres, debido aos problemas de aprovisionamento. A dirección da factoría comunicou ao persoal que a quenda de noite do sistema 2 (o que monta as furgonetas e monovolúmenes) non traballará este venres pola falta de compoñentes derivada da chamada crise dos semiconductores ou ‘microchips’.
De feito, estes problemas estiveron provocando paradas intermitentes na produción da fábrica desde hai meses e a última suspensión de actividade tivo lugar precisamente hai unha semana. Entón a parada afectou a todas as quendas dos dous sistemas de produción.
A ‘crise dos microchips’ levou á fábrica a suspender temporalmente a quenda de fin de semana na liña de montaxe 2, así como á aplicación dun ERTE que estará en vigor ata final deste ano.
Un veciño de Vigo, José D.R., foi xulgado este martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede na cidade olívica) como suposto autor dun delito de abuso sexual sobre a súa neta e, aínda que o procesado negou os feitos ante o tribunal, os informes dos psicólogos forenses e os seus testemuños outorgaron credibilidade á nena, que tiña 12 anos no momento dos feitos.
O acusado asegurou no xuízo que non realizou tocamentos á súa neta, tal e como sostén a Fiscalía, e atribuíu a denuncia a posibles “celos” da súa neta con respecto a outra curmá.
Segundo explicou, esa tarde (a do 28 de outubro de 2018) estivo sentado no salón da súa casa despois de comer e a súa neta sentou sobre os seus xeonllos durante un intre, ata que el marchou durmir a sesta ao seu cuarto. Durante ese momento, asegurou, o único contacto que mantivo coa menor foi acariñarlle unha perna, pero negou que introducise a súa man por dentro da roupa da nena, que lle tocou os xenitais ou que lle fixo comentarios referentes ao seu virginidad.
Ademais, explicou, en todo momento houbo máis persoas no salón (a irmá da vítima e a bisavoa das nenas) e a súa propia muller estaba perto, na cociña. “Non sei por que se montou todo isto, son as miñas netas e quéroas(…) se a miña muller vise algo diso dábame unha labazada”, proclamou.
No xuízo deste martes prestaron tamén declaración (a porta pechada) tanto a vítima como a súa irmá, así como a avoa e esposa do acusado. Esta testemuña asegurou que non notou nada estraño no comportamento do seu marido ou das súas netas, e que pasou varias veces polo salón, onde estaban todos, sen percibir nada fóra do normal.
Así mesmo, sinalou que se decataron do ocorrido cando, ao día seguinte, outro dos seus fillos (padriño da vítima) os foi ver e díxolles que estivera coa nena e que ela relatara o suposto abuso. “Eu non o entendín nese momento, nin o entendo agora. De feito, dixémoslle que a levase a un médico para que a explorasen”, sinalou a muller, ratificando a declaración do seu marido, á vez que insistiu en que “nunca, xamais” o acusado tivera problemas deste tipo con menores, a pesar de que criou a varias familiares menores e traballou con nenas.
RELATO DA NAI
Por outra banda, a nai da vítima explicou ante o tribunal que as súas fillas tiñan unha relación normal cos seus avós e que pasaban fins de semana enteiros con eles. En concreto, o día dos feitos, un domingo, as menores durmiran no domicilio dos seus avós e, pola tarde, a vítima escribiu varias mensaxes á súa nai urxíndoa a que as fosen a buscar canto antes porque “pasara algo”.
“Ao chegar vin a cara da miña filla, a súa expresión de horror, estaba moi asustada e axiña que me viu abalanzouse a abrazarme”, sinalou esta testemuña, que recalcou que a nena “é moi madura e moi segura de si mesma”.
Segundo explicou ante os xuíces, a menor relatoulle os abusos e, tras falalo co seu padriño e levala ao hospital (onde se activou o protocolo policial e xudicial para estes casos), presentaron denuncia en Comisaría.
TESTEMUÑO CRIBLE
No xuízo deste martes compareceron tamén os forenses que examinaron á nena cando estivo no hospital e os que se entrevistaron con ela posteriomente, para facer o informe psicolóxico.
Todos estes peritos coincidiron en sinalar que, aínda que a menor non presentaba lesións visibles cando foi explorada no hospital, o seu relato tiña “credibilidade”, era coherente e a nena presentaba unha gran “madurez”. “Víaa moi tranquila, sorprendeume o segura que estaba de si mesma e como entendía que, aínda que se tratase dun familiar próximo, tiña que denunciar porque estaba mal o que fixera“, declarou unha dos peritos.
Outro dos psicólogos explicou que a nena explicou o ocorrido, “sen dar detalles” pero de forma “libre” e “crible”, e descartou que houbese “unha intencionalidade en contra do avó“. Ademais, os forenses apuntaron que “é habitual” en casos de violencia ou abuso intrafamiliar que as vítimas non pidan axuda ou griten no momento dos feitos.
A Fiscalía pide para o acusado unha pena de 10 anos de prisión, por un delito de abuso sexual sobre menor de 12 anos co agravante de prevalecemeto de parentesco. Tamén reclama que se lle prohiba achegarse ou comunicarse coa súa neta durante outros 10 anos, e a medida de liberdade vixiada durante unha década despois de saír de prisión; así como unha indemnización de 30.000 euros para a menor.
A catedral de Tui (Pontevedra) acollerá este sábado un concerto do organista Thomas Ospital como antesala do IX edición do festival de teclado IKFEM, que se celebrará entre o 18 e o 22 de agosto.
O evento, que se realizará en coprodución co Centro Nacional de Difusión Musical dependente do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Música (INAEM) do Ministerio de Cultura e Deporte, forma parte do ciclo ‘O órgano nas Catedrais‘, segundo explicaron os organizadores do festival que acollerá a Eurociudad Tui-Valença e cuxo cartel se dará a coñecer nos próximos días.
As entradas para este concerto, que exercerá como antesala do festival e dará comezo ás 21,00 horas deste sábado na catedral de Tui, esgotáronse.
O organista francés Thomas Ospiral realizou estudos musicais no Conservatorio de Bayona e o Conservatorio Nacional Superior de Música de París. Ademais, finalizou a carreira con cinco primeiros premios nas clases de órgano, improvisación, harmonía, contrapunto e fuga.
Tamén foi galardoado en concursos internacionais como os de Zaragoza, Chartres, Toulouse e Angers e en 2015 foi nomeado titular do gran órgano da igrexa de Saint Eustache de París. Desde 2017, é profesor de harmonía ao teclado do Conservatorio Nacional Superior de Música de París e tamén gravou dous discos.