Inicio Blog Páxina 1690

Cancelada a edición de 2020 da feira Conxemar de Vigo pola “incerteza” e o impacto da pandemia

A directiva da asociación Conxemar, organizadora da feira de produtos do mar co mesmo nome, anunciou este martes a suspensión do certame este ano, previsto para outono, debido á “incerteza” e ao “impacto” da pandemia de coronavirus en todo o mundo.

Así, a XXII edición da feira, que ía celebrarse do 6 ao 8 de outubro no Instituto Feiral de Vigo, foi cancelada “tras moitas semanas avaliando o progreso da pandemia” e tras consultar á maioría dos seus clientes, segundo informou Conxemar.

A organización apuntou que a actual situación implica restricións para viaxar a nivel internacional, e subliñou que a “seguridade de expositores e visitantes” é a súa “maior preocupación”. Por iso, optou por cancelar o evento, que na súa edición de 2019, tivo máis de 37.000 visitantes e case 750 expositores de diferentes países do mundo.

“Lamentamos profundamente esta decisión, sendo conscientes do que significa para os nosos clientes e a nivel económico, especialmente nestes momentos tan duros, para a nosa cidade, á que estamos moi agradecidos polo apoio que sempre nos deu desde o inicio da nosa feira”, trasladou Conxemar.

Finalmente, a asociación confirmou que a próxima edición do evento terá lugar entre o 5 e o 7 de outubro de 2021, no recito feiral vigués. “Esperamos poder contar coa ampliación de 5.000 metros cadrados solicitada para o próximo ano”, apostilaron desde a organización.

ABEL CABALLERO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que Conxemar representa unha feira de produtos do mar cuxa realización resulta “imprescindible” debido á súa consolidación e a súa importancia, pero recoñeceu que a cancelación da súa edición deste ano por motivos de saúde pública supón “a decisión correcta”.

Caballero insistiu en que, a pesar da relevancia do evento, débese priorizar e “supeditar todo” á saúde pública. “Eu avalo a decisión, sei que a pensaron, que a meditaron, que lle deron voltas”, defendeu en alusión aos organizadores o rexedor, quen explicou que tamén abordou esta posibilidade cos mesmos con anterioridade.

Ademais, garantiu que “dará tempo” a acometer a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), reclamada pola organización dado que este recinto acolle cada ano o evento, antes da seguinte edición.

Deste xeito, o alcalde de Vigo asegurou que a próxima celebración do evento terá lugar “co Ifevi ampliado” e en “as circunstancias nas que ten que estar” o recinto feiral.

Así mesmo, Caballero mostrou o “apoio incondicional” do Concello de Vigo “a Conxemar, á ampliación do Ifevi e a todo o que teña que ver coa pesca nesta cidade”.

Os traballadores do Faro anuncian protestas contra o ERTE

O comité de Empresa do Faro de Vigo anunciou que se oporá a aprobación dun ERTE por parte do Grupo Prensa Ibérica –dono deste xornal e de La Opinión de A Coruña– ao entender que non existen razóns obxectivas para a súa aplicación.

Nun comunicado remitido, os traballadores do xornal denuncian as razóns dadas polo dirección do grupo para este ERTE. “No obedece a causas económicas si no a que ‘no podemos mantener la estrutura’”, apuntan. É dicir, que Prensa Ibérica sacrifica aos distintos xornais que posúe para manter a todo o grupo e comunica esta decisión sen tela consultada antes cos distintos comités dos medios que controla.

Así, lembran que, a pesar da gran crise sanitaria que sacode todo o mundo, eles non pararon a produción do xornal –nin no papel, nin na versión web–, e que a maioría dos traballadores puxeron a disposición da empresa os seus medios persoais –ordenadores, wifi, electricidade, teléfono– para traballar desde a casa. “Sen o teletraballo cos medios que están aportando os traballadores non podería saír o xornal durante os días de confinamento”, din.

O comité lembra que para afrontar situacións así existen outras fórmulas como o desfrute de descansos por festivos ou a compensación de horas extras con tempo de descanso. Con todo, a intención de Prensa Ibérica e comezar co ERTE a mediados de abril, polo que o xornal tería que afrontar a situación de crise sanitaria que aínda persistiría co plantel reducido.

“Hai razóns para rexeitar o ERTE e enfrentarse a el con todos os medios ao seu alcance, tanto de protesta como administrativos, por considerar que responde máis a un intento da empresa de beneficiarse desta complicada coxuntura que a situación real de negocio do Faro de Vigo”.

A piques de desconvocarse a folga no sector do conxelado coa promesa de subas salariais de case o 20%

O preacordo de convenio colectivo estatal asinado este sábado entre os sindicatos e a patronal do sector dos produtos elaborados do mar supón un “avance fundamental”, segundo defenden os sindicatos, na “dignificación” das condicións laborais ao contemplar unha importante suba salarial (do 16 ao 20% segundo a categoría) e incluír boa parte das melloras sociais que reclamaban os traballadores.

Con todo, as asembleas que se celebran a partir deste luns nas empresas deberán ratificar o pactado, o que suporía a desconvocatoria da folga indefinida prevista para este xoves 15.

O achegamento entre as partes (as centrais CIG, CCOO e UGT e a patronal Conxemar) produciuse tras oito horas de negociación nun encontro que se celebrou en Vigo e no que participou a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais.

Por volta das nove da noite asinábase unha acta que contempla como principais aspectos unha suba de soldos total nos catro anos de duración do convenio (2018-2021) do 16 ao 20% segundo a categoría laboral, incremento e creación de novos pluses, redución da xornada, aumento das licenzas, ademais de regularse a subcontratación e o uso das ETT.

Agora deberán ser as asembleas de traballadores que se celebrarán nas empresas a partir deste mesmo luns as que ratifiquen un texto que tamén establece a creación do permiso retribuído para acompañar a menores ao médico -algo que era unha reclamación histórica do persoal do sector- e o aumento de categoría para todas as empregadas que leven tres anos contratadas nunha compañía.

No caso de que o preacordo sexa aprobado pola maioría do persoal a folga indefinida prevista para este xoves 15 quedaría desconvocada.

Ademais do aumento salarial acordado (do 5,5% o primeiro ano, do 2 e do 2,1% cada un dos tres seguintes segundo as categorías e a inclusión do plus de convenio no salario base), o novo convenio recolle a extensión a todas as empresas do plus por uso de serra que xa abonaban algunhas compañías do sector e a creación dun novo complemento de refrixeración que ingresará o conxunto das operarios de planta.

Polo tanto, o ascenso de categoría pactado suporá que a partir do 1 de xaneiro do próximo ano as traballadoras ás que se lle aplique verán incrementado o seu salario en case un 7% por cento.

No que ten que ver coa contratación, regúlanse as “modalidades de subcontratación fraudulenta” como a que se fan a través das cooperativas de traballo asociado, as empresas multiservizos ou os centros especiais de emprego, de igual xeito que se fai o mesmo coas ETT, que terán que aplicarlle as traballadoras as condicións do convenio da empresa matriz.

Por último, a redución da xornada anual farase contabilizando como tempo de traballo os cinco minutos diarios de descanso para o bocadillo ou eliminando dous días do calendario laboral (16 horas).

O último ano de vixencia do convenio esta redución de xornada incrementarase, pasando a eliminar tres días de traballo ou a fixar o descanso para o bocadillo nos 7 minutos e medio diarios.

Centos de vigueses visitaron o Festival Paredes de Coura… e Slowdive levounos ata un lugar sen nome

0

O Festival Vodafone Paredes de Coura 2018 cativou a este pequeno e fermoso pobo portugués, pertencente a Viana do Castelo, que no seu día a día non alcanza os 10.000 habitantes.

Tamén aos milleiros de persoas que se achegaron como cada ano, moitas delas galegos que cruzaron a fronteira para desfrutar de boa música, sumándose a afeccionados de toda Europa.

Este Festival foi lugar de peregrinaxe para multitude de vigueses, en busca de grandes grupos e artistas como Arcade Fire (cabeza de cartel e peche por tódolo alto), Fleet Foxes, Dead Combo ou Slowdive. Catro días en total, do 15 ao 18 de agosto, máis o “bonus track” do 19 coa actuación de DJs.

Slowdive/ Miguel Núñez

A organización deste festival confeccionou un cartel heteroxéneo, que agrupa a práctica totalidade dos estilos da música popular: rock, pop, rap, electrónica, soul, jazz… E nos rostros do público distínguense os efectos sonoros de cada artista.

O de Slowdive, que xa tocaran en Paredes no ano 2015 cunha actuación que a propia organización recorda como máxica, foi un concerto breve (ao redor dunha hora), que comezou con absoluta puntualidade e non chegou ás dez cancións pero hipnotizou ao respectable.

Slowdive/ Miguel Núñez

Slowdive mesturan evasión con paixón, e iso aparece reflectido na tenue ou extremada vibración de cada rostro. Pechar os ollos para sentir algo máis profundamente o inevitable empurrón ao infinito.

Slowdive son unha banda inglesa formada en 1989, que converteuse nos 90 nun dos tres maiores referentes dun novo subxénero do rock chamado shoegazing. Eran My Bloody Valentine, os máis radicais e vangardistas, Ride, non tan enfrontados co pop e rock tradicional, e Slowdive, que poñen a emoción por riba de tódalas cousas.

Publico
Slowdive/ Miguel Núñez

Estes grupos deixaron unha triloxía de obras mestras do estilo, relevantes incluso para a historia xeral da música popular: “Loveless”, “Nowhere” e “Slovlaki”. Mais todos terminaron abandonando ante a avalancha brit-pop de Oasis, Blur, Pulp e compañía, que acaparou as revistas (eran tempos sen Internet) e terminou por relegalos a un segundo ou terceiro plano.

O tempo, que todo o cura, puxo a estas bandas no seu lugar, e cada unha delas terminou por retornar aos escenarios, sendo se cadra Slowdive unha das mellor paradas polo éxito do seu “Slowdive” (2017), moi respectado polos críticos, os cales o consideraron á altura da lenda por unanimidade.

Slowdive/ Miguel Núñez

Se non, non tería sentido volver dúas décadas despois e titular a túa obra co nome do grupo, toda unha declaración de que os anos non correran en contra para o talento. Tralo seu regreso, Slowdive tocaron en numerosos festivais e auditorios (tamén en Vigo, na primavera deste ano).

No Festival de Paredes, a maioría de temas foron do novo disco, non tendo tanto en conta  a importancia individual das cancións do seu repertorio e das súas diferentes etapas (son en total 4 albumes e varios EP´s) como reivindicar o presente. Pero coa calidade de temas como Slomo, Sugar for the pill ou Star Roving, que ata formou parte da BSO do FIFA, o público entregouse sin conflitos.

Slowdive/ Miguel Núñez

Tamén houbo tempo para algúns dos seus maiores temas, como Catch the Breeze ou When the Sun Hits, que tocan a alma. E a música de Slowdive é fermosa, mais non suave: nace, transfórmase e morre a máxima intensidade.

Títulos meteorolóxicos para un grupo atmosférico, que levou aos presentes a outro lugar ou a eles mesmos. Cada fotografía o demostra.

Slowdive/ Miguel Núñez

O termo shoegazing, como a “etiqueta” de tantos outros estilos ou subxéneros, naceu como unha simple mofa: eran guitarristas que non deixaban de mirarse os pés, uns por timidez, todos para facer uso das pancas de efectos e acadar ese son distorsionado e envolvente.

Slowdive/ Miguel Núñez

E xurdiron algúns grupos, nos 90 e tamén neste “revival” da actualidade que chega ata o Xapón. Polas propias características do estilo, incompatible co gusto das masas, nunca foron nin serán moi grandes, máis ben unha desas xoias ocultas que a cultura universal agocha por milleiros.

Slowdive/ Miguel Núñez

Máis de medio cento de feridos no accidente do Marisquiño

O grave accidente que tivo lugar este domingo pola noite durante a celebración dun concerto do Marisquiño ten un balance provisional de máis de medio cento de feridos.

Segundo fontes de Emerxencias, o persoal sanitario tería atendido a máis de 50 persoas con feridas de diversa consideración. A Policía Nacional xa descartou que haxa mortos neste accidente.

O sinistro tivo lugar durante o último concerto do Marisquiño, cando parte do peirao do porto de Vigo cedeu e provocou que a xente caíra, algunha mesmo a auga. Testemuñas directas aseguran que a sensación foi “como dunha avalancha caendo uns por riba dos outros”.

Os cativos de Bueu constrúen a “vila do mañá”: invadindo espazos para reforzar o sentimento de pertenza

Arredor de trinta nenos e nenas de entre 5 e 12 anos participaron durante toda esta semana en Bueu no obradoiro de urbanismo ‘A vila do mañá’, no que se reflexionou sobre “outra forma de entender as vilas e os lugares que habitamos”.

Desde a concellaría de urbanismo, dirixida por Martín Villanueva, agradécese a colaboración dos pais e nais que decidiron apuntar á rapazada nesta actividade “cuxo obxectivo era impulsar a relación co patrimonio e o urbanismo desde as primeiras idades”.

O obradoiro estivo dirixido pola laureada arquitecta Sandra González Álvarez e o seu equipo ( PØSTarquitectos). Ao longo destes cinco días, traballáronse conceptos como a invasión dos espazos a través de xogos, marcos, espellos, liñas e cintas, elementos tridimensionais e globos, coa idea de que a vila sexa vista como un espazo para a cidadanía e non como unha ameaza, tal e como habitualmente acontece.

Obradoiro de urbanismo/ Concello de Bueu

A iniciativa forma parte dun proxecto da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e baséase nas ideas de Francesco Tonucci, que relaciona a infancia co urbanismo e patrimonio das vilas, reforzando así o sentimento de pertenza e identidade co lugar, achegando tamén conceptos sobre planificación urbanística.

Nova retención quilométrica en Rande logo dunha colisión múltiple

0

Un total de catro vehículos víronse implicados nun accidente de tráfico ocorrido na AP-9, en dirección sur, ao paso polo concello pontevedrés de Moaña, á altura da Ponte de Rande. Como consecuencia do impacto, unha persona necesitou asistencia médica, aínda que, inicialmente, o seu estado non revestía gravidade.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, a colisión produciuse pasada a unha da tarde no carril lateral da autoestrada en dirección sur. Tras o choque, unha muller comezou a sentirse mareada e mesmo necesitou de axuda para poder saír do vehículo.

Debido a isto, foi evacuada nunha ambulancia das 061-Urxencias Sanitarias para ser sometida a un recoñecemento médico no complexo hospitalario de referencia. Ademais dos servizos sanitarios de urxencia, no operativo participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os bombeiros do Morrazo, aínda que non foi necesario empregar o material de excarceración.

Como consecuencia do accidente, a Ponte de Rande rexistrou importantes retencións de tráfico que se prolongaron até case as tres da tarde, segundo informou a Policía Local de Moaña. Foi a segunda gran retención desta fin de semana logo da acontecida no sábado. Os usuarios da vía quéixanse das obras de ampliación que, a pesar de ser inaugurado o novo tramo, seguen sen estar acabadas.

O Consorcio Aeronáutico Galego anima ás empresas a diversificar as súas actividades

O Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) animou este xoves ás empresas galegas a diversificaren a súa actividade para consolidarse na industria aeronáutica e aeroespacial, e crear “unha cadea de subministracións máis forte”, para atraer ás grandes construtoras do sector.

Así o manifestou o presidente do Consorcio, Enrique Mallón, en declaracións aos medios con motivo da celebración do II Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial de Galicia. Segundo augurou, o sector aeronáutico, xunto coa eólica mariña, van ser as industrias que dean “máis satisfaccións” a nivel empresarial en Galicia nos próximos anos.

Nesa liña, subliñou que a consolidación dunha cadea de subministracións será “a clave do éxito”, e apostou por nichos de mercado con gran proxección, como as aeronaves non tripuladas (UAV), os asentos, ou os materiais compostos, ademais de manter a aposta xa existente por outros produtos como as aeroestructuras ou os sistemas de comunicación.

Enrique Mallón lembrou que, no últimos tres anos, administración e empresas realizaron investimentos superiores aos 100 millóns de euros nesta industria, e lembrou que é unha actividade que “crece ano tras ano”. Así, máis de 40 empresas forman xa parte do CAG, xeran 1.200 empregos directos, e unha facturación de máis de 127 millóns de euros.

ECOSISTEMA INDUSTRIAL

Por iso, incidiu na importancia de manter o foco empresarial neste sector, e lembrou que, en Galicia, hai catro empresas provedoras de primeiro nivel, e máis de 30 firmas provedoras de segundo e terceiro nivel. Estas empresas, sinalou, traballan nos trens de cola, fuselaxe, sistemas de comunicación, determinadas pezas de asentos, etc.

“Estamos a conseguir aos poucos crear un ecosistema industrial aeronáutico e aeroespacial”, afirmou, e apuntou que deben ser os TIER1, como Delta, Coasa, Udega ou Utingal, os que “tiren do carro” para axudar a crear esa cadea de subministración forte.

O presidente do CAG referiuse tamén ao impulso do polo de Rozas, en Lugo, en iniciativas de aeronaves non tripuladas, e confirmou que máis dunha ducia de empresas do sector metalúrxico traballan nos proxectos que se desenvolven neste polo tecnolóxico.

O RETO DA AUTONOMÍA

Entre os relatores deste Congreso, estivo Eduardo Carrillo de Albornoz, Strategy & BD Director de Boeing, quen fixo mención ao proxecto desta multinacional (que opta na fase B de Civil UAVs Initiative de Rozas) para desenvolver sistemas que permitan as operacións seguras en naves non tripuladas.

Carrillo incidiu en que “o reto da autonomía é o próximo que está por vir” e Boeing considérao “estratéxico”, polo que vai pór “moito esforzo e moito agarimo” para estar nesa fase B do Civil UAVs Initiative. “A aposta de Boeing é real, temos moito interese en estar nos sistemas autónomos, e esta é unha oportunidade única en Europa”, proclamou.

DIMENSIÓN ADECUADA PARA CREAR “MASA CRÍTICA”

Finalmente, tamén compareceu ante os medios o presidente de Delta, Francisco Puga, que está á fronte dun grupo empresarial que fornece “practicamente a todos” os grandes construtores aeronáuticos.

Puga incidiu na importancia de que o sector aeronáutico e espacial de Galicia conforme unha “masa crítica” para fortalecer a súa posición nesta industria e atraer a atención das grandes compañías. Para iso, apuntou, as empresas galegas “teñen que ter unha dimensión un pouco maior” e poder así competir nun “mercado global”.

Delta está a piques de finalizar as obras das súas novas instalacións en Porto do Molle, en Nigrán. Segundo indicou o seu presidente, xa hai case medio centenar de persoas contratadas (a previsión do Plan Estratéxico eran 52) e estase traballando desde hai dous meses na fabricación de compoñentes metálicos (titanio, aluminio, etc.) para aeronaves. “Esperamos, nos próximos dous anos, ter unha carga de traballo importante”, aseverou.

Traballadores concéntranse para esixir a retirada do “pouco ético” ERTE en Stellantis e denunciar a “precariedade”

O xuízo previsto para este luns no Xulgado do Social 6 de Vigo contra o ERTE aplicado na planta de Stellantis para afrontar a falta de aprovisionamentos foi aprazado ao atoparse a parte demandada e o sindicato demandante, CUT, noutro xuízo sinalado para a mesma xornada.

O secretario da sección sindical de CUT na fábrica, Víctor Mariño, explicou que ambas as partes estaban citadas para comparecer nunha vista no Xulgado do Social 7 ás 11,00 horas, unha hora antes do xuízo contra o ERTE.

Así, explicou que o atraso da primeira vista e o rexeitamento da empresa a suspendela causaron que a titular do Xulgado do Social 6 optase por aprazar o xuízo contra o ERTE. Ademais, indicou que polo momento non se comunicou a data na que se retomará este último xuízo.

O pasado mes de marzo, a planta de Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) aprobou, co apoio dos sindicatos SIT-FSI, UGT e CC.OO., un expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) por causas organizativas e de produción, no marco do “problema conxuntural” da falta de pezas que afecta á industria de automoción. Deste xeito, acordouse que as xornadas de ERTE poderíanse establecer entre o 5 de abril e o final de decembro cun máximo de 60 días laborais para cada traballador con contrato a tempo completo.

Preguntado polos medios, o delegado sindical de CUT na planta, Pablo Martínez, considerou “pouco ético” que se aplique un expediente de regulación de emprego por parte dunha empresa que “declarou 6.000 millóns de beneficios neste segundo semestre” e que “este ano repartiu este ano 1.000 millóns de euros entre os seus accionistas”.

Neste sentido, criticou que o grupo automobilístico “cargue ás arcas públicas cunha crise provocada pola súa avaricia”, mentres os traballadores perciben “salarios miserables”. Ademais, denunciou a “precariedade” que causa o “ERTE miserable” que se atopa en vigor, que “só protexe á empresa” e “deixa fóra á metade do persoal”. Así, lamentou que traballadores indefinidos con contratos a tempo parcial “non estean protexidos” ante as paradas de produción, xa que cando a dirección “os deixa en casa”, “non cobran”.

Tamén puxo o foco no “abuso” da dirección respecto da antelación da comunicación das paradas. De feito, asegurou que, a pesar de que “a lei establece cinco días de preaviso”, en ocasións as suspensións de actividade notifícanse con “24 horas” de antelación.

ARGUMENTO XURÍDICO

En concreto, o delegado sindical detallou que o argumento xurídico esgrimido contra o ERTE no xuízo refírese a “a discriminación” que leva “porque deixa fóra á metade do persoal”. Do mesmo xeito, sinalou a “mala fe” da empresa na negociación, xa que este expediente “non está xustificado documentalmente”.

A este respecto, Martínez apuntou que a dirección afirma que a medida “está xustificada” a través dunha memoria explicativa que “se basea en recortes de prensa” para asegurar que “esta crise si existe” e “é real”.

No entanto, o delegado sindical insistiu en que “é o grupo o que decide que fabricas paran” e cales manteñen a súa actividade. Así, reclamou unha “explicación” sobre o motivo que leva a que as suspensións de produción se produzan nunhas plantas e non noutras, xa que “o 90% das pezas son comúns e pódense usar en todos os modelos que se fabrican”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed