Inicio Blog Páxina 1662

“El artesano”: O zapateiro da rúa Falperra de Vigo que garda o segredo da felicidade

Un zapateiro da rúa Falperra de Vigo garda o segredo da felicidade: “Pregúntasme polo meu sentido do humor? Eu vivín unha vida feliz, tiven diñeiro e non o tiven. O único que complicou un pouco as cousas foi a enfermidade“. Sergio padece cancro, espera un transplante de ril e vai a diálese tres veces por semana.

A pesar do seu sorriso case permanente, non pode estar satisfeito cos doutores e enfermeiros: “O outro día tratáronme mal… Cheguei á casa con fame e sono, comín e quedeime durmido. Cando espertei, estaba todo cheo de sangue, estiven unha semana alterado por iso. Se non podes acertar nesta vea (amosa unhas veas inflamadas se cadra dez veces máis grosas do normal), proba a facer fontanaría, porque a medicina non é o teu”.

“E o peor é que hai xente que non é humana. Van a facer o seu traballo, que involucra a persoas, e non teñen a máis mínima empatía cunha persoa maior, fáltanlle ao respecto á xente”, asegura este home de xa 70 anos que non se queixa de máis que o xa dito, a pesar de vivir en 20 metros cadrados.

Sergio, en primeira plana 7 Xornal de Vigo

“Desfrutei tanto na miña vida… Con 22 anos, en Uruguai, fun o rei, o dono e señor do fútbol no meu barrio, saía polas noites, e sempre fun un tipo esperto, a min me entusiasma todo”, celebra.

Agora, o seu é polo xeral un día a día tranquilo: “Vivo aquí, e se quero ver un partido vou ao bar. Eu non teño amigos, teño xente que me trata con respecto, e falamos. Se preciso axuda danma, a dona da tinturaría que me limpa a roupa, os veciños…”.

“Teño familia, e 3 netos, pero eu non quero molestar a ninguén. Estou en forma, aínda chego aos pés sen dobrar os xeonllos. Sempre fun de saltar, gústame o deporte todo, xoguei ao fútbol ata os 40 e pico coa xuventude. De mozo, estiven a punto de fichar polo Nacional de Uruguai, que era o mellor equipo do país, pero este xeonllo impediumo“, resume décadas en anaquiños e frases.

Sergio, facendo un traballiño / Miguel Núñez

Na súa casa e zapateiría, o baño está na cociña. Ten concedida unha discapacidade do 66%, e está facendo xestións para conseguir a pensión pola discapacidade e mais a xubilación do seu país, Uruguai.

País que estivo en guerra e tivo que marchar, posto que ademais era sindicalista. Comezou a desaparecer xente, buscaban comunistas, sindicalistas, traballadores. Marchou a Arxentina, cando Perón.

Mandárono matar de Uruguai a Arxentina, os seus contactos salvárono. Abandona Arxentina, casa cunha moza uruguaia, ten dous fillos, ela enfermou. El foi zapateiro toda a súa vida, tamén en EEUU onde o oficio estaba estendido e sacou os seus máis grandes beneficios.

Logo chegou a Vigo. Agora entran 4 pares ao día, e se foi un día bo. Son pequenos amaños. Non compensa o traballo, non costean a luz nin o aluguer. Os zapatos de hoxe en día están feitos para romperse, son baratos e compensa máis comprar uns novos que arranxar os vellos.

Sergio, co seu canario / Miguel Núñez

Hoxe comprou dúas barras de pan de 31 céntimos e media ducia de ovos, euro e medio de carne de porco. Comeu un anaco e xa lle chegou. Á mañá, foi un sándwich de xantar. Non ten moito apetito. A pesar dos seus 70 anos, asegura manterse forte, e mantense tamén no negocio dos zapatos no que estivo toda a súa vida.

Tivo outro negocio en López Mora, alí encargaban 30 pares ao día. Eran outros tempos. Hoxe un zapato custa 10 euros e arranxalo 14. Só quere arranxalo o posuidor dun bo exemplar de coiro.

Ten vacacións? Si, cando sae a andar en bicicleta. Ou cando acaricia á súa cadeliña. Encántalle tomar o sol boca arriba, fronte á porta. O seu paxaro canta. Sergio tamén viviu en Cangas, nun piso. De feito, nesta rúa leva menos dun ano.

É futboleiro ata a morte, é do Barca, de Messi, de Suárez. Ten neveira, colchón, televisión. A súa sala de estar é a aceira. Veñen persoas a facerlle compañía, e se non están o canario, que se chama canario, e a cadela, que se chama chula, e está padecendo un embarazo psicolóxico, di.

“Agarrárona, ten xa os seus anos encima pero creuno. A teñen mal acostumada. Ás veces lle traen de comer, a ven deitada no chan e pensan: pobriña, come”. Un dos seus fillos toca o contrabaixo, o outro a guitarra. Agora aparcaron o do grupo porque aburríronse das disputas, das loitas, “que son crueis e moitas”.

Unha muller de 72 anos detida en Vigo logo de querer matar o seu home por chamala “borracha”

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha muller de 72 anos de idade, de iniciais M.P.R.A., nacida en Zamora e domiciliada na cidade olívica, por ameazar cunha arma branca ao seu home despois de que el a chamara”borracha”.

Tal e como informou a Policía Local, os feitos ocorreron pasadas as 15,00 horas do venres, cando unha muller chamou á Central de Información e Mando do 091 e dixo que ía matar ao seu marido.

Unha patrulla acudiu ao lugar e atopou a porta do domicilio aberta e a unha muller sentada no sofá. A señora manifestou que estaba a durmir co seu marido cando el a increpou chamándoa “borracha e outras cousas“, e que levaba “toda a vida” padecendo esta situación, polo que nun momento dado colleu un coitelo e dirixiuse cara a el.

Non entanto, o home encerrouse na súa habitación, ao que ela reaccionou ameazándoo e cravando varias veces o coitelo na porta. Ademais, cortou os cables das telecomunicacións, o que foi comprobado polos axentes.

Os efectivos falaron entón co home, que indicou que recriminara á súa muller o feito de que estivese ebria porque “todos os días bebía un litro de viño e isto facía que se puxese moi agresiva”, o que facía a convivencia “moi difícil”. Ante todo iso, a muller foi detida e instruíronse as correspondentes dilixencias xudiciais.

Descende a taxa de criminalidade en Pontevedra

A provincia de Pontevedra segue sendo un lugar cada vez máis segura. No primeiro trimestre do ano descendeu a taxa de criminalidade e sitúase en 27,9 infraccións penais por cada 1.000 habitantes. Do mesmo xeito as infraccións penais baixan un 6,6% sendo 6.086 no tres primeiros meses de 2018, fronte ás 6.519 rexistradas nesta marxe de tempo en 2017.

Baixan significativamente os delitos contra a vida, integridade e liberdade das persoas, cun 20,3% menos que en 2017 e un 24,1% menos nas subtraccións de vehículos. Pola contra, rexistrouse un incremento do 19,3% nos delitos contra a seguridade viaria.

Tamén Galicia se mantén como cuarta comunidade máis segura de España no primeiro trimestre do ano cunha taxa de criminalidade de 27,4 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, 16,7 puntos por baixo da estatal.

17.511 INFRACCIÓNS

De acordo con estas estatísticas, no primeiro trimestre de 2018 (de xaneiro a marzo) coñecéronse en Galicia un total de 17.511 infraccións penais, cunha diferenza dun 0,1% respecto o mesmo período de 2017. Diso informou a Delegación do Goberno en Galicia sobre o balance de criminalidade correspondente a este período. Do mesmo xeito que a taxa de criminalidade do conxunto da comunidade, as catro provincias galegas tamén se manteñen, nestes primeiros meses, por baixo da media nacional.

Na provincia da Coruña, a taxa de criminalidade é de 30 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, cun lixeiro incremento de 0,3 puntos. En Lugo, a taxa de criminalidade mantense igual que no mesmo período de 2017, situándose en 20,9 infraccións penais por cada 1.000 habitantes. E en Ourense, a taxa de criminalidade é de 23,5 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, cunha subida de 0,3 respecto ao primeiro trimestre de 2017.

Breve historia da Pass Vigo: a tarxeta de bus urbano que non é só para os vigueses por decisión xudicial

Un auto xudidicial puxo en guerra ao Concello Vigués contra a Xunta e os limítrofes de Redondela e Mos, do PP. E todo, tras darlle a razón o contencioso-administrativo número 1 de Vigo, ao Concello de Redondela que obriga  ao de Vigo a eliminar a restrición do empadroamento á hora de outorgar as tarxetas para a bonificación do bus urbano, que até agora tramitaba só para censados na cidade.

Segundo o auto, o Concello de Redondela presentou un contencioso despois de facer un requirimento previo á Xunta de Goberno de Vigo que non tivo resposta. No devandito contencioso solicita que se elimine a esixencia de estar empadroado na cidade olívica para poder ser beneficiario da tarxeta PassVigo, que permite bonificacións no servizo de bus urbano.

O maxistrado sinala na súa resolución que esta esixencia (que deixaría fóra das subvencións a centos de usuarios, especialmente da parroquia redondelana de Chapela, até onde chega o bus de Vitrasa) non está especificamente recollida nin no convenio asinado entre o Concello de Vigo e Abanca para modernizar as tarxetas, nin nas instrucións aprobadas en Xunta de Goberno local para tramitar as solicitudes da PassVigo.

Así mesmo, xustifica a suspensión dese requisito porque, mentres non se resolva o contencioso, “os prexuízos derivados de manter a esixencia de empadroamento xeraríanse continuadamente a un número indeterminado de persoas”, non só de Redondela, senón de calquera outro lugar de procedencia.

Por contra, a eliminación dese criterio, que vén sendo de facto un “adiamento da entrada en vigor”, causa “tenues prexuízos” ao Concello de Vigo ao que, no caso de que os tribunais déanlle a razón, “bastaríalle con anular as tarxetas” dos non censados na cidade.

No auto sinálase que a medida de esixir o empadroamento para tramitar a tarxeta conculca a lei 2/2017 da Xunta (de acompañamento aos orzamentos dese ano), así como a lei 16/1987 de ordenación do transporte terrestre, e o Regulamento de Servizos das Corporacións Locais.

“LEI CONTRA VIGO”

O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, atribuíu dita resolución á lei 2/2017, a unha norma “concreta e específica feita por Feijóo para que Vigo lle pague o bus a todos os que veñen de fóra á cidade”.

Así avanzou que o seu goberno municipal utilizará “todos os mecanismos para defender Vigo contra os ataques de Feijóo” e expresou o seu convencemento de que, ao final, gañará esta pugna nos tribunais, porque esa lei de acompañamento é “inconstitucional” e atenta contra a autonomía municipal.

No entanto, lamentou que, “polo camiño”, a decisión xudicial custará “centos de miles, ou mesmo millóns de euros” aos cidadáns vigueses. “O custo será astronómico e terá gravísimas repercusións nas arcas municipais”, proclamou, e engadiu que esta “condena” é “o agasallo” de Feijóo aos vigueses.

Así, estimou que, soamente estendendo a tarxeta PassVigo a veciños de Chapela, o custo estará entre 100.000 e 150.000 euros para os bonos normais, sen contar os de estudantes, pensionistas ou bonos sociais (estes últimos viaxarían gratis).

O rexedor acusou directamente ao presidente da Xunta de porse “de acordo” cos alcaldes do PP de Redondela e Mos (ambos do PP), para, despois de que Vigo anulase o convenio do transporte metropolitano, introducir na lei 2/2017 criterios que impiden tramitar bonos de transporte con esixencias de empadroamento. Unha decisión que fixo que queira declarar a Feijóo “persoa non grata” para Vigo e cualificara ao seu delegado na cidade, Ignacio López-Chaves de “mercenario político”.

“Medida discriminatoria, insolidaria e antisocial”

Pola súa banda, o alcalde de Redondela, Javier Bas, expresou xa a súa satisfacción despois de coñecer o auto do xulgado que obriga ao goberno de Abel Caballero a eliminar a esixencia de estar empadroado na cidade para solicitar o cartón PassVigo.

Bas afirmou que se alegra “enormemente” de que o maxistrado aceptase esta medida cautelar solicitada por Redondela, contra unha esixencia “inxusta” que afecta por centos de veciños deste municipio, especificamente da parroquia de Chapela.

Tamén a rexedora de Mos, Nidia Arévalo, sempre insistiu en que “a substitución da Tarxeta Verde do Vitrasa pola Pass Vigo trátase dunha medida discriminatoria, insolidaria e antisocial, ademais dun ataque directo ás persoas con menos recursos; e é inconstitucional, ilegal e contraria aos principios esenciais de convivencia. É unha situación de discriminación que non se produce en ninguna outra cidade de toda España”.

SOLICITUDES

Tras a decisión xudicial, veciños da parroquia redondelana de Chapela presentaronse xa no Concello de Vigo para solicitar a tarxeta PassVigo, atendendo ao auto xudicial que di que, ao día seguinte de ser notificado, debe deixar de esixirse o empadroamento aos solicitantes.

Os veciños criticaron “as pegas” que se lles puxeron para presentar a solicitude e, após presentar unha queixa por rexistro, entregaron as súas peticións.

A este respecto, o alcalde sinalou que os usuarios “poden solicitar xa” esa tarxeta e que “non se lles nega” o trámite. En todo caso, lembrou que esa xestión leva “uns días” e que serán os técnicos municipais os que determinen como se cursan esas solicitudes de persoas non empadroadas en Vigo.

O Baixo Miño baralla mobilizarse contra o proxecto eólico en Tui e Gondomar

Entidades e concellos da comarca do Baixo Miño barallan accións como a presentación de alegacións, a recollida de firmas e a realización de mobilizacións para rexeitar un parque eólico proxectado en Tui e Gondomar.

En concreto, os alcaldes de Gondomar e Tui, Francisco Ferreira e Enrique Cabaleiro, respectivamente, o presidente da Entidad local de Morgadáns, Alfonso Misa, e representantes de asociacións ecoloxistas e a Comunidade de Montes de Peitieiros reuníronse este xoves para abordar esta situación.

Segundo trasladaron fontes do Concello de Gondomar, o rexedor deste municipio advertiu de que “se defenderá a contorna natural” e non se aceptará a “afectación” do parque eólico exposto aos montes da zona.

“En Gondomar non vai haber parques eólicos sen análise previa do seu impacto ambiental e sen o consenso social necesario”, afirmou Francisco Ferreira, que acusou á Xunta de non valorar as posturas dos municipios respecto destes proxectos.

O proxecto, denominado ‘A Paraguda’, está previsto en montes de Gondomar e Tui, nas inmediacións do Parque Natural do Monte Aloia, e atópase en proceso de admisión por parte da Xunta. Ademais, contempla a colocación de catro muíños en Gondomar e outro catro en Tui, preto do núcleo de Malvas.

ACCIÓNS

Adicionalmente, o rexedor de Gondomar e o seu homólogo en Tui estudaron presentar unha moción conxunta para a súa ratificación nos plenos das corporacións locais de ambos os municipios para rexeitar este proxecto.

Así mesmo, no marco da reunión, os asistentes barallaron outras accións, como a presentación de alegacións, a recollida de firmas e a realización de mobilizacións. Tamén se expuxeron buscar a implicación dos municipios pontevedreses de Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e Tomiño contra o proxecto ‘Alvariño I’, que suporía a colocación de 27 muíños en cinco parques eólicos.

Confirmados 3 positivos por Covid na tripulación do ‘Novo Confurco’

As probas PCR realizadas aos 11 tripulantes do arrastreiro ‘Novo Confurco’, que chegou este xoves ao Porto de Vigo procedente de Gran Sol cun caso sospeitoso de Covid, confirmaron que, finalmente, hai tres mariñeiros contaxiados, segundo puido coñecer Europa Press.

Entre o tres casos confirmados está o tripulante que presentaba síntomas, aínda que leves, mentres que os outros dous contaxiados están polo momento asintomáticos. En cumprimento dos protocolos, todos os membros da tripulación gardarán corentena e, segundo explicaron desde Sanidade, poderán facelo nos seus domicilios.

O ‘Novo Confurco’, da armadora viguesa González Parada, interrompeu a súa ‘marea’ de pesca en augas do Mar de Irlanda e decidiu pór rumbo de volta a Vigo tras detectarse entre a súa tripulación un caso sospeitoso de Covid. O barco atracou na terminal olívica este xoves e todos os mariñeiros, que están vacinados, foron sometidos a probas PCR.

Dáse a circunstancia de que outro pesqueiro da mesma armadora, o ‘Manuel Laura’, chegou a Vigo a pasada semana procedente de Irlanda, tamén cun posible caso de Covid a bordo e sospeitas doutros contaxiados. Nese caso, as probas confirmaron que 9 dos 12 tripulantes tiñan Covid, dos que tres tiveron que ingresar nun hospital (aínda que xa recibiron o alta).

Vigo mantense entre as áreas máis afectadas tras rexistrar outros 176 contaxios

Galicia mantén os contaxios de Covid-19 por encima do milleiro por terceiro día consecutivo, tras iniciar esta semana por baixo, aínda que cun lixeiro descenso a 1.018; mentres que os casos activos descenden a 18.195. Por contra, os pacientes hospitalizados ascenden a 308 –seis máis– e a taxa de positividade repunta a un 13,5 por cento.

Concretamente na área de Vigo, segundo os datos actualizados na mañá deste venres pola Consellería de Sanidadecon rexistros de ata as 18,00 horas do xoves, a presión hospitalaria mantense con sete en críticos e 53 noutras unidades. Pola súa banda, os casos activos descenden en 203 ata situarse nos 4.420, colocándose así como a segunda área máis afectada pola Covid só despois da Coruña e Cee.

En Galicia foron confirmados 1.011 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que supoñen 92 menos que o día anterior, dos cales 395 corresponden á área da Coruña e Cee; 176, á de Vigo; 135, á de Lugo; 97, á de Pontevedra e O Salnés; 96, á de Santiago e Barbanza; 62, á de Ferrol; e 50, á de Ourense.

En canto á taxa de positividade das PCR, ascende a un 13,54 por cento despois de baixar a un 12,9% o día anterior tras repuntar a un 15% o mércores, caer a un 12% o martes e iniciar esta semana cun repunte do 14,98%. Así, Galicia segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que, ata fai catro semanas, non superaba desde o 15 de febreiro.

Aprobado o proxecto básico do novo parque de bombeiros de Vigo

A xunta do goberno local de Vigo aprobou o proxecto básico do novo parque de bombeiros e protección civil que se situará no camiño dos Esturáns. En declaracións remitidas aos medios, o alcalde da urbe olívica, Abel Caballero, explicou que as futuras instalacións estarán dotadas dun soto, un baixo, dúas plantas e un torreón, así como que contarán con case 2.000 metros cadrados de superficie.

Deste xeito, avanzou que se colocarán redes de megafonía, voz e datos, así como instalacións de protección contra incendios. O rexedor lembrou que o antigo parque de bombeiros se situaba en Balaídos, tras o que foi trasladado provisionalmente á zona da depuradora.

Mentres, destacou que o novo complexo situarase próximo a lugares de “risco”, como a zona portuaria, que remarcou que carece deste servizo, o que supón “unha grave anomalía”.

 

Vigo conta 252 novos casos de Covid e 14 hospitalizacións na última xornada

A área sanitaria de Vigo segue aumentando os casos de Covid entre a súa poboación e mantense como o distrito que máis contaxios achega en Galicia só despois da Coruña-Cee. Se na xornada anterior Vigo sumaba 255 novos casos, este domingo rexistra unha cifra similar, cunha pequena baixada: 252. Desta maneira, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), a área de Vigo alcanza as 2.333 persoas que agora mesmo están cursando a enfermidade, o que supón un aumento de casos activos de 166.

A situación nos hospitais tamén se mantén á alza. Das 2.333 persoas contaxiadas, 84 atópanse en unidades de hospitalización, de maneira que 14 persoas máis foron ingresadas nas últimas 24 horas. Delas, 18 están en críticos (1 menos ca na xornada anterior).

No histórico da provincia documéntanse 284 falecidos, 12.388 altas e 15.005 casos acumulados dende o inicio da pandemia. Fixéronse, ademais, un total de 266.422 probas PCR.

SITUACIÓNS NAS RESIDENCIAS

A residencia Paz y Bien de Tui, intervida este martes pola Xunta, mantense como a máis afectada de Galicia cun total de 63 contaxios. A Moledo e As Angélicas, en Vigo, teñen catro positivos cada unha. No que respecta aos traballadores, unicamente se descontan do global por recibir a alta dous traballadores da residencia de maiores de DoralResidencias de Mos. Segundo os últimos datos da Xunta, o persoal máis afectado pola pandemia segue sendo, tamén, o da residencia Paz y Bien de Tui, con 25 afectados.

CASE 60 HOSPITALIZACIÓNS EN GALICIA

Galicia sumou outros 58 hospitalizados con coronavirus nunha xornada na que os positivos detectados por proba PCR volven estar en máximos da pandemia. Os1.124 casos diagnosticados supoñen a segunda cifra máis alta ata a data, só superada polos positivos do sábado, día no que se realizaron unhas 600 probas máis que as practicadas nas últimas 24 horas.

O Banco de Alimentos de Vigo case dobra a súa demanda

A demanda de axuda á Fundación Provincial do Banco de Alimentos de Vigo incrementouse un 40% na provincia de Pontevedra por crise derivada da pandemia, un aumento similar ao detectado a nivel nacional.

Preguntado nunha rolda de prensa, o vicepresidente da fundación, Iván Martínez, detallou que o número de beneficiarios ascendeu a case 30.000 nos últimos meses debido ás consecuencias sanitarias.

A este respecto, o presidente da entidade, Pedro Pereira, destacou o “cambio” detectado no perfil dos demandantes de axuda. Así, explicou que persoas empregadas antes da crise víronse obrigadas a acudir ás organizacións coas que traballa a fundación tras perder o seu traballo e finalizar o período no que podían percibir unha prestación.

Neste sentido, apuntou que “xente moi recoñecida no mundo laboral e profesional vigués” pasou a atoparse nunha situación complicada debido ás consecuencias da pandemia. No entanto, Iván Martínez precisou que o número de entidades a través das que traballa a fundación para dar resposta á demanda de alimentos mantívose ao redor das 150 durante este período.

RECOLLIDA DE ALIMENTOS

Así mesmo, Pedro Pereira presentou a Gran Recollida 2020 que levará a cabo a Fundación Provincial Banco de Alimentos a próxima semana, entre o 16 e o 21 de novembro, nas principais cadeas de supermercados da provincia e de modo ‘en liña’.

En concreto, indicou que esta acción non contemplará unha recollida presencial de alimentos a diferenza dos anos anteriores. Así, as persoas que acudan a un supermercado poderán realizar a súa doazón cando pasen pola caixa e o importe, que quedará reflectido no ticket de compra, ingresarase nunha conta bancaria cuxo destino será a fundación.

Adicionalmente, o vicepresidente da fundación provincial sinalou que as persoas interesadas en colaborar con esta entidade poderán realizar as súas achegas a través da páxina web e o sistema de pago virtual ‘bizum’.

Ademais, avanzou que, durante este fin de semana, voluntarios da entidade desprazaranse a supermercados dos principais municipios da provincia, como Vigo, Pontevedra, Vilargarcía e Marín, para informar os seus clientes da nova metodoloxía da campaña.

Tamén indicou que este ano a acción solidaria non contará cun padriño, aínda que resaltou que se contactará coas persoas que exerceron este papel en anos anteriores para dar unha maior difusión á campaña.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed