Breve historia da Pass Vigo: a tarxeta de bus urbano que non é só para os vigueses por decisión xudicial

O alcalde de Vigo considera que a obrigación de permitir que os veciños de Redondela ou Mos poidan utilizar a tarxeta é un "ataque directo de Feijoo" e que el debería pagar o "custe astronómico" da medida, que estima en centos de miles de euros.

Solicitantes da Pass Vigo / Europa Press

Un auto xudidicial puxo en guerra ao Concello Vigués contra a Xunta e os limítrofes de Redondela e Mos, do PP. E todo, tras darlle a razón o contencioso-administrativo número 1 de Vigo, ao Concello de Redondela que obriga  ao de Vigo a eliminar a restrición do empadroamento á hora de outorgar as tarxetas para a bonificación do bus urbano, que até agora tramitaba só para censados na cidade.

Segundo o auto, o Concello de Redondela presentou un contencioso despois de facer un requirimento previo á Xunta de Goberno de Vigo que non tivo resposta. No devandito contencioso solicita que se elimine a esixencia de estar empadroado na cidade olívica para poder ser beneficiario da tarxeta PassVigo, que permite bonificacións no servizo de bus urbano.

O maxistrado sinala na súa resolución que esta esixencia (que deixaría fóra das subvencións a centos de usuarios, especialmente da parroquia redondelana de Chapela, até onde chega o bus de Vitrasa) non está especificamente recollida nin no convenio asinado entre o Concello de Vigo e Abanca para modernizar as tarxetas, nin nas instrucións aprobadas en Xunta de Goberno local para tramitar as solicitudes da PassVigo.

Así mesmo, xustifica a suspensión dese requisito porque, mentres non se resolva o contencioso, “os prexuízos derivados de manter a esixencia de empadroamento xeraríanse continuadamente a un número indeterminado de persoas”, non só de Redondela, senón de calquera outro lugar de procedencia.

Por contra, a eliminación dese criterio, que vén sendo de facto un “adiamento da entrada en vigor”, causa “tenues prexuízos” ao Concello de Vigo ao que, no caso de que os tribunais déanlle a razón, “bastaríalle con anular as tarxetas” dos non censados na cidade.

No auto sinálase que a medida de esixir o empadroamento para tramitar a tarxeta conculca a lei 2/2017 da Xunta (de acompañamento aos orzamentos dese ano), así como a lei 16/1987 de ordenación do transporte terrestre, e o Regulamento de Servizos das Corporacións Locais.

“LEI CONTRA VIGO”

O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, atribuíu dita resolución á lei 2/2017, a unha norma “concreta e específica feita por Feijóo para que Vigo lle pague o bus a todos os que veñen de fóra á cidade”.

Así avanzou que o seu goberno municipal utilizará “todos os mecanismos para defender Vigo contra os ataques de Feijóo” e expresou o seu convencemento de que, ao final, gañará esta pugna nos tribunais, porque esa lei de acompañamento é “inconstitucional” e atenta contra a autonomía municipal.

No entanto, lamentou que, “polo camiño”, a decisión xudicial custará “centos de miles, ou mesmo millóns de euros” aos cidadáns vigueses. “O custo será astronómico e terá gravísimas repercusións nas arcas municipais”, proclamou, e engadiu que esta “condena” é “o agasallo” de Feijóo aos vigueses.

Así, estimou que, soamente estendendo a tarxeta PassVigo a veciños de Chapela, o custo estará entre 100.000 e 150.000 euros para os bonos normais, sen contar os de estudantes, pensionistas ou bonos sociais (estes últimos viaxarían gratis).

O rexedor acusou directamente ao presidente da Xunta de porse “de acordo” cos alcaldes do PP de Redondela e Mos (ambos do PP), para, despois de que Vigo anulase o convenio do transporte metropolitano, introducir na lei 2/2017 criterios que impiden tramitar bonos de transporte con esixencias de empadroamento. Unha decisión que fixo que queira declarar a Feijóo “persoa non grata” para Vigo e cualificara ao seu delegado na cidade, Ignacio López-Chaves de “mercenario político”.

“Medida discriminatoria, insolidaria e antisocial”

Pola súa banda, o alcalde de Redondela, Javier Bas, expresou xa a súa satisfacción despois de coñecer o auto do xulgado que obriga ao goberno de Abel Caballero a eliminar a esixencia de estar empadroado na cidade para solicitar o cartón PassVigo.

Bas afirmou que se alegra “enormemente” de que o maxistrado aceptase esta medida cautelar solicitada por Redondela, contra unha esixencia “inxusta” que afecta por centos de veciños deste municipio, especificamente da parroquia de Chapela.

Tamén a rexedora de Mos, Nidia Arévalo, sempre insistiu en que “a substitución da Tarxeta Verde do Vitrasa pola Pass Vigo trátase dunha medida discriminatoria, insolidaria e antisocial, ademais dun ataque directo ás persoas con menos recursos; e é inconstitucional, ilegal e contraria aos principios esenciais de convivencia. É unha situación de discriminación que non se produce en ninguna outra cidade de toda España”.

SOLICITUDES

Tras a decisión xudicial, veciños da parroquia redondelana de Chapela presentaronse xa no Concello de Vigo para solicitar a tarxeta PassVigo, atendendo ao auto xudicial que di que, ao día seguinte de ser notificado, debe deixar de esixirse o empadroamento aos solicitantes.

Os veciños criticaron “as pegas” que se lles puxeron para presentar a solicitude e, após presentar unha queixa por rexistro, entregaron as súas peticións.

A este respecto, o alcalde sinalou que os usuarios “poden solicitar xa” esa tarxeta e que “non se lles nega” o trámite. En todo caso, lembrou que esa xestión leva “uns días” e que serán os técnicos municipais os que determinen como se cursan esas solicitudes de persoas non empadroadas en Vigo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here