Inicio Blog Páxina 166

Nin a choiva nin os fallos técnicos puideron vencer a un Caballero que volveu acender o Nadal “no mundo enteiro”

A choiva caía con forza sobre Vigo, unha desas treboadas que semellan querer adiar o inevitable. Pero non houbo maneira: a cidade xa estaba convocada. E cando Vigo está chamada a iluminar o planeta, nin o ceo máis revolto pode detelo. A tarde avanzaba entre paraugas que subían e baixaban ao son dos chuvascos, pero en canto se abriron os accesos á Porto do Sol, o espectáculo humano non se fixo agardar. A xente entrou en avalancha, correndo, rindo, saltando charcas, coma se o diluvio non existise. En poucos segundos, as primeiras fileiras estaban ocupadas; en poucos minutos, a praza enteira estaba ateigada. Un ano máis, a choiva non foi rival para o entusiasmo. 

Cando o alcalde da cidade, Abel Caballero, apareceu no escenario, a música das pingas nos paraugas quedou eclipsada polo clamor da multitude. O rexedor arrancou co seu saúdo coral, ese que se converteu xa nunha liturxia do aceso das luces de Nadal: “Boas noites, Vigo! Boas noites, Galicia! Buenas noches a toda España! Good evening, Europe!”. A resposta foi inmediata, cálida e contundente. A choiva podía mollalo todo, menos o ánimo. Caballero proclamou que Vigo é “o símbolo do Nadal en todo o planeta”, que cando alguén pensa en Nadal “pensa en Vigo”, e que a cidade celebra estas datas como unha auténtica obra de arte. Lembrou aos traballadores do naval, da hostalería, da pesca, da tecnoloxía, da automoción, e saudou especialmente á xente nova, “os que senten que o Nadal é a ilusión”. A praza, brillante de auga, pero tamén expectativas, respostaba a cada frase.

A CONTA ATRÁS E UN ACESO QUE VENCEU Á CHOIVA

E chegou a intre decisivo. Caballero lanzou o seu xa mítico discurso espacial: “Todos os satélites da International Space Station e do James Webb están enfocando a Vigo…”. O público, entre risas e aplausos, preparábase para a conta atrás. E entón chegou: “Ten, nine, eight, siete, seis, cinco, catro, tres, dous, un… Luces! Encendido el árbol de Navidad de Vigo! Acaba de arrancar la Navidad en el planeta Tierra!”. E Vigo brillou. É certo que a choiva intensa provocou algunha incidencia —a apenas uns minutos do comezo do espectáculo, un cadrante da árbore curtocircuitou e comezou a botar fume; a árbore iluminaba e deixaba de iluminar de maneira intermitente; e a música prevista soou cun leve retardo–, pero lonxe de enturbiar o momento, esas anécdotas convertéronse nun ingrediente máis dunha noite épica, grazas ao humor co que as tomou o alcalde.

Caballero botoulle cercanía e naturalidade á cousa: “Non sei que lle pasou á árbore… Pero volverá acenderse rápido: isto son cousas da choiva”, dixo sorrindo, provocando tamén gargalladas no público. E pediu un aplauso para os técnicos que traballaban a contrarreloxo para arranxar os fallos e asegurou: “Isto arranxámolo nun plis-plas… E, se non, en media hora”. Ao que a xente respostou con complicidade, coma quen forma parte da escena. Porque o espírito de todos aqueles que se achegaron a vivir o aceso das luces de Nadal de Vigo era máis forte que as inclemencias meteorolóxicas e os seus percances.

A PESAR DA CHOIVA, VIGO FIXO O DE SEMPRE: EMOCIONAR E ILUMINAR

Tras o aceso da árbore, chegou outro dos intres máis agardados: os cañóns de confeti lanzaron ao aire longas cintas e serpentinas de cores, creando unha choiva festiva que caeu sobre toda a Porta do Sol. Entre paraugas, luces e aplausos, aquelas tiras brillantes quedaban pegadas ás gabardinas e aos abrigos, mentres a xente sorría e collía algunha ao voo como recordo. E despois, cando por fin soou a canción de John Lennon –‘Happy Xmas (War Is Over)‘, a praza enteira viviu un momento máxico: dende varias azoteas comezaron a funcionar os cañóns de neve, que proxectaron ao aire unha escuma branca e lixeira que caía flotando, simulando unha nevada perfecta sobre a multitude. A xente alzou as mans, gravou vídeos e, por un intre, semellou que Vigo se transformara nunha postal invernal saída dunha película.

A cidade iluminouse igual que cada ano, con esa “onda de luz dende cada parroquia” que o alcalde anunciou dende o escenario. E, malia o tempo adverso e os fallos técnicos por mór da choiva, Vigo volveu ofrecer un espectáculo único, seguido desde toda Galicia, España e milleiros de pantallas no mundo enteiro. A noite rematou cunha praza empapada, si, pero tamén iluminada, emocionada e orgullosa. Porque en Vigo, mesmo cando chove a mares, a xente resposta, participa e celebra. E porque, como repetiu Caballero, “o mellor Nadal do planeta arranca dende Vigo”. Un ano máis, e pase o que pase no ceo, Vigo acendeu o Nadal do mundo enteiro.

Protesta en Vigo pola supresión do AVE en Sanabria: “Non o imos aceptar”

0

Medio centenar de veciños de Sanabria (Zamora) concentráronse este sábado en Vigo para protestar pola supresión das paradas do AVE na súa comarca, unha decisión que atribúen ao alcalde vigués, Abel Caballero. A mobilización, finalmente celebrada na Praza do Rei pola coincidencia co aceso do Nadal na Porta do Sol, reuniu decenas de persoas que denunciaron a redución de frecuencias en Sanabria para acurtar o traxecto entre Vigo e Madrid.

Os asistentes criticaron que Caballero, tras décadas na política e mesmo sendo exministro de Transportes, non lograse un tren directo Vigo-Ourense que evitase pasar por Santiago e permitise reducir tempos de viaxe sen eliminar servizos noutras localidades. Consideran que se lles retirou “un servizo fundamental”, xa que o primeiro AVE da mañá permitíalles chegar a Madrid por motivos laborais ou realizar transbordos.

Entre proclamas como “Queremos o que nos quitaron”, advertiron que non aceptarán a supresión e esixen recuperar as paradas en Sanabria.

A Xunta urxe a Caballero a abordar as válvulas danadas da presa de Eiras

A Xunta de Galicia reiterou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a urxencia de celebrar unha reunión técnica para abordar os problemas detectados nas válvulas da presa de Eiras. Nunha carta do director de Augas de Galicia, destácase que é “imprescindible” este encontro para tratar a substitución integral das válvulas, que son fundamentais para garantir o abastecemento de auga á poboación viguesa e á súa comarca, e que están baixo responsabilidade exclusiva do Concello.

O organismo autonómico lembra que a concesionaria municipal puxo trabas durante anos para permitir acceso ás instalacións e revisións. A Xunta apunta que, tras recibir as chaves do encoro, o Concello reservouse “en exclusividade” o accionamento das válvulas, sen comunicar incidencias que puidesen comprometer o sistema. En 2025, as probas realizadas por Augas de Galicia constataron que as válvulas precisan substitución completa.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, calificou os danos como un “problema grave” e subliñou que o alcalde coñece os litixios e trabas sobre a xestión do encoro. Insistiu en que a solución non se limita a substituír unha única válvula, cun custo de 50.000 euros, e advertiu que o asunto non é unha disputa política, senón un tema serio que require coordinación das administracións. A Xunta insiste en que é fundamental manter a reunión técnica para garantir a seguridade e o correcto funcionamento do sistema de abastecemento de auga.

Detidos dous veciños de Salamanca por estafa en compras ‘online’

0

O equipo de investigación tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra investiga a un home de 45 anos e unha muller de 40, ambos veciños de Salamanca, como presuntos autores de estafa continuada e usurpación de estado civil.

As pescudas iniciáronse en febreiro de 2024 tras recibir un aviso dun establecemento comercial da provincia de Pontevedra, que alertaba de pedidos ‘online’ con características sospeitosas. A Garda Civil comprobou que os investigados realizaban compras a través da páxina web do comercio e, unha vez formalizados os pedidos, chamaban para cambiar a dirección de entrega, redirixindo os artigos a distintos puntos de Salamanca, onde finalmente recibían as mercadorías.

Para evitar ser identificados, anulaban o pago e empregaban datos de terceiras persoas alleas aos feitos, incorrendo nun delito de usurpación de identidade. As mesmas prácticas realizábanse en diferentes páxinas web de artigos deportivos en varios puntos de España. A análise da información permitiu identificar aos presuntos autores, ambos con antecedentes policiais. O prexuízo económico total para a pasarela de pago afectada na provincia superou os 16.000 euros, motivo polo cal presentou denuncia. As dilixencias instruídas foron remitidas ao Tribunal de Instancia, sección civil e instrución, de Cangas do Morrazo.

Vigo acende este sábado o seu Nadal con 12 millóns de luces

0

Vigo acenderá este sábado as luces de Nadal ás 20.00 horas baixo a árbore xigante da Porta do Sol, un acto ao que só poderán acceder 7.000 persoas a través das rúas Príncipe, Policarpo Sanz, Carral e Doutor Cadaval. O alcalde, Abel Caballero, explicou que haberá tres pantallas xigantes —en Policarpo Sanz, o Museo Marco e Vialia— para seguir en directo o comezo oficial das festas, confiando en que a choiva dea unha tregua.

A árbore, de 45 metros, soará este ano con temas como Happy Xmas de John Lennon, All I Want for Christmas Is You de Mariah Carey, Chegou o Nadal de Ozuna, ademais de pezas de Elton John, Sting e Shostakovich. O rexedor confirmou tamén a apertura do Cíes Market este sábado, mentres que o resto de mercadillos, incluídos os novos de Bouzas e Vialia, irán abrindo nos vindeiros días.

A cidade contará con case 12 millóns de luces LED en 460 rúas e prazas, con máis de 7.000 elementos ornamentais e unha ampla oferta que inclúe o Belén Monumental, a Casa de Papá Noel, a nora xigante e numerosos elementos lumínicos en 3D.

Os hoteleiros celebran o inicio da campaña, que arrinca cun 80% de ocupación nos establecementos do centro. O presidente de Ahosvi, Daniele Provezza, augura unha tempada “moi boa”, con hoteis “case completos” para a ponte de decembro e un forte incremento nas reservas das ceas de Nadal. Sinala, ademais, que moitos grupos están a adiantar as celebracións a novembro, o que contribúe a desestacionalizar e mellorar a calidade do emprego. Asegura que, aínda que o centro é o máis beneficiado, o efecto das luces xa se nota en toda a cidade.

Vigo xa ten o seus orzamentos aprobados 350 millóns, co rexeitamento de PPdeG e BNG

0

O pleno do Concello de Vigo deu luz verde este venres á aprobación inicial do orzamento para 2026, o décimo noveno consecutivo, que ascende a algo máis de 350 millóns de euros, cos votos favorables do grupo maioritario, o PSOE, e o ‘non’ de PP e BNG.  concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, foi o encargado de defender as contas municipais para o próximo exercicio, unhas contas que “fan de Vigo a mellor cidade para vivir, e un referente en Galicia e no Estado español”.

Así, tras insistir en que a cidade ten “a menor presión fiscal de Galicia“, con “débeda cero” e cunhas contas “saneadas”, fixo fincapé nalgunhas das partidas máis significativas, como os 1,8 millóns para as vivendas sociais de Esturáns, os case 30 millóns para políticas sociais, 47 millóns para servizos públicos como o transporte urbano ou a recollida de lixo, 38 millóns para “axudas a colectivos e familias”, 19 millóns para parques e xardíns, ou case 20 millóns para cultura.

Aneiros tamén destacou os 44 millóns de euros de investimentos previstos en obras como a reforma da bancada de Gol, as ramplas de Gran Vía e o Paseo de Granada, a reforma da Avenida de Madrid, a biblioteca e a piscina de Teis, ou o túnel de Elduayen. “Este é o modelo da cidade que queremos, unha cidade dinámica, sustentable, atractiva”, proclamou, e engadiu que Vigo seguirá avanzando nesa liña co apoio do Goberno de España “e a ausencia significativa da Xunta”.

REXEITAMENTO DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, os grupos da oposición trasladaron no pleno o rexeitamento a uns orzamentos que “non atenden ás necesidades reais” dos vigueses e vaticinaron que, como nos últimos exercicios, gran parte desas partidas quedarán sen executar.

A concelleira do PP, Patricia García, sinalou que os orzamentos de 2026 son un “documento repetitivo e maquillado”, no que se repiten partidas para obras que xa estaban en contas anteriores. “A mesma estafa orzamentaria de cada ano”, constatou, e lembrou que o feito de que o Concello dispoña de máis de 100 millóns de remanentes “non é solvencia, senón incapacidade para xestionar”, a pesar do cal, o goberno local “séguese atrevendo” a subir impostos.

Mentres, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén criticou que os novos orzamentos son “máis do mesmo”, unhas contas elaboradas “en réxime de monólogo, sen dialogar” e que están abocadas á inejecución. Respecto diso sinalou que os fondos sen executar no últimos cinco anos superaron os 500 millóns de euros. Ademais, ensurou que, mentres se recorta en políticas sociais ou plan de emprego, o gasto na campaña de Nadal creceu “un 151 % desde 2020”.

Tanto as emendas presentadas por ‘populares’ (39 propostas por 72 millóns de euros) como por nacionalistas (198 emendas parciais por 31 millóns) foron rexeitadas polo goberno local.

Intervidos no porto de Vigo tres colectores con 60.000 bolsos falsificados destinados a unha empresa portuguesa

0

Axentes do servizo fiscal da Garda Civil de Pontevedra e funcionarios de Aduanas incautáronse de máis de 60.000 bolsos falsificados que foron localizados en tres colectores inspeccionados no porto de Vigo. A intervención produciuse o pasado martes, cando se realizaba unha inspección de mercadorías. Os tres colectores procedían de China e foron revisados por persoas da Axencia Tributaria e da Compañía Fiscal da Garda Civil do Porto de Vigo.

Na declaración presentada á Aduana, figuraba que a mercadoría ía dirixida a unha empresa de Portugal, polo que parece que o destino final era o mercado luso. Parte dos bolsos, que simulaban ser de diferentes marcas de luxo, aparecían xa coa marca falsa pegada ou cosida. O resto de produtos imitaban a forma de modelos concretos de bolsos destas marcas e portaban, aínda sen coser, os logotipos. Con esta partida, suman xa case 100.000 unidades de produtos falsificados intervidos nos últimos meses.

En aplicación da normativa aduaneira, cando a Aduana detecta estes envíos que vulneran os dereitos de propiedade industrial (marcas e patentes), paraliza o envío e alerta aos titulares das marcas, para que poidan defender os seus dereitos interpondo as correspondentes demandas.

OPERACIÓN CONTRA A DROGA

Por outra banda, axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo desarticularon un grupo dedicado á venda de drogas na cidade, e detiveron a tres persoas, ademais de intervir 100 gramos de heroína, marihuana, cocaína e diñeiro en efectivo.

As investigacións iniciáronse fai tres meses por parte da Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco) da Policía, tras detectarse certos movementos de drogas en Vigo. As pescudas permitiron identificar os tres integrantes deste grupo, entre eles o xefe, que se dedicaban a vender estupefacientes a pequenos consumidores.

A Xunta insiste en que Vigo non informou de anomalías a pesar de ser responsable de operar as válvulas de Eiras

0

A Xunta de Galicia insistiu este xoves en que nin o Concello de Vigo nin a concesionaria Aqualia informaron a Augas de Galicia de ningunha anomalía nas válvulas do encoro de Eiras, entre 2023 e 2025, a pesar de que era a empresa contratada polo consistorio a encargada de operar esas válvulas. Así, Augas de Galicia lembrou nun informe que a presa de Eiras é de titularidade autonómica e que en 2019 licitouse un contrato para a súa explotación e mantemento.

Pero o Concello de Vigo e Aqualia recorreron dita licitación e iniciaron un proceso nos tribunais para oporse, alegando que esa xestión debía ser municipal (o último capítulo dese proceso foi en xuño deste ano, cando un xulgado do contencioso administrativo de Santiago ratificou a legalidade da licitación autonómica e confirmou que Augas de Galicia é o órgano competente para a explotación e mantemento).

O contrato non puido executarse de forma inmediata e tivo que ser temporalmente suspendido, ao impedirse o acceso da empresa ás instalacións. A finais de 2020 e a finais de 2021, os técnicos da firma contratada por Augas de Galicia tentaron acceder a todas as instalacións para levar a cabo os traballos encomendados, pero, explicou o ente autonómico, impedíuselles o acceso á presa.

No verán de 2022, Augas de Galicia acordou o inicio do contrato e en setembro dese ano, levou a cabo unha reunión entre a contratista do organismo dependente da Xunta e a empresa concesionaria Aqualia. Na acta do devandito encontro, segundo se recolle no informe de Augas, a concesionaria municipal incidía en que seguiría facendo a operación, conservación e mantemento, e recoñecía unha “interferencia” entre os labores de ambas as empresas.

A finais de 2023, Augas de Galicia remitiu por escrito un requirimento a Aqualia pola súa “falta de colaboración e obstaculización do exercicio de funcións públicas e privación a Augas de Galicia e ao seu equipo da plena posesión dun ben de dominio público adscrito á devandita entidade pública, para o cumprimento dos seus fins”.

ENTREGA DE CHAVES EN 2023

Finalmente, en xaneiro de 2023 asinouse a acta de entrega por parte do Concello de Vigo das chaves da presa e acordouse, entre outras cuestións, que as válvulas de abastecemento e comportas da torre de toma serían accionadas por Aqualia, “correspondendo o seu mantemento e conservación a Augas de Galicia”.

Na devandita acta tamén se recolle que “existirá unha comunicación fluída, coordinación e mutua colaboración entre ambas as empresas, comprometéndose a compartir calquera información ou documentación relevante con respecto á seguridade da presa, das súas instalacións, ou que puidese afectar o servizo de abastecemento”.

“Esta indicación era necesaria, pois viñamos dun enfrontamento entre a Administración Autonómica e Local sobradamente coñecido, documentado e patente, impedindo o funcionamento normal dos servizos”, sinalou Augas de Galicia, que incidiu en que a concesionaria municipal é a responsable de manipular diariamente as válvulas e “de informar o servizo de Explotación en caso de detectarse calquera anomalía”.

SEN AVISOS DE ANOMALÍAS ENTRE 2023 E 2025

Fontes autonómicas sinalaron que non puido ser ata este ano 2025 cando se realizou unha inspección completa das instalacións (tras a última sentenza favorable) e que Aqualia non informou de ningunha anomalía desde a entrega das chaves en 2023 ata que, na primeira inspección completa de Augas de Galicia observáronse as deficiencias en dúas das catro válvulas. Unha delas rompeu na primeira apertura, “polo que se presume que Aqualia non realizou ese movemento semanal de válvulas durante anos”.

“Dita apertura, a pesar do que ditan as normas, nin sequera puido ser completa, xa que Aqualia esixiu que se restrinxise a operación a unha apertura parcial. Deste feito quedou constancia nas comunicacións con Augas de Galicia que foron necesarias para realizar unha revisión xeral –esixe a normativa de seguridade de presas– efectuada este ano”, expoñen as mesmas fontes.

Aberta unha investigación sobre supostas irregularidades na xestión do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas

A Fiscalía da área de Vigo abriu unha investigación sobre supostas irregularidades na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da localidade pontevedresa de Ponteareas, requiríndolle ao Concello documentación dos trámites realizados tras as denuncias do persoal, por se puidese existir un delito de prevaricación administrativa. Así, Fiscalía comunicou a apertura de dilixencias de investigación penal sobre os presuntos incumprimentos da normativa vixente por parte da empresa concesionara, tras ser denunciados pola CIG ante a inspección dos servizos sociais.

Tal como reivindica o sindicato nun comunicado, esta decisión chega despois de que se lle remitise a Fiscalía copia da denuncia polos supostos incumprimentos da empresa Óbolo e do propio Concello, considerando que se podería cometer un delito de prevaricación administrativa por parte da administración local e do concelleiro responsable. Todo iso debido a que, a pesar de enviar denuncia ata en dúas ocasións sobre a situación do SAF, “a representación sindical non recibiu contestación nin consta actuación administrativa algunha respecto diso”.

Desde a central sindical valoran a iniciativa de Fiscalía e lamentan que o goberno local non actuase fronte ás denuncias previas das traballadoras, “chegando incluso unha vez convocada a folga a negar que se estivesen incumprindo as condicións esenciais do contrato”. Así, a CIG critica que o Concello se negase a iniciar un expediente sancionador ou de resolución de contrato, “utilizando a partir dese momento persoal propio e provedores do Concello para tentar corrixir os incumprimentos (achegando programa informático, mobiliario, material hixiénico, equipamento da residencia municipal, teléfonos móbiles e roupa de traballo)”.

A CIG indica que non levou ao pleno municipal a apertura dun expediente sancionador ata o pasado 28 de outubro, case tres meses despois de ter constancia dos feitos e transcorridos xa 32 días da folga indefinida.

Daron Acemoglu defende unha intelixencia artificial “protraballador” no Vigo Global Summit

0

O Premio Nobel de Economía 2024, Daron Acemoglu, reivindicou a importancia dunha intelixencia artificial “protraballador” e non “automatizadora” para evitar problemas sociais e incluso co futuro das democracias.

Así o sinalou durante a súa intervención na segunda xornada do Vigo Global Summit de Zona Franca, celebrado no Auditorio Mar de Vigo, diante de máis de mil asistentes. Acemoglu alertou de que a IA destinada a substituír o traballo humano aumenta a desigualdade entre propietarios do capital e empregados, o que pode xerar populismo, desinformación e perda de confianza nas institucións.

O economista explicou que unha automatización descontrolada, sen grandes aumentos de produtividade, provocará “moitos trastornos sociais” e tempos difíciles para a democracia. Defendeu que a IA debería centrarse en axudar aos traballadores a mellorar a súa produtividade, dando o exemplo dun electricista que podería resolver problemas complexos grazas á tecnoloxía e a información veraz, aumentando a súa eficacia sen ser substituído.

Acemoglu pechou a última conferencia do congreso, tras el participaron a condutora Mamen Mendizábal, o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que destacaron a gran acollida do evento e convidaron á terceira edición, así como ás actividades culturais programadas.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed