Inicio Blog Páxina 1593

En Marea pedirá o cese de López Veiga por “culpabilizar” a organización do Marisquiño

O grupo municipal Marea de Vigo acusa a Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria de realizar unha “manobra evasiva” para “evitar asumir responsabilidades”. Ademais, critican que en lugar de “ter ofrecido de maneira responsable” a información relacionada, a aportaran “moitos días máis tarde, a base de reiteradas peticións”.

Na rolda de prensa ofrecida este venres por parte de Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome, Marea de Vigo fixo unha valoración sobre o que consideran se pode dilucidar da documentación finalmente aportada por parte do goberno local.

Afirmaron que “segundo a información que se nos trasladou, en concreto o Plan de Autoprotección, consideramos totalmente fóra de lugar e errado depositar a responsabilidade do accidente de O Marisquiño sobre a propia organización do evento. O feito da aprobación deste Plan xa os exime de toda responsabilidade, polo que estas recaen en exclusiva sobre as administracións, e nelas deberán dirimirse” explicaba Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome, portavoces de Marea de Vigo/ Miguel Núñez

Pola súa parte, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, fixo fincapé na “actuación” que “están levando a cabo tanto o goberno local de Abel Caballero “como a Autoridade Portuaria, co seu presidente á cabeza”.

“Non podemos consentir que se lle intente ‘cargar’ a responsabilidade do accidente á organización de O Marisquiño, ou que digan que son eles os que teñen que revisar as infraestruturas da cidade. O presidente da Autoridade Portuaria foi quen de dicir isto en público, e isto, xunto a outras cuestións como a tentativa de privatización dos servizos do porto pesqueiro, a xestión do conflito da estiba ou a relación tan absolutamente dictatorial que ten coa representación dos traballadores do Porto, sustentan a petición de cese inmediato que imos trasladar”, declararon.

Rubén Pérez tamén explicou os motivos polos que a Marea de Vigo vai pedir no Pleno Ordinario a apertura dunha Comisión de Investigación, á marxe do Pleno Extraordinario que, segundo a Marea de Vigo, non é suficiente para dirimir as responsabilidades políticas que corresponden.

“O lóxico era que o alcalde, ao ter acontecido algo no seu termo municipal, de ‘motu propio’ abrise unha comisión especial de investigación. Neste caso, non foi así e indicáronnos que tiñamos que solicitala no Pleno, e iso é o que imos facer o vindeiro mércores”, aseguran.

“Isto precisa dun traballo detallado e con toda a documentación enriba da mesa, no que tamén os técnicos municipais nos poidan explicar o acontecido. Isto é o suficientemente importante como para que non o limitemos a falar 5 minutos cada grupo nun Pleno Extraordinario”, concluíron.

A Xunta mantén apartados da docencia aos profesores da Escola de Arte Dramática investigados por acoso sexual

A Xunta comunicou que os profesores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) investigados por supostos delitos de acoso sexual “quedaron apartados da docencia como medida cautelar” ante o proceso aberto contra eles.

En declaracións a Europa Press, fontes da Xunta manifestaron que, tras coñecer os feitos denunciados, a Inspección Educativa “actuou con toda determinación e abriu unha investigación interna no centro“. No entanto, “de acordo cos protocolos de actuación nestes casos”, dita investigación quedou en suspenso cando a Fiscalía abriu dilixencias penais, aínda que os profesores investigados “quedaron apartados da docencia como medida cautelar”.

Ante estas circunstancias, a Xunta manifestou o seu respecto á acción da Xustiza e a súa colaboración “en todo o que se precise”. Ademais, reiterou o seu rexeitamento e condena a calquera conduta machista. “Defendemos que a loita contra o acoso debe abordarse dunha forma integral desde todas as perspectivas posibles”, concluíu.

Nace en Chandebrito o Bosque da Memoria, para non esquecer a traxedia e traballar no futuro

A localidade de Chandebrito (Nigrán), bautizada como “a zona cero” ao ser un dos lugares máis afectados polos incendios que arrasaron Galicia o pasado outubro, inaugura este venres día 10 de agosto o seu Bosque da Memoria, un espazo de descanso poboado por árbores autóctonas como o carballo ou o castiñeiro, e completado con mobiliario de descanso e paneis informativos.

Este espazo enmárcase na acción “Árbores de Cinza” impulsada pola Asociación Galicia Ambiental, e contou coa colaboración directa de distintas asociacións da zona, como a Comunidade de Montes de Chandebrito, e outras de carácter internacional, como a Fundación C&A, da devandita cadea téxtil.

Unha rapaza mira como avanza o lume durante a noite/ Miguel Núñez

Este particular Bosque da Memoria, situado aos pés do castro da localidade, pretende ser un recordo vivo do paso dos incendios por esta zona en outubro do pasado ano. Pero, ademais, este bosque busca converterse nunha mostra da existencia de alternativas sustentables e viables para os bosques galegos, ao estar integrado por especies autóctonas, unha mensaxe de sustentabilidade tanto para os veciños como para os visitantes deste espazo.

O bosque compleméntase coa instalación de sinais e espazos especialmente concibidos para os visitantes a modo de centro de interpretación e zona de descanso. No seu afán divulgador, estes paneis explicativos conteñen información sobre as especies autóctonas utilizadas na repoboación, coa intención de dar a coñecer entre a poboación estas árbores típicas dos nosos bosques.

lume incendios
Operarios rodeados de lapas e fume/Miguel Núñez

Trátase tamén dunha homenaxe aos que sufriron o incendio e as súas consecuencias, e en especial ás dúas veciñas que perderon a vida cando tentaban escapar do lume na zona. Tras semanas de traballo, a inauguración deste espazo verde pretende ser un punto de encontro ao redor da sustentabilidade e o respecto cara á natureza.

Os esforzos de Árbores de Cinza concéntranse, en boa medida, na localidade de Chandebrito, que non foron os únicos prexudicados naquela onda de incendios vividos en outubro do pasado ano en toda Galicia, pero son “exemplo e motivación” para o proxecto Árbores de Cinza 2018.

Non en balde, nesta parroquia rural do municipio pontevedrés de Nigrán, que apenas alcanza os 540 habitantes, as chamas arrasaron polo menos 420 hectáreas das 430 hectáreas do seu monte.

A inauguración do Bosque da Memoria será o colofón a unhas sesións centradas na biodiversidade, a loita contra o lume e a formación en materia ambiental, que levarán a cabo en Chandebrito esta semana.

fume lume incendios
Un paisano camiña cara o incendio do monte rodeado por un fume denso/ Miguel Nuñez

En concreto, nas tardes do xoves e o venres (9 e 10 de agosto) terán lugar as xornadas “Rural sostible” que se enmarcan, de novo, na acción solidaria “Árbores de Cinza”, impulsada pola asociación Galicia Ambiental, e que ao longo destes meses centrou os seus
esforzos en colaborar, na medida das súas posibilidades, na recuperación desta
zona afectada polos lumes.

Este curso de formación busca potenciar o coñecemento de alternativas rendibles ao uso do monte, sensibilizar sobre políticas preventivas e, á vez, dar protagonismo ao papel da muller, achegando información que lle permita actuar como divulgadora da mensaxe de concienciación ambiental.

lume incendios lapas e fume
Un home retrocede ante a agresividade das lapas/ Miguel Núñez

Estas xornadas técnicas están abertas a todos os veciños de Chandebrito, aínda que,
entre eles, seleccionaranse dúas mulleres para dar testemuño, durante o curso 2018-19, en centros sociais e colexios galegos, das consecuencias do lume na súa parroquia e para explicar as accións de recuperación na súa zona.

Esta iniciativa persegue o obxectivo de transmitir ás novas xeracións a importancia de coidar da súa contorna próxima pero, ademais, pretende que sexan as mulleres, un colectivo demasiadas veces silenciado, quen se encargue de transmitir esta mensaxe.

Programa das xornadas

Ao longo destas dúas xornadas, diferentes relatores involucrados tanto no proxecto como na recuperación da zona, así como expertos en educación ambiental, abordarán a pegada dos incendios e alternativas sustentables para os bosques galegos.

Tanto o xoves como o venres, as xornadas terán lugar no centro social de Chandebrito a partir das 19:00 horas. Na primeira sesión, o día 9 (tras a benvida dos responsables do proxecto e a Comunidade de Montes), intervirá Manuel Domínguez Rei, biólogo e educador ambiental, que tratará a rendibilidade do monte, presentando alternativas respectuosas co medio ambiente e que tamén proporcionan un beneficio directo aos propietarios e veciños, en definitiva, opcións máis aló das máis populares centradas en especies alóctonas.

Lume rapaces o apagan.
Dous rapaces extinguen o lume nunha carballeira preto das casas/ Miguel Núñez

Xa na xornada do venres, día 10, a sesión centrarase en analizar directamente dúas medidas de prevención dos incendios forestais que precisan da implicación de toda a sociedade.

O educador e divulgador ambiental, Antón Lois Estévez, abordará, por unha banda, a contribución das especies autóctonas a lograr unha sustentabilidade tanto ambiental como económica do territorio.

E, por outra banda, tamén profundará na necesidade de combater os lumes con accións
preventivas durante as épocas de menor risco. Accións de limpeza e silvicultura do monte son unha ferramenta cada vez máis necesaria para evitar que as chamas arrasen os montes.

Incendio fornelos de montes ,rebaño de cabras
Unha muller leva ás súas cabras polos montes queimados de Fornelos despois dos incendios de outubro / Miguel Núñez

Ao remate desta sesión se levará a cabo a inauguración do Bosque da Memoria, que precisamente incide nesta mensaxe dunha forma directa.

Árbores de Cinza

A acción solidaria da Asociación Galicia Ambiental, Árbores de Cinza, foi posta en marcha en decembro de 2017 tras a onda de incendios que arrasou Galicia en outubro dese mesmo ano na que se contabilizaron máis de 200 lumes declarados, e que obrigou a máis de 4.000 persoas ao desaloxo das súas casas e queimou ao redor de 48.000 hectáreas.

Lume paixase desolador despois dos incendios
Despois dos incendios, unha paisaxe desoladora/ Miguel Nuñez

Esta iniciativa buscaba contribuír á recuperación dos bosques galegos dunha forma directa pero tamén traballar na sensibilización e concienciación ambiental coa intención de promover actitudes de respecto e conservación dos bosques galegos autóctonos.

Un estudo conclúe que a covid actúa como “un gran simulador” de síntomas doutras enfermidades cutáneas

0

A covid-19, activa ou pasada, compórtase como “un gran simulador” dermatolóxico que mostra síntomas doutras enfermidades cutáneas. Así o determina un estudo encabezado pola dermatóloga do Hospital Vithas Vigo Carmen Rodríguez Cerdeira.

Este traballo, ademais, ratifica que as erupcións cutáneas, febrís ou non, son un síntoma da covid que pode permitir un diagnóstico precoz ou guiar o prognóstico e tratamento da enfermidade.

Trátase dun traballo publicado na revista Biology, polo que 11 investigadores –Rodríguez Cerdeira é a primeira asinante– analizaron unha trintena de casos de cinco países: España, México, Arxentina, República Dominicana e India.

De acordo cos resultados obtidos, a covid-19 “representa un gran simulador como o foi a sífilis no seu día, é dicir, que adopta os síntomas doutras enfermidades cutáneas”; aínda que o tratamento “non pode ser o mesmo”, xa que a orixe destes síntomas é a propio covid.

Neste sentido, Rodríguez Cerdeira apunta que “é moi importante facer unha correcta historia clínica e reflectir que o paciente ten ou tivo covid-19, xa que pode explicar moitas afeccións dermatolóxicas “simuladas”.

ERUPCIÓNS: UN SÍNTOMA MÁIS

De igual maneira, esta investigación reforza outros estudos previos ao ratificar que “as erupcións cutáneas, febrís ou afebrís, supoñen un síntoma máis da covid-19” que permitirían diagnosticar ou tratar a enfermidade.

A partir deste traballo, os investigadores atoparon que as manifestacións dermatolóxicas máis frecuentes son lesións de urticaria e lesións similares a sabañóns ou pernioses, seguido doutras lesións dermatolóxicas.

Neste contexto, Rodríguez Cerdeira advirte que “é posible que haxa moitos pacientes con manifestacións cutáneas que están a pasar ou pasasen unha infección con síntomas mínimos e, por tanto, non se fixeron PCR para coronavirus”. Nestes casos, apunta, “é enormemente difícil atopar a relación entre o SARS-CoV-2 e as lesións cutáneas”.

Felipe VI e Letizia chamaron a Vigo para interesarse polos pacientes ingresados

Os Reis de España contactaron este sábado cos Complexos Hospitalarios da Coruña e Vigo para mostrar o seu interese polo estado dos pacientes ingresados nestes centros sanitarios.

Así, Felipe VI e Letizia mantiveron unha conversación co director xerente da área Sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde Remeseiro, e co seu homólogo en Área de Vigo, Xullo García Comesaña.

Segundo fontes de Zarzuela, ademais de preocuparse pola evolución dos pacientes, As súas Maxestades quixeron coñecer a situación da pandemia na comunidade galega e agradeceron o “esforzo continuado” de todos os profesionais sanitarios e dos “imprescindibles” servizos auxiliares. A área sanitaria de Vigo é unha das máis afectadas de toda Galicia polo coronavirus, así como as de maior densidade de poboación.

Médicos de Primaria de Vigo irán a folga pola “sobrecarga asistencial”

0

Médicos de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo aprobaron por maioría ir á folga os días 7 e 8 de novembro para reclamar unha solución que dea resposta á sobrecarga asistencial e ás xubilacións masivas que terán lugar os próximos anos.

Os profesionais tomaron esta decisión, que se trasladará a representantes das demais áreas sanitarias galegas o próximo 3 de outubro, durante unha asemblea celebrada este martes en Vigo. Mentres, rexeitouse levar a cabo unha folga indefinida.

Ademais, os facultativos aprobaron celebrar o próximo 26 de outubro unha manifestación en Santiago á que se convidará a participar a toda a cidadanía. Así mesmo, acordaron realizar concentracións ante os distintos centros de saúde durante todos os xoves de outubro.

Intervidos en Gondomar uns 200 exemplares de plantas exóticas, á venda en Internet

A Garda Civil interveu no municipio de Gondomar uns 200 exemplares de plantas exóticas, como xacintos e leitugas de auga, incluídas no catálogo español de especies invasoras, que estaban expostas á venda a través de Internet.

Segundo informou o Instituto Armado, trátase dunhas especies orixinarias de América do Sur que foron introducidas como plantas ornamentais acuáticas para estanques e acuarios en varias partes do mundo.

O xacinto de auga, destaca a Benemérita, “é unha das especies invasoras máis perigosas” que, xunto coa leituga de auga, están incluídas como tales no Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o catálogo español de especies exóticas invasoras, “o que leva a prohibición xenérica da súa posesión, transporte, tráfico e comercio”, advirte.

En concreto, a actuación, levada a cabo polos efectivos da Patrulla do Seprona da Garda Civil do Porriño, iniciouse ao ter noticia de que, a través de Internet, “unha persoa ofrecía a venda unha ampla variedade de plantas acuáticas, entre as que figuraban algunhas especies exóticas invasoras tales como xacintos de auga (Eichhornia Crassipes) e leitugas de auga (Pistia Stratiotes)”, explicaron as mesmas fontes.

Ao comprobar a identidade do anunciante, o Seprona personouse no seu domicilio en Gondomar, onde se puido comprobar que tiña un xardín cun estanque, con case dous centenares de plantas, no seu maior parte xacintos e leitugas acuáticas.

A inspección do Seprona concluíu coa elaboración dun informe-denuncia que se remitirá á Consellería de Medio Ambiente da Xunta por unha suposta infracción á normativa que regula a posesión e venda de especies incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.

As plantas intervidas quedaron no estanque en calidade de depósito e a disposición da administración competente.

Familiares de residentes mortos na DomusVi Aldán levan a súa protesta diante da casa de veraneo de Feijóo en Moaña

0

Os familiares dos residentes de DomusVi levaron este domingo á protesta á casa de veraneo de Feijóo e a súa parella en Moaña. Alí, un grupo de uns vinte familiares chantou unha pancarta no Mirador do Con, xusto en fronte da casa da parella do presidente galego, Eva Cárdenas, na que pedían «residencias 100% públicas».

Durante a protesta reclamaron unha «investigación seria» e explicacións públicas do acontecido durante a pandemia cos seus parentes, especialmente, na residencia DomusVi Aldán, unha das máis golpeadas, e na que faleceron durante a pandemia 38 persoas residentes. «Canto custa unha vida para DomusVi?. Os maiores non son unha mercadoría», recollía a pancarta que levaban.

Familiares de residentes de DomusVi Aldán protestan no Mirador do Con, en Moaña

Os afectados, que camiñaron desde o Concello de Moaña ata o Mirador do Con, lamentan ademáis a «escandalosa volva das malas prácticas nas residencias de DomusVi, a sistémica falla de persoal, a vulneración dos dereitos humanos e a inacción da administración».

Os familiares tamén piden coñecer «os expedientes médicos» dos falecidos para poder ir aos xulgados. Neste sentido, critican que xa a propia xustiza non teña actuado de oficio.

A Deputación de Pontevedra concede a Tui case 3 millóns de euros para axudar aos afectados de Paramos

0

O deputado provincial Carlos Font, que este sábado participou no gabinete de crise pola explosión rexistrada en Tui, instou ao alcalde a “que dea prioridade ás necesidades das persoas afectadas á hora de investir as partidas económicas da Deputación”.

Respecto diso, a través dunha nota de prensa, o organismo provincial destaca que “o goberno de Carmela Silva pon a disposición do Concello de Tui case 3 millóns de euros en axudas da Deputación de Pontevedra para a traxedia de Paramos“.

“É cuestión de vontade”, subliñou o deputado provincial, quen trasladou á plataforma de afectados “total dispoñibilidade” do goberno provincial “para adecuar os fondos dos plans da Deputación ás consecuencias da traxedia”.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

Neste sentido, Font sinalou que do Plan Concellos 2017 o goberno de Tui “ten aínda sen executar un total de 735.881 euros que pode destinar á catástrofe”.

Tamén instou ao rexedor a “que utilice os fondos da Liña 1 do Plan de 2019, dotado para Tui con case 740.000 euros”, diñeiro que, segundo apunta, “precisamente adiantouse a este ano por se algún concello tiña emerxencias ou necesidades pensadas nun principio ao amparo dos danos da vaga de incendios, pero que tamén podería utilizar para paliar as necesidades causadas por esta traxedia”.

O deputado provincial animou ao alcalde a utilizar estas axudas, que o organismo cuantifica “en total en 2.727.982 euros”. “É o goberno municipal quen ten que marcar as prioridades dos seus veciños no modelo de respecto á autonomía municipal que defende o goberno da nova Deputación”, resolve o comunicado.

Investigan un veciño de Redondela por estafa tras unha denuncia en Arteixo

A Garda Civil procedeu á investigación dun veciño da localidade de Redondela como presunto autor dun delito de continuado de estafa mediante o uso das novas tecnoloxías tras unha denuncia presentada en Arteixo.

Segundo informou o Instituto Armado, a denominada ‘Operación Bicash’, levada a cabo polo Equipo de Estafas Telemáticas da Compañía Garda Civil da Coruña e co apoio operativo do ETPJ Vigo, finalizou, solicita e analizada toda a información, coa investigación dunha persoa veciña de Redondela.

A operación comezou por mor dunha denuncia interposta no Cuartel da Garda Civil de Arteixo, na que expuña que fora victima duns varios cargos na súa conta por valor de 20 euros, con concepto Bizum.

Tras a investigación do Equipo, púidose determinar que o investigado, despois de facerse cos datos bancarios dunha entidade bancaria, supostamente mediante a modalidade de ‘phishing’ por correo electrónico, accedía ás contas bancarias e realizábase transferencias “por importes moi pequenos directamente ao seu teléfono móbil, mediante o sistema de pagos Bizum (pago directo a un número de teléfono)”, sinalaron as mesmas fontes.

“Estes traspasos de diñeiro inmediatamente son trasladados á conta bancaria vinculada ao teléfono da plataforma Bizum, podendo posteriormente utilizar o seu cartón bancario para extraelos en calquera caixeiro bancario ao telo dispoñible na súa conta”, sinalou a Benemérita.

Respecto diso, as mesmas fontes indican que “normalmente esta pequenas transferencia consisten en varios importes seguidos de 20 euros”, que, ao ser pequena cantidade, “non levanta sospeitas e pasan máis desapercibidas polos clientes”, engade.

A Garda Civil, tras a investigación da conta do investigado, puido identificar a outras 13 persoas como prexudicados por estes mesmos feitos. As mesmas fontes indicaron que se chegou a apropiar dun mil euros.

As dilixencias instruídas en relación con estes feitos foron remitidas ao xulgado de garda da Coruña.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed