O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou que a Xunta licitou este xoves o centro de saúde de Bouzas, en Vigo, por 1,4 millóns de euros e sinalou que se espera que entre en funcionamento en 2021.
Así o avanzou no marco da presentación deste centro, celebrada na cidade olívica ante veciños da zona. Deste xeito, concretou que se espera que a adxudicación das obras teña lugar en decembro e que estas poidan comezar durante ese mes ou en xaneiro de 2020.
Ademais, remarcou que o prazo de execución das mesmas ascenderá a 14 meses e detallou que a adscrición ao mesmo será voluntaria para os veciños de Bouzas, que, se o desexan, poderán permanecer nos centros aos que acoden na actualidade.
O conselleiro indicou así mesmo que o novo edificio contará con capacidade para dispor de ata tres médicos e tres enfermeiras na quenda de mañá e outro seis profesionais no de tarde. Mentres, permanecerá pechado pola noite.
Así mesmo, o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García, explicou que as instalacións, situadas xunto a alameda do barrio, contarán con dous edificios, que estarán conectados a través dun patio. Nun deles prestarase o servizo asistencial, mentres que o segundo acollerá aseos e vestiarios para o persoal, así como un almacén e unha sala de caldeiras.
Ante preguntas dalgúns veciños, que mostraron o seu descontento co atraso do proxecto, Julio García asegurou que o servizo ofertado será suficiente para cubrir a demanda da zona, que conta con menos de 6.000 habitantes.
Ademais, detallou que non se incluíu un servizo de Pediatría debido a que, para iso, debería haber demanda para dispor de, polo menos, dúas destes profesionais, o que suporía unha poboación infantil duns 2.000 nenos.
CRÍTICAS DO CONCELLO
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, denunciou a modificación do proxecto inicial do centro, que levou a redución da “metade” da súa superficie útil.
Deste xeito, reprobou que este plan levase unha diminución de catro consultas –pasando de sete a tres– e a suspensión do servizo de Pediatría. Ademais, asegurou que o proxecto inicial era “realizable” e, os informes municipais emitidos respecto diso, “favorables”.
Así, volveu a lamentar que a primeira vez que se solicitase unha licenza por parte da Xunta con este fin fose o ano pasado a pesar de que fai máis dunha década que o Concello lle cedeu os terreos necesarios para acoller o centro.
E ti chegaches a esa dirección do PSdeG en contra de determinados dirixentes e baróns provinciais. Como é actualmente a túa relación con eles?
Eu gañei as primarias nas catro provincias e logo gañei o Congreso Nacional Galego con máis dun 70% dos votos.
Entón das por limados eses roces?
Eu creo que neste momento hai unha situación de estabilidade e de recuperación da normalidade do partido que é positivo. Este é o PSdeG, cun compoñente galego e galeguista, que ten unha dirección para todos os socialistas galegos. E todo isto o estamos facendo con plenta sintonía coa Executiva Federal e con Pedro Sánchez e iso é un elemento a favor de que os ventos soplen axeitadamente.
E como está a relación agora co teu tío, coa alcalde de Vigo, Abel Caballero?
Abel Caballero é un alcalde de referencia cunha amplísima maioría absoluta que conta co respaldo de todo o partido para desenvolver as súas tarefas municipais como presidente da FEMP. Tamén é verdade que estes meses transcurriron con tranquilidade e con fluidez nesa liña de acción xeral que estamos acadando que é recuperar un PSdeG máis forte.
Xa sei que esta é unha cuestión que pode incomodar pero ti ben sabes que entre os dous houbo moitas tensións vindo ti, como ves, da Agrupación Socialista de Vigo…
Eu creo que desde o momento en que gañei as Primarias e o Congreso Nacional Galego o conxunto da organización entendeu a mensaxe da militancia que foi contundente e claro dándolle a esta dirección un respaldo importante e, polo tanto, iso é ao que me debo e o conxunto dos cargos e compañeiros do partido teñen entendido que, tanto cando gañou Pedro, como cando gañei eu en Galicia, que esa mensaxe das Primarias é a que prima tanto en España coma en Galicia.
Pero tes interlocución directa aberta con Abel Caballero, con Carmela, coa xente de Vigo?
O secretario xeral ten interlocución aberta con todo o socialismo galego e con todos os militantes porque a dirección do partido lle corresponde a Executiva Nacional Galega e, polo tanto, esa é a posición política na que estamos. Eu non sigo polo miúdo os aspectos municipais en cada un dos concellos de Galicia e aí respecto todos os ámbitos de decisión e, especialmente, no caso de Vigo no que goberna un alcalde cunha ampla maioría.
E xa entrando en cuestións máis persoais. Eu teño unha tendencia política e na miña familia hai xente que ten outras e, de cando en vez, pois discutimos. Por iso tamén me chama a atención o que acontece contigo e co teu tío Abel. A dúbida que teño é se vós agora coincidides en encontros familiares e acabades falando de política?
Eu penso que o ámbito familiar hai que deixalo na esfera do privado, pero a miña relación persoal con Abel Caballero ten sido sempre positiva no ámbito persoal, aínda cando temos estado en situacións políticas distintas dentro do Partido Socialista. Son discrepancias políticas que se teñen dado nalgún momento pero a realidade é que nos últimos tempos hai unha fluidez e sintonía recoñecendo os espazos políticos de cada quen. A el lle corresponde a alcaldía de Vigo e a min me correspode dirixir o PSdeG.
Gonzalo caballero nun momento da entrevista con Galicia Confidencial / PSdeG
ELECCIÓNS MUNICIPAIS
Dentro dun ano hai eleccións municipais. Como ves ao PSdeG neses comicios, sobre todo, cando hai moitos candidatos que aínda non están elixidos, agás Abel Caballero e Lara Méndez?
O partido está traballando de cara as municipais aínda que é certo que a moción de censura pois ten mudado a nosa prioridade e inmediatez política. E no caso de Galicia, alí onde temos alcaldes e alcadesas pois a regra xeral establece que repitan como candidatos e a idea que temos é tentar perfilar á volta do verán os candidatos das grandes cidades. E, a partir de aí, abriremos todo o proceso ata as vindeiras municipais. O noso partido ten claro compoñente municipalista. Temos boa xestión nos concellos nos que gobernamos. Se lle preguntamos aos cidadáns de Vigo, Lugo, Santiago, A Coruña ou Ourense quen foron os principais alcaldes socialistas, os cidadáns pensan en alcaldes e alcaldesas socialistas. E, polo tanto temos un legado e unha traxectoria que nos acredita e temos que pular de xeito coordinada para avanzar posicións nas próximas municipais e permitir máis gobernos de progreso no conxunto das cidades.
E como ves Vigo e Lugo?. No caso de Vigo semella claro, pero no de Lugo, hai certa tensión política, non?
No caso de Vigo hai unha posición moi sólida e de amplísima maioría do Partido Socialista e nesa liña agardo que se reediten os resultados acadados en eleccións anteriores. Para iso o alcalde de Vigo contará con todo o respaldo do PSdeG. El mesmo ten unha axenda intensa de traballo na cidade. Adícase ao concello todos os días 24 horas e el coñece mellor que ninguén o escenario muncipal para afrontalo con éxito.
No caso de Lugo eu penso que temos un bo goberno municipal, aínda que somos conscientes de que a aritmética da corporación implica certa complexidade á hora de ter xestionada as cuestións. En todo caso hai que poñer en valor que se acaban de aprobar os orzamentos para a cidade de Lugo e que, ademais, o goberno de Lara Méndez conseguiu 22 millóns de euros de fondos europeos e vai a haber unha capacidade de investimento de gasto moi importante para desenvolver proxectos , sobre todo, de contido social e de humanización para a cidade de Lugo. E nesa liña cremos que os gobernos municipais de Vigo e Lugo pois están en condicións de volver repetir nas súas cidades porque en ningún das dúas existe nada sólido en fronte, nin alternativa mellor que a que xa ofrece o PSdeG.
E neste escenario municipal tamén son importantes as provincias. Cres que ides conservar as deputacións que agora gobernades porque hai enquisas que prognostican cambios na Coruña e Lugo, sobre todo?
O PP está nunha fase de retroceso electoral en Galicia e en España que, ademais, vaise acelerar agora coa perda do Goberno español porque márchalle o mecanismo no que descansaba a estrutura de poder do PP e, polo tanto, a perspectiva que temos desde o PSdeG é de recuperación fronte a un retroceso do PP. Queda un ano para traballar e estamos convencidos de que podemos manter as deputacións nas que agora estamos.
E cos mesmos presidentes; con Carmela en Pontevedra, Valentín na Coruña e Darío en Lugo?
Temos tres bos presidentes nas deputacións e agora corresponde seguir traballando ata que se constitúan esas novas. E que non estamos aínda na fase dos nomes. Primeiro hai que poñer candidatos para as municipais e poñer en valor o bo traballo que están facendo en circunstancias distintas nas tres deputacións que, obviamente, tamén contan co respaldo do PsdeG.
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron este venres a un mozo de 29 anos de idade, por protagonizar un altercado no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se comportou de forma moi agresiva con persoal sanitario e de seguridade.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron sobre as 3,00 horas da madrugada, cando o 092 trasladouse ao hospital tras recibir un aviso pola presenza dun mozo que estaba a actuar de forma violenta.
Cando chegaron os axentes, observaron que o mozo se atopaba baixo os efectos do alcol e que mantiña unha actitude agresiva, polo que foi reducido e detido.
O Porto de Vigo anunciou a convocatoria dun concurso público para converter o faro de Cabo Silleiro en hotel, ante o “interese suscitado nos últimos meses entre varias empresas”. Segundo informou a propia Autoridade Portuaria, “nas próximas semanas” sacarase a concurso a concesión para que se presenten as firmas que estean interesadas nese uso, e avanzou que “se valorará positivamente” aquel proxecto que presente unha actuación que englobe os dous faros da zona, o antigo e o novo.
O Porto explicou que a empresa Landscope e o empresario M.J.C. foron “os primeiros interesados” nesa concesión para explotar as instalacións con finalidade hoteleira e de restauración, pero coa convocatoria do concurso público, o organismo espera que se presenten máis firmas, e con proxectos que inclúan as dúas instalacións.
Esta iniciativa pretende pór en valor o conxunto histórico dos faros de Cabo Silleiro e enmárcase na estratexia de Crecemento Azul do Porto. O faro máis novo de Cabo Silleiro está a 85 metros sobre o nivel do mar e foi construído en 1924, para substituír ao antigo faro, que data de 1862. Do antigo faro aínda se conserva a fachada de granito en primeira liña de costa e está a uns 800 metros do faro actual.
O festival Vive Nigrán, que se celebra na localidade pontevedresa de Nigrán, celebrará en xullo a súa quinta edición, na que recuperará a súa localización no campo de fútbol de Monte Lourido e contará con Sidecars como o seu primeiro grupo confirmado.
Así, tras a celebración en 2020 dunha ‘Picnic Club Edition’ para adaptarse ás restricións sanitarias polo covid-19, este ano o evento regresa á súa localización habitual, aínda que adoptará un formato especial con asentos e aforamentos limitados.
Neste marco, Sidecars é o primeiro grupo confirmado para a edición deste 2021, en concreto para o día 17 de xullo. “Aos poucos irase desvelando o resto do cartel que encherá coa mellor música o terceiro fin de semana de xullo“, avanzaron os organizadores.
As entradas para o primeiro día anunciado xa se puxeron á venda este venres a un prezo inicial de 25 euros máis gastos para as primeiras adquisicións. Ademais, prevese que “proximamente” saian á venda os abonos.
Un home, Juan Carlos Cabaleiro, iniciou unha campaña de ‘crowdfunding’ para custear un tratamento de neurorrehabilitación para o seu fillo, un mozo de 33 anos residente en Vigo que sufriu un accidente de tráfico.
Segundo detalla Juan Carlos Cabaleiro na plataforma de ‘crowdfunding’ Gofundme, onde acumula doazóns por valor de máis de 5.000 euros, durante nove meses, o seu fillo Rubén foi tratado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Álvaro Cunqueiro e realizou un proceso de rehabilitación no Hospital Meixoeiro. Actualmente, atópase no seu domicilio.
Ademais, relatou que se solicitou levar a cabo a última fase de recuperación do seu fillo no Instituto Guttman en Badalona (Barcelona), que conta con prazas reservadas para a sanidade pública. Con todo, explicou que “o seu caso foi desestimado” debido, entre outros motivos, á crise sanitaria.
Por esta razón, Juan Carlos Cabaleiro explicou que o tratamento se continuou na clínica privada viguesa Alberto Guitián Neurorehabilitación, que confirmou que se atende ao mozo na mesma.
Así, o pai de Rubén Cabaleiro indicou que esta clínica permitirá que o seu fillo sexa atendido durante un ano por profesionais de Fisioterapia, Neuropsicoloxía e Logopedia, o que supón un custo duns máis de 1.500 mensuais.
Tamén sinalou que a nai do seu fillo “tivo que deixar de traballar para estar con el as 24 horas (do día)” e explicou que a axuda á dependencia correspondente “tardará en ser concedida”.
A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios ( AEMPS) informa de que vendéronse falsificacións de preservativos da marca e modelo “ Durex Natural Comfort 12 preservativos”.
Os preservativos “ Durex”, do fabricante británico Reckitt Benckiser Healthcare Ltd, están entre os máis vendidos en España.
A empresa Reckitt Benckiser Healhtcare, S.A., distribuidor dos produtos “ Durex” en España confirmou a fabricación do lote 1000221414 con data de caducidade 2022-02. Con todo no produto falsificado, o lote 1000221414 presenta como data de caducidade 2024-05.
En concreto sería o lote 1000221414 con data de caducidade 2024-05, non os utilicen.
Son moi similares, pero entre o produto orixinal e o falso hai diferenzas de cor no envase, e sobre todo no lote e data de caducidade.
Es usuario deste produto? Asegúrache de que tes o produto orixinal. Se é o falso, non o uses. E en caso de incidencias, notifícao.
O goberno municipal de Vigo criticou este martes as “escusas” que, ao seu xuízo, está a pór a Xunta para “atrasar” as obras de ampliación do Instituto Feiral da cidade (Ifevi), porque “non atopa os 5 millóns” que custará esa actuación.
Así o trasladou en rolda de prensa a concelleira de Urbanismo, María José Caride, quen recalcou que, ao contrario do que sostén a administración galega, “non hai nada na lei que impida” ao goberno autonómico solicitar os informes sectoriais necesarios mentres se está en fase de información pública.
Despois de que a Xunta precisase que non pode solicitar ditos informes ata que finalice o prazo de exposición pública (o 24 de febreiro), a edila socialista recalcou que a administración autonómica si pode facelo e que iso permitiría “solapar” prazos e axilizar a tramitación.
Así mesmo, volveu insistir en que o Concello olívico remitirá ao goberno galego o seu informe favorable “ao día seguinte” de finalizar ese prazo. “Fixo falta que o presionase Conxemar, o Concello e o propio Ifevi para que tramitase este proxecto como o que é, urxente e de especial interese, e aínda así pon obstáculos”, denunciou.
Para Caride, a Xunta “está a tardar” en solicitar os informes sectoriais, do mesmo xeito que “está a tardar en licitar as obras” e engadiu que “parece que non atopa os 5 millóns” que custará a actuación. “A partir de aí, pon escusas, atrasa informes…”, apostilou.
DISPOSICIÓN DA XUNTA
Pola súa banda, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, preguntado por esta cuestión durante unha visita ao barrio de Navia, reiterou que o goberno galego está “totalmente a favor” da ampliación do Ifevi, como o demostran os 11 millóns que, entre a primeira e a segunda ampliación, destináronse a esas actuacións.
Segundo Rueda, o goberno galego está “a esperar” a que termine o prazo de información pública e que o Concello remita o seu informe, así como que envíe o informe negativo de Navegación Aérea que, apuntou, foi o que impediu que a obra se puidese facer con licenza directa.
Un bateeiro, unha patrulla da Garda Civil, dúas de Aduanas, unha zodiac dos Grupos Especiais de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil traballaban na ría de Aldán para refrotar o narcosubmarino afundido na zona.
Segundo puido saber Xornal de Vigo, no operativo participaba un bateeiro de Cangas, que é o que está tentando introducir os flotadores cos que se quere facer emerxer a nave.
Varios buzos traballaban nestas tarefas. De feito, un deles logrou acceder este luns pola mañá e atoupou un fardo de droga no seu interior. Así o confirmou o delegado do Goberno, Javier Losada, quen explicou que se detivo a dous dos tripulantes da embarcación submarina (de nacionalidade ecuatoriana), que previsiblemente pasarán a disposición xudicial “ao longo do día”. Séguese buscando a un terceiro sospeitoso, que se atopa “fuxido“.
O remolcador ‘Insuíña Rande’, con apoio dunha patrulleira da Garda Civil e unha embarcación de Vixilancia Aduaneira trataba de remolcar xa este serán cara ao porto de Aldán, en Cangas, o ‘narcosubmarino’.
Segundo fontes coñecedoras do operativo, a intención dos efectivos que se atopan na zona é tratar de remolcar o aparello, que leva no seu interior unha “importante cantidade” de droga, ao porto de Aldán, que é o máis próximo.
A operación prevese complicada debido á falta de luz e ás malas condicións do mar, unha situación que xa dificultou os labores realizados ao longo de toda a xornada para reflotar o batiscafo.
O remolcador ‘Insuíña Rande’ (que xa participou anteriormente noutras operacións para reflotar embarcacións afundidas e que está equipado cun guindastre) estivo na zona desde primeira hora da tarde.
Do mesmo xeito, mergulladores dos Grupos Especiais de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil estiveron realizando inmersións na zona do afundimento, manobrando con grandes globos para colocar no submarino e lograr que emerxese á superficie. Finalmente, despois de varias horas, conseguiron que unha parte do batiscafo se elevase desde o fondo, a un dos costados do remolcador.
Estas imaxes foron gravadas xusto enriba do lugar onde se atopa o submarino, o cal se pode observar a través da auga.
DOUS DETIDOS E UN “FUXIDO”
O submarino, que estaba a ser vixiado polas forzas policiais (nun operativo de Garda Civil, Vixilancia Aduaneira e Policía Nacional) foi afundido polos seus tripulantes na madrugada do domingo, e dous deles, de nacionalidade ecuatoriana, foron detidos nese momento.
Está previsto que ambos os arrestados pasen a disposición xudicial este martes nun xulgado de Cangas. Mentres, tal e como confirmou o delegado do Goberno, Javier Losada, séguese buscando o terceiro sospeitoso, fuxido.
Non é a primeira vez que os narcotraficantes tentan utilizar un submarino na súa actividade delituosa, de feito, en 2006 xa se frustrou na ría de Vigo unha descarga de cocaína transportada nun artefacto submarino, aínda que máis rudimentario. No caso da nave afundida en Aldán, sería o primeiro ‘narcosubmarino’ interceptado que fixo unha travesía transatlántica con droga (desde algún porto de Sudamérica).