Inicio Blog Páxina 144

A Audiencia de Vigo xulga unha administrativa por subtraer 100.000 euros dunha empresa de formigóns

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolle este martes o xuízo contra unha muller acusada de subtraer un total de 100.000 euros da empresa de formigóns na que traballaba. O Ministerio Fiscal atribúelle un delito continuado de apropiación indebida por uns feitos que se prolongaron durante anos ata ser descubertos en outubro de 2021.

Segundo recolle o escrito de acusación pública, a procesada mantiña unha relación de máxima confianza coa empresa, onde exercía como administrativa desde hai 30 anos. Entre as súas funcións principais atopábase a xestión dos ingresos e o control da caixa forte, da que posuía a chave e coñecía a combinación secreta.

A Fiscalía sostén que a muller, aproveitando o seu acceso sen restricións, foi apoderándose de diversas cantidades de diñeiro en efectivo de xeito sistemático ao longo do tempo. O último destes episodios rexistrouse o 13 de outubro de 2021, data na que se cortou a actividade ilícita que alcanzou unha cifra total de seis díxitos.

Por estes feitos, o ministerio público solicita que a acusada sexa condenada a 3 anos de prisión. Ademais da pena de cárcere, a acusación reclama que a muller devolva á empresa os 100.000 euros subtraídos, aos que haberá que sumar os intereses legais correspondentes.

Acepta case 11 anos de prisión por ameazar e acosar a xuíces, avogados e policías en Vigo

Un home aceptou penas que suman case 11 anos de prisión e multas por 9.000 euros como autor de varios delitos de inxurias, acoso e ameazas graves proferidas contra varios avogados , xuíces e policías en Vigo. A sentenza foi ditada este martes nunha vista de conformidade celebrada na praza tres da sección penal de Vigo, na que o acusado, R.C.F., recoñeceuse autor dos feitos.

Ademais das penas de prisión e as multas o procesado deberá pagar indemnizacións por máis de 6.000 euros por lesións, danos morais, danos e outros conceptos. O acusado, para o que a Fiscalía pedía inicialmente 25 anos de cárcere, compareceu ante o tribunal procedente de prisión.

A Audiencia de Vigo xulga dúas estafas por falsos alugueiros e reformas domésticas

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolle esta semana dous xuízos por delitos de estafa que afectan a bens de primeira necesidade e servizos básicos. No primeiro dos casos, que se celebrará este martes, o Ministerio Fiscal solicita unha pena de 6 anos de prisión para un home acusado dun delito continuado de estafa agravada.

Segundo o escrito de acusación, o procesado, coa axuda dun cómplice, enganou a unha persoa ofrecéndolle dous alugueiros na cidade olívica, un para o propio prexudicado e outro para un amigo. O acusado chegou a cobrar 1.810 euros en concepto de arrendamento e seguros de falta de pagamentos, facendo asinar á vítima contratos falsos. Tras o pago, descubriuse que unha das vivendas non existía e a outra xa estaba ocupada por outra familia. Pola gravidade de afectar ao dereito á vivenda, a Fiscalía pide tamén unha multa de 4.320 euros para o autor principal e un ano de cárcere para o seu colaborador, ademais da devolución íntegra do diñeiro con intereses.

ESTAFA NA CONTRATACIÓN DUNHA OBRA

Doutra banda, este luns sentan no banco dos acusados tres persoas vinculadas a dúas empresas de reformas. A Fiscalía sostén que os procesados acordaron co dono dunha vivenda en Vigo a realización de obras por un orzamento inicial de 38.720 euros, que posteriormente foi incrementado con novas partidas. A vítima, confiada pola aparencia de solvencia empresarial dos acusados, entregou un adianto de 15.700 euros.

Con todo, o escrito fiscal sinala que os acusados apenas realizaron unha “ínfima actividade de demolición” co único obxectivo de simular o inicio dos traballos. Tras cobrar o adianto, non volveron pola obra nin devolveron os cartos. Por estes feitos, o Fiscal acúsaos como coautores dun delito de estafa e solicita para cada un deles unha pena de dous anos de cárcere, xunto coa obriga de indemnizar ao afectado pola cantidade estafada.


Detido un home tras acceder ao Hospital Povisa armado cun coitelo

0

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo procederon este luns á detención dun individuo que accedeu ao Hospital Povisa portando un coitelo. Segundo informaron fontes policiais, o suceso tivo a súa orixe arredor das 15:00 horas, cando se produciu unha discusión entre dúas persoas nunha zona de carga e descarga situada no exterior do centro. No transcurso deste altercado, o agora detido esgrimiu a arma branca, aínda que nese momento a disputa non pasou a maiores.

Tras o incidente no exterior, o home entrou no recinto hospitalario. Algunhas testemuñas presenciais decatáronse de que o individuo portaba o coitelo e deron a voz de alarma. Con todo, desde o propio Hospital Povisa aclararon que, malia a inquietude xerada, o home non realizou ameazas contra o persoal sanitario nin contra os pacientes que se atopaban nas instalacións nese momento.

Ante o aviso de que unha persoa armada estaba no interior do edificio, o persoal de seguridade activou o protocolo correspondente e alertou de inmediato ás forzas de seguridade. Varias patrullas da Policía Nacional desprazáronse ata o hospital e localizaron ao sospeitoso, procedendo á súa detención inmediata.

Piden penas de ata 6 anos de cárcere por unha apropiación indebida de 136.000 euros nunha empresa do Porriño

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá este martes o xuízo contra tres acusados para os que a Fiscalía solicita penas de entre 5 e 6 anos de prisión. O Ministerio Público atribúelles un delito continuado de apropiación indebida por facturar diversos traballos realizados con materiais que, en realidade, foron pagados por outra sociedade situada no Porriño. Segundo recolle o escrito de acusación pública, un dos procesados xestionou durante anos esta empresa, dedicada ao deseño e comercialización de solucións láser en procesos industriais, ata que foi cesado no seu cargo en 2019.

Mentres este acusado estivo á fronte da compañía, tamén se encargou dunha filial en México destinada a dar servizos de enxeñaría ao sector da automoción. Entre os anos 2018 e 2019, en conivencia cos outros dous acusados, constituíu outras tres sociedades coas que realizou operacións comerciais con empresas de automoción mexicanas. Estas novas entidades recibiron varios encargos para a construción de maquinaria pero, para levar a cabo os proxectos, servíronse de materiais e recursos que foron abonados pola empresa orixinal do Porriño.

Deste xeito, os tres acusados estarían enriquecéndose ao facturar por uns traballos cuxos custos non asumían, causando un prexuízo patrimonial á empresa denunciante que se cifra en 136.121,81 euros. Por estes feitos, a Fiscalía solicita unha pena de 6 anos de cárcere para o que fose administrador da empresa prexudicada e 5 anos de prisión para os outros dous procesados en calidade de cooperadores necesarios.

Ademais das penas de cárcere, o Ministerio Público reclama que cada un dos acusados pague unha multa de 21.600 euros. Así mesmo, solicita que indemnicen, de xeito conxunto coas sociedades que crearon para a trama, á empresa prexudicada coa cantidade total de 136.121,81 euros para reparar o dano económico causado durante os anos en que se mantivo a operativa ilícita.

O trastaravó do Papa León XIV era do Porriño

O cóengo-arquiveiro da Catedral de Tui, Avelino Bouzón, publicou unhas pescudas nas que confirma as raíces no municipio pontevedrés do Porriño  de devanceiros do papa León XIV, Robert Prevost.

Nun texto publicado na folla parroquial de San Bartolomeu de Rebordáns do mes de xaneiro, Bouzón explica que o mes pasado leu a biografía do papa León XIV escrita por Rafael Lazcano, onde se afirma que o papa conta con devanceiros no Porriño pola liña materna. Así, Bouzón comezou unhas indagacións no Arquivo Histórico Diocesano da Catedral de Tui que lle levan a indicar que as raíces do papa están na Louriña, no Porriño, seguindo a súa liña xenealógico materna (a nai do papa era Mildred Martínez).

Sinala que o seu colaborador, o profesor Luís Arias rastrexou que en San Salvador de Torneiros atopara o asentamento de Benito Bastos Lorenzo, bautizado o 1 de decembro de 1639, quen se trata do “quinto trastataravó (pai do tataravó) por ascendencia materna de Roberto Prevost (León XIV)”.

O pai de Benito Bastos Lorenzo, Benito de Bastos do Lago, “ocupa o posto sexto, e o pai, Juan de Bastos, veciño de Pereiras, o sétimo dos devanceiros por liña materna”. “Se Benito de Bastos casou na Habana en 1677 con 32 anos, podemos supor que emigraría cando tiña uns 25 anos. Entón Cuba era unha colonia española en plena transición cunha elite azucreira emerxente e con escasa poboación, por iso prodúcense pequenos continxentes de emigración para substituír no enxeño azucreiro, ás veces en condicións de semiesclavitude, aos negros e aos indíxenas. Pasado o tempo, moitos galegos e outros ibéricos que chegaran á illa desprazáronse despois cara a México e os Estados Unidos de América“, razoa Bouzón no seu texto.

“Proseguiremos tirando do fío e iremos tecendo o tapiz até chegase as xeracións actuais, as cales poderán presentar ao Pontífice e manifestarlle que comparten os seus mesmos xenes”, conclúe na folla parroquial. 

 

O BNG de Vigo propón converter a antiga estación de buses nun centro sociocultural e aparcadoiro público

O grupo municipal do BNG de Vigo presentou este luns unha proposta para transformar a antiga estación de autobuses da cidade en espazos de uso veciñal, cultural e aparcadoiro público. O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, cualificou de “preocupante” a posibilidade de derrubar a infraestrutura mencionada pola Xunta e esixiu que o Goberno galego e o Concello de Vigo abandonen o enfrontamento partidista para colaborar nun proxecto que conte coa participación activa do tecido asociativo e resolva a falta de dotacións na zona.

A iniciativa do Bloque busca paliar a escaseza histórica de servizos na contorna e propón usos específicos como áreas culturais, centros de atención para persoas maiores e a ampliación de zonas verdes. Pérez Igrexas criticou a “improvisación permanente” tanto de Abel Caballero como da administración autonómica, lembrando os constantes cambios de criterio sobre o futuro do edificio, e considerou imprescindible abrir un debate construtivo que priorice a utilidade para a cidadanía fronte á pelexa política entre o PSOE e o PP.

O BNG de Vigo propón un plan de 9,5 millóns de euros para frear os desafiuzamentos na cidade

O BNG de Vigo reclamou ao Concello a posta en marcha dun plan municipal dotado de 9,5 millóns de euros para frear os desafiuzamentos na cidade. Segundo os datos xudiciais do último trimestre de 2025 recollidos polo Bloque, rexistrouse unha media de case seis desafiuzamentos á semana. Os nacionalistas lamentaron que estas cifras evidencian unha “emerxencia habitacional” que afecta, na súa maior parte, a familias e persoas empobrecidas que non poden afrontar os prezos do aluguer, os cales subiron un 9% no último ano e un 35% desde 2020.

O portavoz local do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou como o máis alarmante que a “práctica totalidade” destes desafiuzamentos se produciron sen que ningunha administración pública, nin a Xunta nin o Concello, facilitase unha alternativa habitacional accesible. Pérez Igrexas cualificou os lanzamentos como a cara máis dramática dunha crise que expulsa da cidade a familias enteiras e á mocidade. Así mesmo, criticou que o Goberno local deixe máis de 100 millóns de euros sen executar mentres a cidadanía perde as súas casas.

Ante esta situación, o Bloque propuxo a creación dun programa municipal de alternativas habitacionais, un plan de axuda ao aluguer e o reforzo da empresa municipal de vivenda. Con estas medidas, a formación nacionalista busca que o Concello ofreza solucións directas aos afectados e asuma un papel activo fronte á subida de prezos e a falta de recursos públicos para garantir o acceso a un fogar na cidade de Vigo.

O Sergas nega o colapso das Urxencias en Vigo e asegura que a atención está garantida

O Sergas saíu ao paso das denuncias do persoal e do alcalde de Vigo sobre un suposto colapso do servizo de Urxencias da área sanitaria, e asegurou que, aínda que a presión asistencial está a ser “alta”, a atención á poboación está a resolverse “sen incidencias significativas” grazas ás medidas de reforzo. Nun comunicado, Sanidade subliñou que a actual situación non é “extraordinaria”, senón que é habitual nesta época, debido á gripe, as infeccións respiratorias e o Nadal, “como está a ocorrer en toda España”.

Así mesmo, fontes sanitarias apuntaron que a área de Vigo conta cun plan de continxencia “que inclúe un importante reforzo das Urxencias e a habilitación de máis camas cando é necesario”. Respecto diso, indicaron que, neste intre, quedan 15 camas dispoñibles no hospital Meixoeiro. No caso de Urxencias, o Sergas sinalou que os pacientes son atendidos en base á chamada triaxe de Manchester, que “permite asistir en primeiro lugar aos pacientes de maior gravidade, e lembrou que está prevista unha ampliación das Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro, para a que xa se está deseñando un Plan de reforma que “está moi avanzado”.

Con respecto á Atención Primaria, Sanidade sinalou que hai variación con respecto ás demoras de citación nos diferentes centros de saúde, pero asegurou que a tardanza media para os médicos de familia e pediatras da cidade sitúase en 4,6 días. Finalmente, insistiu en que, grazas á planificación e ás medidas adoptadas, xunto co “esforzo” dos profesionais, “todos os pacientes teñen asistencia sanitaria garantida” e non queda “ninguén sen atender”. “Os que demandan atención ordinaria son atendidos na mesma semana, os urxentes no mesmo día e os que requiren ingreso hospitalario son hospitalizados”, conclúe o comunicado.

A Fiscalía pide cárcere para un taxista e un albanel por senllas agresións sexuais en Vigo

0

A sala do Penal 3 de Vigo acollerá este mércores o xuízo contra un taxista acusado dun delito de agresión sexual en grao de tentativa. Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos sucederon o 23 de abril de 2024 no barrio de Coia. No momento no que a clienta procedía a pagar a carreira, o condutor rodeoulle o pescozo co brazo e tratou de bicar os seus beizos. A muller conseguiu zafarse e fuxiu do vehículo á carreira. Por esta acción, o ministerio público solicita 9 meses de prisión e a inhabilitación para traballar con menores durante case tres anos.

ACUSACIÓN CONTRA UN ALBANEL POR BICAR Á DONA DUNHA CASA

Por outra banda, o vindeiro 27 de xaneiro, o Penal 2 de Vigo xulgará a un albanel por unha suposta agresión sexual continuada. O ministerio público sostén que en decembro de 2024, mentres realizaba reformas nunha vivenda da cidade, o home bicou e abrazou fortemente á propietaria impedindo o seu movemento. Segundo a denuncia, ao concluír os traballos noutra xornada, o acusado volveu inmobilizar á muller para bicala na boca.

Neste caso, a Fiscalía solicita unha pena de 3 anos de cárcere e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima a menos de 200 metros durante un período de catro anos. Así mesmo, o escrito de acusación reclama que o procesado indemnice á muller con 600 euros en concepto de danos morais pola fustrigación sufrida no seu propio domicilio.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed