InicioOpiniónOPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

 María del Carmen Camiña Vázquez. Licenciada en ADE pola UNED. Cofundadora da Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo, membro activa de SOS Sanidade Pública e responsable de Sanidade de Podemos Galicia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na nosa Constitución. Un dereito que, lamentablemente, non está ao alcance de todas as persoas. Durante moito tempo, a falta de vivenda asociábase á inestabilidade laboral. Porén, na actualidade, o feito de ter un emprego non garante a accesibilidade a unha vivenda digna. Isto débese, en gran medida, á precariedade laboral, ao incremento dos prezos dos alugueiros e á contía de adquisición, así como á constante aposta dos gobernos por fomentar e manter os sectores do turismo e da construción como motores da economía. Este enfoque fai que a vivenda se trate cada vez máis como un ben de especulación, no que os beneficios económicos se antepoñen aos dereitos das persoas, tal e como promove a cultura económica neoliberal.

Ademais, cómpre analizar a situación da vivenda pública no noso país. Está demostrado que en lugares onde a vivenda pública representa unha porcentaxe significativa do parque inmobiliario, o problema da falta de vivenda é moito menor e os prezos están máis estabilizados. Dende os anos 60, cando se iniciaron os primeiros plans para a construción de vivenda pública, gran parte desas vivendas foi transferida ao sector privado, deixando ao noso país co parque de vivenda pública máis reducido de toda Europa. Moitas destas vivendas foron vendidas a prezos superiores aos establecidos legalmente, sendo a diferenza entre o prezo oficial e o real derivada a actividades da economía somerxida.

En 2024, menos do 3% das vivendas de compravenda son de Vivenda Protexida (VPO ou VPP), tanto de promoción pública como privada. O parque público de Vivenda Protexida en Galicia conta con tan só 3.788 unidades. Aínda que dende 2018 se observa un certo repunte nos plans rexionais de vivenda protexida, especialmente en zonas fóra de Galicia, a maioría destes proxectos están promovidos polo sector privado, o que contribuíu a un aumento nos prezos destas vivendas. De feito, en 2023 os prezos alcanzaron máximos históricos, e en 12 provincias de España, entre as que se atopan Lugo e Ourense, o prezo da vivenda protexida superou o da vivenda libre.

As solucións á falta de vivenda dispoñible a prezos alcanzables deben abordarse desde múltiples enfoques. En primeiro lugar, é fundamental establecer unha lexislación axeitada sobre vivenda e solo, recoñecendo a vivenda habitual como un dereito e tratándoa en consecuencia. O desenvolvemento de topes de prezos, aínda que necesario, debe ser vista como unha medida de urxencia a curto e medio prazo. Mentres non se adopten medidas de maior calado, como a creación dun parque público de vivenda suficiente que axude a autorregular os prezos, tal como se fai noutros países da Unión Europea, a situación persistirá.

É tamén fundamental promover incentivos para aumentar o número de vivendas privadas en réxime de alugueiro xestionadas pola administración pública, a través de convenios con propietarios que necesiten rehabilitar as súas propiedades ou que desexen arrendar as súas vivendas. Este tipo de medidas permitiría incrementar a oferta de vivenda alcanzable e xestionada de forma pública.

A protección do dereito á vivenda digna é unha prioridade que debe ser blindada. Non será posible alcanzalo mentres as políticas institucionais sigan a centrarse nas necesidades do mercado e a favorecer o modelo neoliberal, que propicia a entrada de empresas especuladoras como os fondos voitre e a tokenización do mercado inmobiliario. Este enfoque, lonxe de beneficiar á cidadanía, xera situacións de desposuimento e desaloxo forzoso de persoas vulnerables, en moitos casos mediante prácticas violentas e coactivas, sen ter en conta os dereitos das persoas afectadas.

Para garantir o dereito á vivenda digna en Galicia, é fundamental adoptar políticas públicas que prioricen o benestar das persoas por riba dos intereses especulativos, creando un sistema no que a vivenda non sexa un negocio, senón un dereito alcanzable para todas e todos.

ÚLTIMAS

Vigo aproba o seu orzamento para 2025 cos votos a favor do PSOE e o ‘non’ de BNG e PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns o orzamento municipal para 2025, que...

Rouban 100.000 euros en xoias nun chalé de Vigo

A Policía Nacional abriu unha investigación para esclarecer un asalto a un chalé de Vigo, do que...

Os papanoeles volven surfear na praia de Patos

A praia de Patos da localidade pontevedresa de Nigrán acolleu este luns, como cada...

Vigo e a deputación chegan a acordos “chave” para a cidade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o alcalde de Vigo, Abel...