Xosé Soage naceu en Cangas do Morrazo, alá polo ano 1844. Tendo tan só catorce anos de idade chega coa súa familia ao Porto de Bos Aires que se estaba a construír. Por aqueles anos a Arxentina era un país que se estaba facendo, e Bos Aires a súa cidade máis importante, que concentraba a case totalidade da poboación.
O resto do país era cáseque un continente semideserto a conquistar. Féliz Soage e os seus familiares serán unha das primeiras familias que virán co obxectivo de colonizar a chaira pampeana e posteriormente a Patagonia.
Despois da independencia arxentina, produciuse unha feroz loita entre fraccións antagónicas, denominadas unitarias e federais, enfrontamentos estes que estaban vencellados co tipo de estructura político-admininistrativa que quería impoñer, mais fundamentalmente o que estaba en xogo era o modelo económico, que finalmente triunfaría o herdado pola colonia, baseado no modo prusiano da posesión da terra. Isto constituiu unha clase terratenente propietaria de grandes extensións de territorio gañado na conquista do deserto, ou mellor dito co exterminio do indio.
Ao concluir a virtual guerra civil e a anarquía xeralizada comeza unha etapa de ordenamento e construcción dunha Arxentina, que ten por modelo a de colonia agro-exportadora, (lá, coiros, carne, trigo, etc.). este modelo de país necesitaba man de obra barata para o campo. Por outra banda, Arxentina tamén precisaba, fronte ao seu inimigo xeopolítico Chile, ocupar espacios desertos cara ao sur.
A mediados do século XIX, chegaron continxentes migratorios de Galicia, co obxectivo de acompañar a colonización dos “novos” conquistadores. Estas familias estaban contratadas para os traballos do campo. Moitos destes emigrantes lograron rapidamente independizarse, poñendo polberías ou adicándose ao comercio de ramos xerais. Algúns deles, os máis listos, compraron terras, ata converterse en grandes latifundistas, tal foi o caso do “Gallego” Ibón Noya na Patagonia. Anque a meirande parte dos emigrantes galegos tornaron á cidade de Bos Aires para se incorporar á incipiente industria porteña.
Unha das correntes colonizadoras de galegos dirixiuse ás terras do Tuyú, no Partido de Dolores (provincia de Bos Aires), zona esta de bos pastizais para o gando vacún.
O mozo Soage empregaráse nun armacén de ramos xerais que tiñan os seus familiares, José Manuel Soages e José F. Villariño. Os clientes do seu negocio foron os típicos gauchos arxentinos, quen se proveían de comestibles e de utensilios para as súas faenas do campo.
Pasaron nove anos ata que o seu parente Juan C. Martínez o puxo de xerente dos variados negocios que este tiña no seu pobo. Durante trece anos que durou este emprego logrou facerse uns bos aforros que xunto a un empréstimo bancario logrou mercar en xaneiro de 1880 unha fracción de terra de 16.000 hectáreas, equivalentes ao tamaño do seu concello natal.
As terras mercadas foron na zona de Casares, dentro da provincia de Bos Aires. Ao pouco tempo Soage contaba con 20.000 cabezas de gando ovino. O xove estancieiro axiña soportará un dos momentos máis amargos da súa vida, isto foi por mor dunha inundación que case o deixa sen gando. O seu tesón e resistencia fixo que Soage realizase as obras necesarias para evitar futuras inundacións que lle puidese facer perder todo o investimento.
A revísta arxentina “El Hogar”, que realizara unha semblanza da súa persoalidade, dixo nun artigo: E con paciencia de formiga cumpre alí unha tarefa que despois atraerá a atención dos entendidos: abre canles, tende unha complexa rede de desaugues, levanta a brazo os niveis escurridizos co barrizal que estrae dos baixos, e efectúa este ímprobo labor de toupo persoalmente e de sol a sol, coa enerxía famenta de porvir que o acucia vibrando en cada golpe co que o defraudaron. Por fin domaron a adversidade. A chuvia é agora unha bendición sobre os campos, a auga fluxe pola obra, alimenta as pías para seca e nutre a gleba, que se alfaia coa esmeralda dos pastos tenros como nos os hai iguais en todos os abrevadeiros. Así ve Xosé Félix Soage retornar a riqueza co doado engorde dos seus animais e estenderse as “majadas” cándidas nas súas 16.000 hectáreas redimidas por unha ratificación positiva do valor do esforzo empregado por unha nobre admisión”.
Durante vinte anos, Soage dedicouse de cheo ás actividades agropecuarias. En 1904 trasladouse a Bos Aires, mercando unha finca na rúa Uruguai 1602.
Nestes anos da súa vida espératase en Soage a súa morriña acumulada en tanto tempo de sacrificio. A súa situación económica era de certa importancia, o que lle permitiu asistir aos seus veciños cando necesitaron axuda. Así segue a relatar a Revista “Hogar” nesta etapa da súa vida: “Cangas non cambia todo o ouro das laranxas da terra fulxente das súas sardiñeirías costeiras xa que amar ao mar, que non só lle dá o sustento, senón que tamén razón para a homada mariñeira fronte á onda muxidora. Así, a vida feliz á beira da súa ría, ata que un día un “aletazo” dun vendaval castiga o caserío e a borrasca brama dentro do esteiro, como se todo o oceáno quixese meterse na aldea. É no 1894, ano inesquecible para Cangas”.
O temporal asubía toda a noite, xa o mencer hai dor e estupor no pobo, por que a auga levouse o murallón e as instalacións onde na luminosa bonanza de todos os días as mulleres e os nenos seguen a laborar mais agora á intemperie, pois en cada tempada o sol caldea a area e é preciso evitar que o producto se perda.
O vecindario resignouse, aínda que coa magoante sensación do seu desamparo, xa que, como nunca se viu, vese en Cangas ás mulleres cargadas de anos, que cando chove e é día de feriar se refuxian nos portais coa mercadoría que é fatiga dos seus ollos e recurso da súa vellez cansa -as guerrillas de lá para a xente mariñeira, as grosas medias aldeás para as frías mañás da igrexa-, traballosos labores de agulla que protexen cos seus panos grandes, porque xa non existen os tinglados que levou o temporal.
Mais chega un día á vila unha nova marabillosa: desde Bos Aires veu a orde de emendar o dano e, ante os ollos incrédulos dos veciños, álzase en Cangas un fermoso edificio, dotado de cámaras frigoríficas e amplo espacio para a salga do peixe, e, ademais dun mercado de abastos onde as velliñas volven levantar os seus pregóns, e que agora, nos ámbitos da moderna instalación, asume resonancias corais, como se neste cántico laborioso se loase o lonxano benefactor don José Félix Soage, que desde a gran cidade do Plata e por sobre a distancia e o esquecemento ratificou o seu puro amor á terra, o seu agarimo de sempre á aldea humilde que arrolou a súa infancia.
Os seus veciños de Cangas retribuíronlle esta actitude solidaria, enviándolle un álbum coa sinatura de todos os veciños e transmitíndolle o seu profundo agradecemento e imperecedoira lembranza. Así, foille construído un monumento en homenaxe que realizou o destacado escultor Asorei, monumento que está situado na alameda da vila. Félix Soage terá activa participación noutras obras benéficas, como a foi a de custear a construcción dunha escola ou a reconstrucción da igrexa parrroquial, á que ademais regalou un órgano.
Na Arxentina tamén realizou obras benéficas, entre as máis destacadas: Regala unha sala de primeiros auxilios en Daireaux no Partido de Caseros, lugar onde realiza a súa fortuna. Dedica douscentos mil pesos ao levantamento dun pavillón hospitalario na cidade de Temperley. Realiza o primeiro legado, que rexistra o Hospital Español de Bos Aires. Funda bibliotecas de barrio. Axuda en forma constante á benemérita Sociedade de Irmás dos Desamparados, ao Padroado da Infancia, ao Padroado Español, á Sociedade Española de Socorros Mutuos de Bos Aires. Todos os nadais, Soage percorría os hospitais infantís, para repartir xoguetes, roupa e golosinas. En 1919 Soage outórgalle á Sociedade Española de Socorros Mutuos a cantidade de 25.000 pesos, pola cal a entidade retribúeo nomeándoo socio honorario.
O 8 de abril de 1924 o gran filántropo de Cangas morría en Bos Aires, lonxe da súa querida terra, da que tanto se lembrou coas súas obras e o seu pensamento.