
Miles de persoas reuníronse este domingo na Alameda de Marín para mostrar o seu apoio aos familiares da tripulación da ‘Villa de Pitanxo‘, o pesqueiro galego naufragado en Terranova (Canadá) o pasado martes. Na concentración as familias insistiron na súa petición de “renovar a procura canto antes” e aseguraron que non van parar nin “esquecer” aos desparecidos.
Tanto en declaracións aos medios como xa nunha intervención aberta a todo o público desde o palco da música de Marín, os familiares insistiron en “renovar a procura canto antes”, sinalando que os pesqueiros que se atopan na zona aseguraron que “a meteoroloxía xa o permite”.
Especialmente críticos foron co Goberno central, ao que lle afearon a falta de información e de medios propios en Terranova, que si se destinan para outras catástrofes ou para prestar axuda en conflitos. “Non estamos a pedir unha axuda, estamos a pedir un dereito“, aseguraron respecto da recuperación dos corpos dos desaparecidos.
É por este motivo que avanzaron que este luns volverán, ás 11,00 horas, á sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e que pedirán, tamén esta semana, unha audiencia co Executivo central.
“SEGUIR FACENDO RUÍDO”
A este respecto, Cristofer, o fillo dun dos desaparecidos aseverou que “isto se vai a esquecer unha vez que cheguen os corpos e os sobreviventes”. “Imos seguir facendo ruído porque queremos respostas, non imos calarnos“, afirmou.
Explican que saben que as posibilidades de atopar os corpos son “poucas, pero son nulas se non se vai” e por iso piden “buscar un pouco máis”. Apelaron ademais á Armadora, á empresa Nores, á que pediron “colaboración”.
Ademais dos achegados dos desaparecidos, á manifestación tamén acudiron familiares dos falecidos identificados, como o fillo de Miguel Lumbres, que destacou que “a loita debe continuar polos compañeiros desaparecidos”.
POLÍTICOS
A mobilización, convocada polos propios achegados, estaba prevista para as 13,00 horas, aínda que pasadas as 12,00 xa comezou a congregarse xente na praza. Entre eles, os alcaldes de Marín, Pontevedra, Bueu e Cangas; a conselleira de Pesca, Rosa Quintana; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy; e a dirixente popular e deputada no Congreso, Ana Pastor.
Pontón pediu que se atenda á petición das familias de seguir coa busca dos mariñeiros desaparecidos e que para iso se implique tamén con medios o Goberno do Estado. Ademais, reiterou toda a colaboración do BNG nun dos momentos “máis difíciles da vida”.