InicioPiden unha nova ambulancia para a base do 061 en Cangas: "a...

Piden unha nova ambulancia para a base do 061 en Cangas: “a poboación triplícase no verán”

A CIG sostén que, ante o aumento da poboación, non incrementar os recursos podería poñer en risco a vida das persoas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Federación Galega de Alimentación (FGAMT) e a Unión Local da CIG no Morrazo veñen de reclamar a dotación dunha nova ambulancia para “reforzar” o servizo 061 na comarca, con base en Cangas. Así llo veñen de trasladar ás direccións de Atención Primaria de Vigo e do 061, segundo apuntan nun comunicado en que a confederación trata de “demanda histórica” a cuestión.

Segundo apuntan no mesmo texto, a esixencia foi tamén remitida ao consello local de sanidade de Cangas, que despois referendar o texto será enviado pola alcaldía ao 061. O obxectivo desta nova ambulancia obedece a unha serie de motivos que, a ollos da CIG, fan da demanda unha petición “sobradamente xustificada”.

En particular, dende o sindicato aducen ao incremento da poboación da comarca durante o verán, “chegando a triplicarse en Cangas e alcanzando enormes cifras de visitantes nos 37 areais do municipio”. “Porén”, subliñan, “os recursos dispoñibles son os mesmos que durante o inverno”.

E iso que a demanda asistencial se incrementa cada ano, de acordo coas mesmas fontes. Segundo destacan no comunicado, “no derradeiro dos informes remitidos ao Concello de Cangas polo 061 pódese comprobar como no ano 2020, pese ao notable descenso do turismo, o confinamento da poboación, a paralización da actividade industrial e comercial e a caída de accidentes de transito provocado pola pandemia, a ambulancia con base en Cangas foi a única do Morrazo que non descendeu no número de servizos realizados con respecto ao ano anterior”.

Por iso dende a central sindical aseguran “non entender” como se pode facer o mesmo traballo de asistencia sanitaria urxente cos mesmos recursos que existen, cando a poboación se multiplica, a demanda dispárase e o tempo de asistencia chega a triplicarse.

“Non podemos permitir que a ausencia dunha ambulancia máis do 061 con base en Cangas provoque atrasos que fagan aumentar o sufrimento e a desesperanza das persoas, que a súa saúde se deteriore e que no caso das coñecidas como emerxencias tempo-dependentes (infarto, Ictus, hipoglicemia, parada cardíaca, etc) a vida das persoas se poña innecesariamente en perigo”, sinalan.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...