Os Elefantes de Papel achéganse xa á final da súa viaxe. É o noveno día de María e Berto na illa grega de Lesbos, onde se atopan os campos de refuxiados de Pipka e Moria, e tiveron que enfrontarse ás primeiras despedidas. Ao final da crónica, o índice de capítulos.
“Hoxe toco decir adeus. As actividades cos cativos de Pikpa descansan durante a fin de semana e o domingo tócanos coller o avión de volta”, lamentaron este venres os nosos elefantiños.
No seu último día de traballo, o mar, que segue moi picado, “converteuse en aliado, ofrecendo unhas enormes olas coas que non pararon de xogar, saltar e divertirse”, destacan con ledicia. Mustafa, Alí ou “Mari Pili” quedarán para sempre nas súas lembranzas como un agasallo da vida.
O segundo grupo do Proxecto Auga, que vén do campo de Moria, está composto por adolescentes. “Falando con algúns deles cóntannos as duras condicións de Moria. Soñan con conseguir o pasaporte e empezar de cero. Os ollos énchenselles de bágoas. Ningún deles pasa dos dezasete anos e moitos chegaron a Lesbos sós, deixando atrás pais, nais, irmáns e un fogar”, lamentan.
Son nenos que, “por idade”, “xa perderon o atrevemento inconsciente dos pequenos, e os que non saben nadar aférranse aos monitores como á vida, ou deciden saír da auga cando o medo lles pode. Os que quedan dentro deixan por un intre a obriga de converterse en adultos e gozan das olas como os rapaces que son”.
“Non hai persoa na terra que, con esas idades, merezan pasar polo que eles están pasando, e aínda así, sorrín e agradecen cun “my friend” o tempo que pasamos con eles. Somos nós os que deberiamos agradecerlles a lección de humanidade que cada día nos mostran”, recoñecen Berto e mais María.
Deron unha das súas últimas voltas pola zona: “Estivemos de novo no Mosaik Support Center. Queriamos coñecer a tenda que recicla os chalecos salvavidas e os transforma en bolsos, moedeiros, cintos… As vendas teñen unha finalidade solidaria e os obxectos resultantes son preciosos, así que non nos puidemos resistir e picamos”.
E seguían os adeus: “Pasamos tamén pola Movil Kitchen de Julio pero xa non estaba. Aproveitamos para despedírmonos de Mar, Andoni e os catro estudantes de medicina (rectificamos; na crónica anterior dixemos dous) que están de voluntarios na cociña. Ningún deles quere marchar. Esta experiencia engancha e che cambia a perspectiva do que realmente importa”.
Comeron no Welcome Home, o espazo xestionado por Nikos e Katherina que ofrece cincuenta comidas diarias de balde para os “refuxiados”, e onde xa se senten como na casa. Hoxe tiñan clases de guitarra e ioga, e están creando unha biblioteca. É un gusto para eles ver traballar xente de tantas razas, etnias e culturas en harmonía.
Pero despiden esta crónica con certa preocupación, pendentes dunha sentenza xudicial que ditaminaría o peche do campo de Pikpa, onde sobreviven aquelas persoas en situación de maior vulnerabilidade.
“Desexamos que a xustiza faga honor ao seu nome, que os xuíces que diten sentenza coñezan de primeira man o bo funcionamento do mesmo, a indefensión e desamparo das persoas que viven nel. Gústanos soñar en voz alta“, selaron.
ÍNDICE
CAP 0: Entrevista a María e Alberto antes da viaxe
CAP 1: Curando aos nenos o trauma do mar
CAP 2: “O lixo acumúlase ás portas. O cheiro é indescriptible”
CAP 3: “Refuxiados é un eufemismo, esta xente non ten refuxio”
CAP 4: “Unha broma macabra”
CAP 5: “A importancia de sentirse realizado”
CAP 6: “A Policía entrou pola noite no campo repartindo paus e gases lacrimóxenos”
CAP 7: “O vergoñento cemiterio dos Sen Nome, da illa que non podía absorber máis cadáveres”