Os Elefantes de Papel, María e Berto, continúan na illa grega de Lesbos vivindo experiencias ás veces reconfortantes, ás veces devastadoras, ao redor dos campos de refuxiados da zona.
E, ademais, comunicando a Xornal de Vigo os seus avances diarios, sendo esta xa a súa oitava xornada. Ao final do artigo, un índice dos capítulos para visitar calquera de eles.
Desta vez, a súa crónica comeza así: “Hai días que as pequenas historias tecen unha arañeira de boas sensacións, cos seus buratos e defectos, pero historias, a fin de contas, que son vida e, hoxe, quedamos co bo vivido”.
Porque a pesar de que o mar andaba picado, de que ía moito vento e apenas baixaron cativos para o Proxecto Auga, decatáronse de que un deles, xunto a súa familia, conseguira o pasaporte para deixar o campo de Pipka e pasar a Atenas.
“A Mohammed non o volveremos ver e nin tan sequera puidémonos despedir, mais desexámoslle que nunca perda o brillo que ilumina a súa mirada e a risa coa que nos daba os “bos días” cada mañá”, destacan con agarimo.
“O camión que Julio (a cargo da movil kitchen) levaba días esperando por fin deu chegado, e Berto pasou por alí a descargar caixas mentres eu estaba cos pequenos na praia”, recorda María.
Así, “a movil kitchen converteuse de novo nun formigueiro de ilusións renovadas. Mentres, nos fogóns, seguíanse preparando as comidas diarias”. Os axudantes de cociña son dous estudantes de medicina.
Chegaron alí grazas a un profesor que viviu o proxecto, faloulles aos alumnos do traballo desempeñado por Julio, e estes decidiron ir botar unha man en parellas rotativas cada quince días. “De seguro que esta aprendizaxe non a esquecerán xamais”, aseguran os elefantiños.
Coñeceron tamén o Mosaik Support Center, un dos moitos espazos que medran na illa para fomentar a convivencia entre “refuxiados” e nativos. Alí organizan obradoiros diversos, clases de ioga, idiomas…e abriron unha tenda onde lle dan unha segunda oportunidade á cantidade de chalecos salvavidas que chegan a Lesbos: deles fan bolsos, carteiras e os venden coa intención de recadar cartos para os “refuxiados”.
“A día de hoxe, entre voluntarios de pequenas ONG’s e veciños seguen botando unha man para que esta situación non sexa un completo holocausto, mentres esperan que a solución, que está nas mans dos de arriba, deixe de ser unha esmola que se perde polo camiño”, selan.
ÍNDICE
CAP 0: Entrevista a María e Alberto antes da viaxe
CAP 1: Curando aos nenos o trauma do mar
CAP 2: “O lixo acumúlase ás portas. O cheiro é indescriptible”
CAP 3: “Refuxiados é un eufemismo, esta xente non ten refuxio”
CAP 4: “Unha broma macabra”
CAP 5: “A importancia de sentirse realizado”
CAP 6: “A Policía entrou pola noite no campo repartindo paus e gases lacrimóxenos”
CAP 7: “O vergoñento cemiterio dos Sen Nome, da illa que non podía absorber máis cadáveres”