InicioMovementos SociaisFronte común en Vigo contra o desfile das Forzas Armadas: convocan unha...

Fronte común en Vigo contra o desfile das Forzas Armadas: convocan unha manifestación contra a “exaltación da barbarie”

Galiza pola Paz, colectivos sociais e o BNG chaman á mobilización o vindeiro 30 de maio para rexeitar o rearmamento militar en detrimento da sanidade e a educación.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A rúa prepárase para responder á gran demostración de forza militar que acollerá Vigo. A plataforma Galiza pola Paz, arroupada por diversas organizacións sociais e polo BNG, convocou este xoves unha gran manifestación para o vindeiro sábado 30 de maio. O obxectivo: protestar de xeito frontal contra o desfile do Día das Forzas Armadas, un evento que cualificaron sen tapuxos como unha “exaltación obscena da barbarie”.

Os colectivos escenificaron a súa unión cunha concentración e posterior rolda de prensa ante as portas do propio Concello de Vigo, o escenario político onde se xestionou o desembarco militar. Alí debullaron os motivos dunha protesta que busca espertar a “conciencia antimilitarista” da sociedade galega.

“NIN GUERRA, NIN OTAN, NIN GASTOS MILITARES”

A mobilización do sábado 30 de maio xa ten hora e percorrido confirmado. Segundo explicou a portavoz Marta Romeu, a marcha arrincará ás 12:00 horas desde Vía Norte e avanzará polo centro da cidade ata rematar na Porta do Sol baixo un lema que é toda unha declaración de intencións: ‘Paz e soberanía. Nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares’. Desde a organización denuncian que o desfile militar non é máis ca un “intento de xustificación” de cara á opinión pública do brutal incremento do gasto armamentístico, un diñeiro que, segundo apuntan, recórtase directamente da calidade de vida e dos dereitos da maioría social.

O CUSTO SOCIAL DA “MAQUINARIA DE GUERRA”

Pola súa banda, o portavoz Rafa Vilar contextualizou a protesta cargando contra a “maquinaria de guerra” que o imperialismo actual puxo en marcha, suliñando a responsabilidade non só de Estados Unidos ou Israel, senón tamén dunha Unión Europea que, segundo as súas cifras, está a destinar máis de 800.000 millóns de euros ao rearmamento. Unha estratexia que, alertou, está a “dinamitar” o dereito internacional e a destruír países como Palestina ou o Líbano.

Vilar puxo o dedo na chaga doméstica ao acusar ao Goberno central e á Xunta de Galicia de seren “cómplices por inacción” desta fuxida cara adiante militarista. Os convocantes lembraron que este investimento multimillonario en armas non trae máis seguridade, senón un aumento exponencial do custo da vida para as familias. “Eses millóns deberían destinarse a defender o Estado do Benestar, as pensións, a sanidade e a educación pública”, concluíron, chamando a unha participación masiva para demostrar que Vigo é unha cidade de paz.

ÚLTIMAS

A Fundación Laxeiro expón unha serie de debuxos inéditos cunha gran forza expresiva

A sede da Fundación Laxeiro, na Casa das Artes de Vigo, expón desde este...

Ciencia de Ida e Volta en cafés de Pontevedra, Vigo e Ourense por parte do alumnado sénior da UVigo

Exercer de embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento. Esa será a misión...

Caballero esixe á Xunta 9 millóns ao ano para Vigo por ser “a cidade máis importante de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiulle este martes á Xunta de Galicia que,...

O BNG leva á Valedora a negativa de Caballero a comparecer polo caso Saltamontes

O grupo municipal do BNG en Vigo presentou unha queixa ante a Valedora do...