InicioMovementos SociaisO éuscaro, máis preto de adiantar ao galego

O éuscaro, máis preto de adiantar ao galego

Txerra Rodríguez, sociológo vasco, destaca a experiencia de 30 anos de normalización en Álava. Di que a situación que se vive en Galicia é a inversa da que existe en calquera dos territorios de Euskal Herria.

PUBLICADO O

- Advertisement -

 No ano 1981 o número de falantes en éuscaro en Álava non chegaba ao 5%, hoxe, case corenta anos despois, esta cifra sitúase por enriba do 30%. Unhas cifras que se invirten no caso galego. Aquí, hai 35 anos, os falantes superaban o 60% e hoxe non chegan ao 40%. Cales son os principais factores que motivaron este ascenso constante en Euskadi?

Txerra Rodríguez, sociólogo e membro da coordinadora de servizos lingüísticos e culturais EMUN, iniciativa posta en marcha a finais dos 90 coa normalización da situación do éuscaro como principal misión, destacou como en 40 anos de normalización e revitalización lingüística, desde as institucións pero –sobre todo- desde o tecido social e asociativo, conseguiron pasar en concellos de Álava dun 0% a un 40% de falantes actuais.

Convidado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Txerra Rodríguez defendeu que “a revitalización lingüística é posible”, pero para conseguilo deben conxugarse tres factores “fundamentais e profundamente entrelazados entre eles”: a educación, os movementos sociais e o apoio da propia administración pública.

No que respecta a educación, Rodríguez resaltou a importancia que tivo en todo este proceso o modelo de inserción lingüística en éuscaro, traballo que se viu reforzado por todas as actividades realizadas a favor da lingua desde os movementos sociais alaveses e, sobre todo nos últimos sete ou oito anos, por todo o apoio técnico da propia administración, que era algo que tamén se viña reivindicando dende hai anos por todos os movementos sociais a favor da lingua.

“Son tres eidos que están absolutamente relacionados e que deron e que seguirán dando, xa que todo isto aínda está en proceso, moitos máis froitos importantes”, recalcou o experto.

A importancia das ikastolas

Tradutor de Martin Codax ao euskera, Txerra Rodríguez lembrou na súa visita a Vigo o importante papel que tiveron en todo este proceso de normalización o nacemento das ikastolas, “as primeiras escolas de inmersión lingüística creadas en pleno franquismo de xeito ilegal e nas que as nais e os pais fixeron un tremendo esforzo por matricular alí aos seus fillos”.

O sociolingüista vasco Txerra Rodríguez
O sociolingüista vasco Txerra Rodríguez /  Duvi

Despois, chegou a transición e, con ela, as primeiras escolas públicas que apostaron por este modelo de inmersión e “así ata hoxe, no que este modelo é o principal e no que están matriculados máis nenos e nenas desde 0 ata 18 anos”.

En todo este proceso de revitalización da lingua tampouco faltaron, lembrou o experto, detractores, sobre todo nas décadas de 1980 e 1990, pero, “afortunadamente, hoxe en día todo iso está bastante superado e as medidas a favor do éuscaro chegan desde todos os ámbitos e partidos políticos”, recalcou Rodríguez.

Respecto a Galicia:“A tendencia cara o futuro non semella moi positiva”

Con respecto ao caso galego, o sociolingüista vasco considera que nestes intres a situación que se vive en Galicia é a inversa da que se vive en calquera dos territorios de Euskal Herria, onde os menores de 18 anos son os principais falantes do éuscaro.

O uso e o coñecemento do galego é moito máis amplo que alí, pero non sei ata cando se vai poder manter, xa que todo isto non deixa de ser un proceso social de xeracións”, recalcou Rodríguez, ao tempo que incidiu na idea de que alí se vive unha época de revitalización, mentres que en Galicia a situación é de retroceso, “pero, aínda así, penso que a situación galega segue sendo moito mellor ca vasca, se ben, a tendencia cara o futuro non semella moi positiva”.

 

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...

Condenado a 2 anos de cárcere e perda do carné por 4 anos o condutor novel que embestiu a unha motorista en Coruxo no...

O xulgado do Penal 2 de Vigo condenou á pena de 2 anos de cárcere ao...

O BNG anuncia unha batería de iniciativas contra a “inxusta exclusión” de Vigo como porto nodal

O BNG anunciou este venres unha batería de iniciativas contra a "inxusta e inxustificada"...