InicioMedio Ambiente e PatrimonioSolta de 6.000 crías de salmón no Miño en Tui para impulsar...

Solta de 6.000 crías de salmón no Miño en Tui para impulsar a candidatura ao Premio Natura 2000

Forma parte dunha acción de cooperación transfronteiriza para mellorar os hábitats fluviais. O Goberno dá luz ver.de a actualizar o acordo transfronteirizo con Portugal de pesca e caza no río Miño.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta organizou este martes unha solta de 6.000 exemplares novos de salmón no río Miño, á altura da Comandancia Naval de Tui, no marco dunha acción de cooperación transfronteiriza para mellorar os hábitats fluviais, e para impulsar a candidatura do proxecto Migra Miño ao Premio Natura 2000, convocado pola Comisión Europea.

No acto de solta participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo; o presidente da Cámara Municipal de Valença do Minho, José Manuel Carpinteira; unha trintena de escolares; e membros das Forzas Armadas, entre outras autoridades.

Segundo explicou do Campo, trátase da única iniciativa de cooperación entre España e Portugal que chega a finalista na sexta edición destes premios, nun certame no que concorreron un total de 40 proxectos de toda a UE.

No caso de Migra Miño, a iniciativa opta ao galardón na categoría de Cooperación Transfronteiriza, xunto a tres proxectos de Austria, Francia e Alemaña. O gañador será escollido por un xurado profesional e darase a coñecer en Bruxelas no mes de maio.

Lograr o premio suporía, apuntou a directora xeral, “un recoñecemento ao traballo conxunto de Galicia e Portugal na protección da biodiversidade e na conservación da natureza, na conca internacional do Miño”.

MIGRA MIÑO

O proxecto Migra Miño foi impulsado en 2017 para mellorar o estado de conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias de peixes a ambos os dous lados da fronteira, así como para pór en valor a pesca tradicional e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico deste territorio.

O ámbito de intervención abarca desde o encoro de Frieira, en Ourese, ata a desembocadura do Miño, o que inclúe cinco espazos da Rede Natura 2000 (dous deles en Galicia e outro tres en Portugal).

Nos últimos cinco anos liberáronse máis de 173.000 xuvenís de salmón e máis de 1.600 quilos de anguías; tamén se elaborou un documento que recolle as normas de xestión comúns para a pesca fluvial no tramo internacional do río e nos seus afluentes.

Ademais da Xunta, participan nesta iniciativa a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Forestas, a Agência Portuguesa do Ambiente, o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental, e a Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira.

ACORDO TRANSFRONTEIRIZO

O Goberno deu luz verde á renovación do acordo entre o Estado español e a República de Portugal sobre a pesca no tramo internacional do río Miño e a práctica da caza nas súas marxes.

O acordo foi aprobado este martes no Consello de Ministros e introduce novidades no reordenamento das sancións e a enumeración “clara e detallada” da Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM).

Estes pactos transfronteirizos entre España e Portugal xorden da reunión da Comisión Internacional de Límites, celebrada en Madrid en abril de 2019 e que deu continuidade ao encontro celebrado en 2014. Os tratados foron asinados no cume hispano-luso do pasado 28 de outubro que tivo lugar en Trujillo (Cáceres).

Nesa reunión, os gobernos español e portugués decidiron actualizar os regulamentos en vigor para actualizar os regulamentos á actividade de pesca profesional, recreativa e de pesqueiras no tramo internacional do río Miño.

O novo marco inclúe a nova denominación como ‘acordo internacional’ en lugar de ‘regulamento’, introduce unha cláusula de emenda e regúlase o ámbito de aplicación no que se establecen as liñas de peche da desembocadura do río Miño e elimina o seu tramo internacional.

Pola súa banda, o acordo relativo á caza nas marxes do río, actualizada a norma vixente desde o ano 1995. Do mesmo xeito que para a pesca, pretende reforzar a “cooperación e acción coordinada” entre os países veciños.

ÚLTIMAS

A Xustiza obriga ao Concello de Vigo a pagar á familia do bombeiro falecido Sergio Sanlés polos servizos que realizou como cabo e sarxento

O Concello de Vigo deberá abonar á familia do bombeiro Sergio Sanlés, falecido nun...

Ferido grave un home de 35 anos tras lanzarse de cabeza nun parque de camas elásticas en Nigrán

Un home, M.B.G., de 35 anos de idade, resultou ferido grave tras golpear contra...

Cortes ferroviarios entre Vigo e Ourense: Renfe activa autobuses durante as obras da conexión de Plisan

Renfe habilitará entre o 27 de febreiro e o 2 de marzo un plan...

Vigo converterase en abril no epicentro mundial da pesca sustentable co Global Sustainable Seafood Galicia Forum

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse este mércores...