Unha veciña de Vigo leva mañá á Xunta máis de 30.000 firmas recollidas en Change.org pedindo aclaracións polos bidóns radioactivos. Foi logo de ver que unha expedición oceanográfica francesa localizou máis de 3.000 bidóns radioactivos fronte ás costas galegas. “Como pode ser que ninguén nos contase isto? Como pode ser que levemos máis de 40 anos nadando, pescando e vivindo sobre un cemiterio nuclear e ninguén nolo dixese?”, di indignada Gabriela Irisarri, a impulsora de change.org/GaliciaCementerioNuclear .
En poucos días conseguiu máis de 33.000 firmas de apoio solicitando “unha investigación inmediata e que comecen xa as tarefas necesarias para retirar os bidóns radioactivos do fondo do mar”. “Que consecuencias ten isto para nosa saúde, para o ecosistema, para a pesca? Por que se ocultou esta información durante tanto tempo“, pregúntase
“Vivín toda a miña vida na costa de Galicia. Nadei neste mar, remei, pesquei, sempre crin que era un lugar seguro. E agora decátome de que, desde hai décadas, baixo estas augas hai miles de bidóns con residuos nucleares abandonados”. Así empeza Gabriela Irisarri esta petición coa que pretende que as administracións tomen cartas no asunto. Os científicos tomaron mostras de auga, sedimentos e fauna mariña. Pero as análises definitivas aínda non existen, “e as autoridades españolas seguen sen dar explicacións claras nin asumir compromisos públicos”, sinala.
Mañá desprázase de Vigo até Santiago para pedir directamente á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia “que se inicie unha investigación, que se dean explicacións e que se saquen eses bidóns radioactivos da nosa costa. Non o pido só eu. Están a pedilo máis de 33.000 persoas”, conclúe.