O Consello da Xunta acaba de autorizar a aceptación da cesión dos inmobles dos centros de saúde de Lestrobe (Dodro) e Tordoia, ambos os dous na provincia da Coruña; dos centros de saúde da Pastoriza, Baralla, Barreiros e Sober, na provincia de Lugo, e do centro de saúde do Rosal, na provincia de Pontevedra, feitas todas ellas a título gratuíto por parte dos respectivos concellos a favor do Servizo Galego de Saúde.
A transferencia de todos estes centros ten un custo de mantemento anual estimado para a Xunta de Galicia de 386.095,83 euros. Estas sete novas cesións forman parte dun grupo de centros de saúde dos cales o Sergas asumirá os seus custos de mantemento ao longo do presente ano, xunto cos xa asumidos hai uns días de Vimianzo e de Paderne.
Ademais dos inmobles sanitarios de Paderne, Vimianzo, Lestrobe, Tordoia, A Pastoriza, Barralla, Barreiro, Sober e O Rosal, o Servizo Galego de Saúde prevé a asunción, ao longo dos vindeiros meses, dos centros de saúde de Cualedro, Porqueira, Catoira, Mosteiro e Mos.
Estas sete infraestruturas da rede sanitaria pública galega de Dodro, Tordoia, A Pastoriza, Baralla, Barreiros, Sober e O Rosal engádense aos 74 centros xa cedidos á Comunidade Autónoma no eido do pacto local.

O centro de saúde do Rosal ocupa unha superficie de 544 m², e a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo estima o seu custo anual de mantemento en 51.358,28 euros.
O proceso de asunción é, en todo caso, voluntario para os concellos, que previamente asinan uns convenios nos que se establecen as bases da cooperación co Sergas para
“a cesión da propiedade do centro de saúde de que é titular o dito concello, ao Servizo Galego de Saúde e para a asunción, por parte deste organismo, dos gastos de mantemento deste”.
O concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios co fin de posibilitar a cesión patrimonial do centro de saúde libre de cargas e gravames, así como a aprobar determinadas exencións e bonificacións fiscais, e o Servizo Galego de Saúde acepta a cesión do inmoble e comprométese a asumir os gastos de mantemento.