InicioVigo e contornaO PorriñoUn home saharauí denuncia unha detención "racista" por parte dun policía local...

Un home saharauí denuncia unha detención “racista” por parte dun policía local do Porriño

A alcaldesa anuncia a apertura dun expediente informativo para coñecer que ocorreu.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un veciño do Porriño de 32 anos de idade e de orixe saharauí, Mohamed Salem, denunciou un suposto episodio de abuso de poder en relación cunha actuación que tivo lugar o pasado 16 de maio, cando un axente de Policía Local, vestido de paisano e, supostamente sen identificarse, procedeu á súa detención.

Un portavoz da familia de Salem, David Táboas, interveu no pleno municipal nas últimas horas para denunciar publicamente estes feitos e para sinalar que o oficial da Policía Local non se identificou e fixo un uso inadecuado da forza, nunha actuación que podería ter “tinguiduras racistas”.

Ademais, lembrou que Mohamed Salem chegou ao Porriño en 1998 e desde entón ata a actualidade, “a súa conduta foi sempre excelente”. “Hoxe está dedicado ao seu traballo, familia e amigos”, incidiu Táboas que, ademais de preguntar ao goberno local se apoia a actuación de axentes de Policía Local sen identificarse, reclamou protocolos para evitar “abusos” ou posibles actuacións con connotacións “racistas” ou “xenófobas”.

Ante esta denuncia, a alcaldesa desta localidade, Eva García de la Torre (que xa se reuniu con Mohamed e a súa familia), anunciou a apertura dun expediente informativo para coñecer que ocorreu. En todo caso, sinalou, este expediente non se activará ata que non se pronuncie a Xustiza, xa que a vía penal prevalece sobre a administrativa.

Na mesma liña, a rexedora advertiu de que existen “múltiples versións” sobre o ocorrido, e algunhas son contraditorias, polo que avogou por agardar a que se pronuncien os xulgados, á vez que recalcou que debe respectarse a presunción de inocencia tanto do mozo saharauí como do propio axente da Policía Local.

A rexedora engadiu que, “se en algo a familia ou Mohamed se viron feridos, faltados ou afectados”, pídelles “desculpas” en nome da Corporación. “Pero tamén teño que defender a actuación da Policía Local. Espero que todo se aclare”, proclamou.

DETENCIÓN

A detención de Mohamed Salem produciuse o pasado 16 de maio nunha rúa do centro do Porriño, cando o home se dirixía ao seu domicilio. Fontes municipais trasladaron que, segundo figura no atestado policial, o arresto produciuse por desobeceder a un axente, que lle pediu identificarse ata en tres ocasións.

Segundo a versión do oficial, Salem púxose agresivo e propinoulle unha cotenada cando lle advertiu de que ía ser cacheado e trasladado a dependencias policiais. Debido a ese ataque, o axente reduciuno e levouno arrestado, mentres outros dous axentes da Policía Local “contiñan” a outros mozos que estaban con el.

Con todo, a versión do mozo difire, e asegura que non quixo dar a súa documentación ao axente porque este ía vestido de paisano e non achegou identificación que certificase que era policía.

ÚLTIMAS

Almuiña retira as competencias de Urbanismo ao edil de Baiona investigado pola Fiscalía

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, retirou as competencias de Urbanismo, Patrimonio e...

Vigo aproba o retranqueo dos colectores de Balaídos para ampliar Tribuna cara ao Mundial 2030

O goberno de Vigo aprobará finalmente este venres o proxecto para o retranqueo dos...

A investigación polo accidente mortal no Saltamontes de Matamá encara a súa recta final

A investigación xudicial do accidente mortal ocorrido na atracción Saltamontes, en agosto de 2024,...

Un estudo do IEO investiga as especies causantes de floracións de algas nocivas nas Rías Baixas

Un equipo do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC),...