A Xunta de Galicia prevé pór en marcha o próximo 1 de agosto a nova estación de buses de Vigo, no complexo intermodal de Urzáiz, e instou o Concello a que confirme a finalización e posta en servizo dos accesos necesarios para facer posible esa apertura.Así o trasladou a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández Tapias, quen sinalou que a nova terminal poderá porse en funcionamento nesa data “se o Concello cumpre os prazos establecidos”.
Este luns, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu un escrito ao goberno local para solicitarlle que confirme que, ese 1 de agosto, “estarán en servizo os accesos necesarios, tal e como comunicou na comisión de seguimento do 2 de xuño, e dispón por tanto da autorización pertinente do Ministerio de Transportes”.
Segundo explicou Fernández Tapias, cando o Concello confirme ese extremo, a Xunta activará o traslado das rutas desde a estación de buses da Avenida de Madrid e o proceso de información a concesionarias e usuarios “con antelación suficiente”.
“Por que motivo non ía querer a Xunta pór en servizo unha estación de buses finalizada despois dun investimento de 18 millóns de euros?”, cuestionou a delegada, que pediu ao Concello que traslade a confirmación antes do 4 de xullo, “con papeis”, e a autorización do Ministerio de Transportes.
As obras da estación intermodal de Urzáiz están terminadas e recepcionadas desde o pasado 10 de xuño e, do mesmo xeito que o resto do complexo, fixéronse ao amparo da lei 3/2016 (que permitía levar a cabo proxectos de interese público eludindo as consecuencias da anulación da PXOM).
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou o proceso de construción dos dous tramos de túneles que corresponden á Xunta, e as entradas en superficie, sen as que non se pode pór en servizo a estación.
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, pola súa banda, sinalou que o Goberno galego puxo en servizo recentemente outras estacións de bus novas, como as de Ourense e Santiago, “sen problemas e sen conflitos”. “Os usuarios da estación de buses de Vigo poden estar tranquilos, porque van dispor de toda a información sobre o cambio, e vana a ter coa anticipación suficiente, do mesmo xeito que o Concello”, subliñou.
“NIN UN MINUTO DE ATRASO”
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que a Xunta poderá pór en marcha a nova estación de buses “cando decida”, sempre que cumprimente todos os trámites, e incidiu en que, polas obras do Concello, non haberá “nin un minuto de atraso”.
O rexedor arremeteu contra a “ignorancia” de quen reclama a apertura dos túneles para pór en funcionamento a estación de buses, aínda que o goberno galego non se referiu unicamente a eses túneles, senón á necesidade de rematar os accesos e o entroncamento coa AP-9.
Con respecto á autorización do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (que debe tramitar a administración local) para dar luz verde á reordenación do tráfico e ao remate dos traballos, Caballero afirmou que non sabe “o que di o Ministerio” pero que, en calquera caso, a apertura da terminal de buses “non se atrasa nin un minuto polo Concello”. “O que temos aí, faise en 3, 4 ou 5 días”, apostilou.
Finalmente, preguntado sobre o prazo de finalización das obras que leva a cabo a administración municipal, o alcalde volveu repetir que a aparición de “terras sucias” na escavación do túnel de Lepanto atrasou e encareceu os traballos. “Todo iso resolverase canto antes, non vou dar datas, pero a estación de buses non depende diso”, volveu insistir, e a lembrar que a entrada e saída de buses da terminal “non se fai polos túneles”.