InicioEconomíaA empresas auditadas son "máis solventes", segundo un estudo

A empresas auditadas son “máis solventes”, segundo un estudo

Pero "só un pouco máis do 4 % das empresas galegas están auditadas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A delegación galega do Instituto de Censores Xurados de Contas (ICJC) elaborou un estudo a partir de información de 5.736 empresas de Galicia, no que conclúen que aquelas compañías que son auditadas “gozan de mellor saúde económica”, son máis lonxevas, máis igualitarias e teñen mellores resultados.

Así o trasladou o presidente da agrupación de Galicia do ICJC, Enrique González, quen explicou que “só un pouco máis do 4 % das empresas galegas” sométense a auditoría, “unha porcentaxe baixísima”, se se ten en conta que esta ferramenta “facilita o camiño cara á excelencia”.

En Galicia, explicou, hai 228 auditores e 165 sociedades de auditoría, pero moi poucas compañías galegas pasan ese trámite, salvo que estean obrigadas pola norma (se cumpren uns requisitos de facturación, activos e número de empregos).

Enrique González sinalou que o estudo realizado, en colaboración coa Zona Franca e co equipo Ardán, revela que as empresas auditadas non só teñen mellores resultados e menor débeda, senón que son máis lonxevas. Por iso, animou ás firmas que aínda non o fan, a que se sometan a auditorías, mesmo aínda que non estean obrigadas, porque iso redundará nun aumento da confianza non só dos axentes económicos e investidores, senón tamén dos seus propios empregados.

RESULTADOS DO ESTUDO

O coordinador do estudo, Andrés Lucendo, explicou que o informe, con datos de 5.736 empresas, compara diversos aspectos entre firmas auditadas (unha quinta parte da mostra) e as que non o están, no período comprendido entre 2007 e 2019.

Así, concluíu que o 73 % do emprego xerado nese período correspondeu a empresas auditadas, que xeran postos de traballo a un maior ritmo, e tamén acaparan o 88 % da facturación. Entre 2007 e 2019, as empresas auditadas crearon máis de 30.000 postos de traballo, fronte aos 8.644 das non auditadas.

Por outra banda, o informe desvela que, durante os anos de crise económica, as empresas sometidas a auditorías “resistiron mellor” tanto no que respecta ao mantemento do emprego como nos seus resultados económicos. Nese sentido, lograron aumentar a súa facturación un 56 % entre 2007 e 2019, e mantívose en niveis máis baixos o seu endebedamento.

O informe tamén se fixou na lonxevidade das empresas estudadas, e apunta que, daquelas que teñen máis de 50 anos, o 61% son auditadas; mentres que a porcentaxe elévase ao 66,7 % cando teñen unha antigüidade dun século ou máis.  Finalmente, reflicte que as empresas auditadas obteñen “moitos máis indicadores Ardán” en aspectos como a igualdade, a innovación, a responsabilidade social ou a xestión do talento.

Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, subliñou que o informe evidencia “que as auditorías melloran a competitividade das empresas”, que se fan “máis responsables, máis intelixentes e mellor xestionadas”. Ademais, son compañías “igualitarias” e que “apostan por unha boa gobernación”.

ÚLTIMAS

Vigo inviste máis da metade en luces de Nadal que todo o resto de cidades galegas

As sete cidades galegas destinarán máis de 4,4 millóns de euros ao gasto en...

OPINIÓN.- Crecemento diferente

Unha das dependencias básicas do ser humano é a ecodependencia, que non é outra...

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...