InicioEconomíaO comité do Concello de Vigo denuncia os "indignos ataques" de López...

O comité do Concello de Vigo denuncia os “indignos ataques” de López Font aos sindicatos municipais

Os sindicatos lembraron ao portavoz do goberno municipal que "solucionar problemas non é só reunirse", senón que hai que tomar decisións "baixo o principio de lealdade e compromiso", e dentro do marco legal.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O comité de persoal do Concello de Vigo, integrado por seis sindicatos, criticou duramente este luns ao portavoz do goberno local, Carlos López Font, polos seus “duros e indignos ataques” aos representantes dos traballadores, e acusárono de mentir e de “desprezar” a este órgano representativo.

Así, saíron ao paso das declaracións do concelleiro socialista, que en anteriores mandatos ostentou responsabilidades de xestión do persoal municipal, e que a pasada semana no pleno, durante o debate dunha moción presentada polo PP para reprobar á actual concelleira de Persoal, Elena Espinosa, defendeu a actuación do goberno local e lamentou a “intransixencia” e “falta de vontade” do comité, no que hai “un corpo estraño corrosivo”.

Nun comunicado conxunto do seis sindicatos do comité, os representantes dos traballadores municipais lamentaron que levan “meses” á espera de ser recibidos polo alcalde, e que a concelleira de Persoal actuou con “mala fe” ao convocar ao comité “con menos de 24 horas de antelación” e sen facilitarlle os medios para asistir a esas reunións telemáticas.

Por outra banda, retaron a López Font a nomear polo menos una das reivindicacións dos traballadores que fosen atendidas polo goberno local, e subliñaron que, por contra, dito goberno adoptou decisións que restrinxen os dereitos dos traballadores, como o dereito de folga, ou o dereito á saúde e o descanso.

Intransixencia é desatender ‘olímpicamente’ os acordos do Pleno para a adecuación retributiva da Policía Local (…), intransixencia é a prepotencia de eludir de forma consciente as sentenzas xudiciais e seguir aplicando resolucións administrativas nulas de pleno dereito (…)”, denunciou o comité, que tamén rexeitou as acusacións de “falta de dedicación” dos representantes dos traballadores.

Así mesmo, non só criticaron a xestión de Elena Espinosa, senón tamén a do propio Font, outrora “sindicalista de pro” (en alusión á súa actividade en UGT), cando tiña responsabilidades na área de Persoal. Así, volveron a pedir o cesamento da edila, “a mesma solución expeditiva” que adoptou o alcalde cando retirou a Font as súas atribucións nesa área.

Os sindicatos lembraron ao portavoz do goberno municipal que “solucionar problemas non é só reunirse”, senón que hai que tomar decisións “baixo o principio de lealdade e compromiso”, e dentro do marco legal.

Finalmente, rexeitaron as palabras do edil socialista sobre a suposta presenza dun “corpo estraño corrosivo” no comité, que cualificaron como “despreciable insulto” e “manifestación inxuriosa”, que “non é precisamente inspirada pola valentía”.

Nese sentido, lembraron que todos os sindicatos pediron o cesamento de Espinosa, e que “non hai ningún corpo extrano, nin corrosivo”, senón que o comité está formado polos “lexítimos representantes dos traballadores”. “Os únicos corpos estraños e corrosivos dentro dunha administración pública son as autoridades que desprezan os procesos democráticos de representatividade sindical, que vulneran o ordenamento xurídico e emiten resolucións nulas de pleno dereito, e desatenden os mandatos das sentenzas xudiciais”, resolveu o comité.

ÚLTIMAS

Piden case 5 anos de cárcere para un acusado de agresión sexual a un menor

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este...

Axentes e funcionarios denuncian as condicións “extremas” de calor na Comisaría de Vigo

Medio centenar de axentes e funcionarios da Comisaría de Vigo-Redondela, convocados polos sindicatos policiais...

Detido en Vigo por unha agresión á súa parella

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 47 anos de...

Confirmados 4 anos de cárcere para un home que extorsionou a unha muller

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección quinta...