InicioEconomíaGarantía sanitaria, flexibilidade na oferta e confianza, claves do Plan de reactivación...

Garantía sanitaria, flexibilidade na oferta e confianza, claves do Plan de reactivación de Turismo Rías Baixas

"Debemos reorientarnos cara ás experiencias locais e sustentables e evitar as aglomeracións", di a presidenta da Deputación de Pontevedra.

PUBLICADO O

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou o avance do Plan de reactivación de Turismo Rías Baixas no que se perfilan como claves da nova situación a garantía sanitaria, a flexibilidade na oferta e a confianza.

“Debemos reorientarnos cara ás experiencias locais e sustentables e evitar as aglomeracións”, sinalou a mandataria provincial como unha das conclusións deste Plan de reactivación que a Deputación de Pontevedra encargou ao comezo da situación de alerta sanitaria.

“Temos que estar moi alerta”, asegurou Silva ao considerar que todos os portais de turismo, estudos e “moitos expertos” coinciden en que “Galicia vai ser das comunidades máis atractivas” para que os españois fagan turismo “e particularmente a provincia de Pontevedra”.

Ante esta expectativa, a presidenta provincial advertiu de que se debe “ter todo preparado” para que Pontevedra sexa un “destino seguro” e este Plan, que estará finalizado a finais de mes, mostra como se está “neste momento e cales son as medidas que se deben implementar”.

Este Plan de Reactivación do destino Pontevedra Provincia “naceu dun proceso participativo entre o sector público e privado”, contando cos informes das principais entidades de referencia neste ámbito e analizando “as principais tendencias tanto a nivel estatal como internacional”.

Tamén se encargou unha enquisa na que responderon máis de 200 empresas, das que un 20% son hoteis. Máis da metade das participantes corresponden a persoas autónomas, pemes e microempresas de menos de 5 traballadores. Só un 13% puido manter unha pequena parte da súa actividade durante esta situación.

Carmela Silva asegurou que a crise sanitaria da Covid-19 vai provocar un cambio na relación das persoas e “unha profunda transformación na demanda turística e por tanto tamén na oferta e nós temos que adiantarnos”.

As prioridades que marca este Plan pasan por enfocar a comercialización do destino para “pór en valor experiencias locais sustentables”. “Sexamos intelixentes, que ninguén crea que por ofertar moito espazo imos estar mellor valorados. Os turistas van valorar que non haxa aglomeracións“, dixo a presidenta da Deputación.

Así, se aposta polo deseño de accións vinculadas á natureza e ao aire libre, polo aumento das vendas en liña e aqueles métodos dixitais que minimicen o contacto físico entre as persoas, polo que cobra relevancia a dixitalización dos negocios.

EIXOS DE ACTUACIÓN

Este Plan de reactivación de Turismo Rías Baixas estrutúrase en cinco grandes eixos de actuación. O primeiro é o relacionado co financiamento, aspectos legais e fiscalidade; o seguinte eixo céntrase na seguridade e hixiene coa elaboración de “protocolos claros e plans de garantía sanitaria”.

O terceiro pasa pola dixitalización do sector e a competitividade “a través da capacitación, innovación e emprendimiento”. Ademais, o Plan propón o fomento da demanda de produtos turísticos da provincia ligada a accións que reactiven o consumo local e estimulen a atracción de turistas.

O último eixo sería adaptar a promoción da comercialización “á nova semántica da covid” con campañas que identifiquen ás Rías Baixas como un destino seguro e priorizando o mercado de proximidade e o norte de Portugal.

Este mesmo venres, a Xunta de Goberno local xa tomou as primeiras medidas que van nesta liña, por un valor de 250.000 euros, coa dotación de persoal para a rede de oficinas de información turística da provincia xunto cun plan de continxencia “para cumprir taxativamente con todas as normas sanitarias”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...