InicioEconomíaAsime expresa a súa "decepción" pola posible compra dos terreos privados de...

Asime expresa a súa “decepción” pola posible compra dos terreos privados de Vulcano por parte do Porto de Vigo

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia dubida "seriamente" do "compromiso do Porto de manter as instalacións para o sector naval".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, Asime, expresou este venres a súa “decepción” pola aprobación, no Consello de Administración do Porto de Vigo, do seu plan de empresa para 2020, no que se inclúe unha provisión de case 5 millóns para a adquisición dos terreos anexos á concesión administrativa do estaleiro Vulcano (que está en proceso de liquidación).

A pesar de que esa compra só se activaría no caso de que o Consello de Estado dea por extinguida a concesión, desde Asime trasladaron que dubidan “seriamente” do “compromiso do Porto de manter as instalacións para o sector naval”.

Segundo a patronal do metal, “foi un erro atacar un plan de liquidación que contemplaba a venda da unidade produtiva no seu conxunto”, e sinalou que o proxecto de Vicalsa (de instalar alí un centro de construción e reparación naval) é “unha proposta industrial potente”.

“Dubidamos seriamente de que exista ningún outro proxecto para estas instalacións e, de habelo, é moi problable que sexa para o almacenamento de colectores e non para a reparación e construción naval, o que sería un grave erro histórico“, advertiu Asime, que se preguntou “como se pode estar a pór en risco desta maneira a viabilidade dunha das instalacións de construción naval de maior dimensión de España, cando existe un proxecto para investir nelas e modernizalas”.

Por todo iso, chamaron á “responsabilidade” de quen apoiaron ese plan de empresa (apoiado por todo o Consello de Administración do Porto, agás os concellos de Vigo e Redondela, Zona Franca e o representante sindical, de CC.OO.), para que “non sigan avalando actuacións que provoquen a extinción dunha actividade de relevancia estratéxica para Galicia, como é a construción e reparación naval”.

“Hoxe púidose dar un paso máis cara á extinción da construción naval nas instalacións de Teis”, sentenciou esta organización empresarial.

O Porto de Vigo inclúe novos recheos e a compra de terreos anexos a Vulcano no seu plan de empresa

ÚLTIMAS

O afundimento dun pesqueiro portugués en Bouzas obriga a despregar barreiras anticontaminación

O afundimento dun pesqueiro portugués abandonado, que se atopaba atracado na dársena de Bouzas,...

Vigo convértese no epicentro da oncoloxía de precisión coa reunión de 150 expertos nacionais

A sede de Afundación en Vigo acolle este xoves e este venres o VIII...

A comunidade educativa mobilízase en seis concellos da área de Vigo contra os recortes no ensino

Federacións de Anpas, Asembleas Abertas do Ensino Público e outros colectivos da comunidade educativa...

Caballero levará ao Goberno as “trampas” da RFEF e acusa á Xunta e ao PP de frear a candidatura de Vigo ao Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que manterá o próximo 2 de marzo...