O grupo PSA debe vender o ano que vén entre un 7 e 9 por cento de vehículos eléctricos para cumprir a nova normativa de emisións de CO2, que entra en vigor en 2020, e fontes da dirección da planta en Vigo aseguraron que están “preparados” e levan “moito tempo traballando” para abordar os retos da transición enerxética.
“PSA ten unha liña estratéxica de redución de emisións de CO2”, explicaron estas fontes, que subliñaron que esa folla de ruta responde a un “compromiso ético” co medio ambiente, pero tamén ao feito de que o fabricante “non quere pagar as sancións”.
A ese respecto, a normativa obrigará aos coches de segmento B e C, os que maioritariamente se producen en Vigo, a non superar os 93 gramos de CO2 por quilómetro (o límite é de 147 gramos para os vehículos comerciais).
No caso de que PSA “se pase un só gramo” dese límite, a sanción estimada é de 300 millóns de euros, e o grupo “non está disposto” a chegar a ese punto, polo que vai cumprir “escrupulosamente” a normativa. Para iso deberá producir (e vender) un coche eléctrico por cada catro vehículos de combustión térmica (diésel e gasolina).
A incorporación de Opel ao grupo supuxo que se incrementase a media de emisións, un incremento que foi xeral no sector, pola “demonización do diésel” (tras o chamado ‘dieselgate’ de Volkswagen) e pola tendencia do mercado a vender máis vehículos tipo SUV, que son máis contaminantes.
ELECTRIFICACIÓN
Con respecto ao “reto” dos vehículos eléctricos, fontes de PSA Vigo lembraron que a planta xa fabricaba versións eléctricas (coa tecnoloxía de entón) en 1995. Así mesmo, o novo modelo, Peugeot 2008, que se lanzará nas próximas semanas, terá a súa versión cento por cento eléctrica no primeiro trimestre de 2020.
En calquera caso, a empresa recoñeceu que a nova normativa é moi “esixente” e vai condicionar os procesos de produción ata tal punto que é posible “que poña á algúns construtores en dificultades”.
“PSA está preparada, ten unha estratexia de electrificación”, apuntaron desde a factoría viguesa, aínda que advertiron de que “é imprescindible que as administracións, que forzan á transición enerxética, despreguen sistemas de recarga e fagan os coches eléctricos máis atractivos, con incentivos para os compradores”.
De feito, a expansión do vehículo eléctrico atópase con outra dificultade adicional e, quizá dos máis determinantes, e é o seu alto prezo. As baterías dos coches eléctricos seguen supondo un 60 por cento do valor do vehículo.