InicioEconomíaAs patronais do metal plantan a negociación en Pontevedra ante unha protesta...

As patronais do metal plantan a negociación en Pontevedra ante unha protesta sindical en Vigo

Asime, Atra e Instalectra suspenden a mesa de diálogo do vindeiro luns alegando unha "falta de respecto" e unha vulneración da boa fe pola concentración convocada ás portas do hotel.

PUBLICADO O

- Advertisement -

As patronais do sector do metal (Asime, Atra e Instalectra) decidiron non acudir á reunión da negociación do convenio colectivo da provincia de Pontevedra, que estaba programada para o vindeiro luns día 2 de febreiro en Vigo. A decisión tomouse tras coñecer que os sindicatos convocaron unha protesta ás portas do hotel onde se ía celebrar o encontro, o que xerou un “profundo malestar” entre a representación empresarial.

Nun comunicado, as patronais consideraron que esta concentración supón unha vulneración dos principios básicos de boa fe que deben rexer o proceso. Segundo a parte empresarial, a mobilización é unha “falta de respecto” á mesa negociadora e ao propio diálogo que se está a desenvolver. Por este motivo, acordaron non participar na reunión e deixar a nova convocatoria pendente ata que se dean as condicións adecuadas para retomar o contacto nun clima de respecto mutuo, reiterando que a súa vontade de negociar se mantén, pero sempre dentro das canles legais.

CONVENIOS DISTINTOS E CRÍTICAS SINDICAIS

A polémica xorde porque a protesta convocada pola CIG, CC.OO. e UXT non tiña como obxectivo o convenio que se ía tratar o luns, senón reclamar o “desbloqueo” do convenio do comercio do metal de Pontevedra. Os sindicatos pretendían aproveitar a presenza de Atra na reunión para facer visibles as súas demandas sobre este outro documento, cuxas negociacións se prolongaron sen acordo durante todo o ano 2025. A parte social defende que as medidas de presión son necesarias para lograr un convenio digno tras o vencemento do anterior en decembro de 2024.

Pola súa banda, a CIG emitiu outro comunicado no que tacha a decisión da patronal de “estratexia” para bloquear as negociacións. O sindicato insiste en que a concentración é allea á mesa do metal de Pontevedra, xa que foi organizada especificamente por traballadores do comercio do metal. Desde a central sindical criticaron o uso desta “escusa basta” para impedir que as empresas e o persoal alcancen canto antes un acordo que beneficie a ambas as partes

ÚLTIMAS

“A ameaza de carencia de auga é moi severa”, alerta o alcalde de Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, exixiulle á Xunta que reduza "de forma inminente"...

Caballero carga contra os “ignorantes do PP” que non ven que o AVE por Cerdedo avanza “máis rápido que nunca”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, saíu ao paso das críticas do PP da...

PP denuncia que o goberno de Vigo non pediu a axuda estatal de 3,5 millóns para bonificar o billete do bus urbano

O PP de Vigo denunciou este mércores que o goberno local non solicitou a...

Do voto dos emigrantes ao voto da diáspora: como mudou o sufraxio exterior en Galicia

Durante décadas, o voto exterior galego funcionou cun sistema no que a Administración enviaba...