InicioEconomíaA planta de PSA en Vigo activará dúas novas quendas con 1.200...

A planta de PSA en Vigo activará dúas novas quendas con 1.200 operarios para producir o novo Peugeot 2008

Incorporaranse nos meses de outubro e novembro, co fin de poder desenvolver a industrialización do novo modelo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A planta de PSA Peugeot Citroën Opel en Vigo ultima a contratación de 1.200 operarios que se incorporarán nos meses de outubro e novembro, co fin de poder desenvolver a industrialización do novo modelo, o Peugeot 2008, segundo trasladou a dirección da fábrica aos sindicatos este martes, na reunión da Comisión de Emprego da factoría, e segundo anunciara a empresa cando presentou o novo vehículo.

Así, a previsión de PSA Vigo é que, en outubro, se porá en marcha un segundo equipo na liña M1 (que monta tamén os modelos C-Elysée e Peugeot 301), formado por uns 600 operarios, algúns dos cales xa foron contratados e están a ser formados.

A partir de aí, e co aumento da cadencia de produción do novo vehículo, está prevista a ampliación da actividade a unha terceira quenda, a quenda de noite, que empezará a traballar en novembro e tamén estará formado por uns 600 empregados.

O Peugeot 2008 é un “todocamiño” que terá versión térmica (diésel e gasolina) e versión 100 % eléctrica. As primeiras, sairán ao mercado a finais de 2019, e a versión eléctrica farao a comezos do ano que vén.

A planta viguesa xa está a fabricar as pre-series deste modelo e en outubro iniciarase a produción en serie, aumentando a cadencia progresivamente, ata alcanzar o máximo de capacidade da liña. Durante a presentación en sociedade do novo modelo, en xuño pasado, a empresa avanzou que se prevé chegar ás 640 unidades diarias.

Este SUV compacto, que tamén se producirá en Wuhan (China) para o mercado asiático, constrúese sobre a nova plataforma modular multienerxía CMP, que permite producir as tres versións de motorización na mesma liña de montaxe.

ÚLTIMAS

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...