A folga xeral mantén pechada boa parte do comercio galego, que afronta esta xornada coa presenza de piquetes informativos, activos en centros como o de Vialia, en Vigo. O seguimento, aínda que desigual, nótase noutros centros comerciais galegos como o de Marineda City, na Coruña, e As Cancelas, en Santiago, este último con algunhas tendas abertas e traballando con relativa normalidade no que vai de día.
Os piquetes informativos desprazaron o seu labor a outras zonas comerciais como a praza de Lugo, na Coruña, a de Galicia, en Santiago, e outras rúas do centro de Pontevedra. En Ourense, pola contra, a xornada caracterízase pola celebración do festivo local, San Martiño.
En declaracións a Europa Press, o presidente da federación galega de comercio, José María Seijas, asegura que “o comercio, se pecha, é porque o obrigan a pechar”, en rexeitamento dos piquetes informativos. Segundo os seus números, en Lugo capital o seguimento é “moi baixo”, cun 99% dos establecementos abertos. En As Termas, recoñece, “quizais o seguimento é maior, polos piquetes”. No resto das cidades, aventura, “depende da insistencia dos sindicatos”.
