InicioOpiniónVigo e as pensións

Vigo e as pensións

PUBLICADO O

- Advertisement -

POR ÓSCAR LOMBA, activista social e integrante de Podemos

Defender as pensións públicas é defender a xustiza social, a solidariedade entre xeracións e o dereito de quen ergueu esta cidade co seu traballo a vivir a vellez con dignidade, sen medo nin incerteza.

Vigo construíuse co esforzo das traballadoras das conserveiras, dos obreiros do naval e da automoción, das persoas do mar, do comercio e dos servizos públicos. Xeracións enteiras contribuíron coa súa cotización a un sistema que transforma o esforzo individual nun dereito colectivo. As pensións non son unha carga para a sociedade. Son parte da débeda que unha sociedade xusta recoñece a quen a sostivo co seu traballo.

Por iso, cando o Partido Popular anuncia que o sistema «vai petar» e Vox o cualifica de «zombi» mentres propón avanzar cara á capitalización individual, cómpre preguntar que hai detrás dese discurso. Se cada persoa depende dos seus aforros para xubilarse, quen gaña pouco, sofre precariedade ou non pode chegar a fin de mes terá menos protección. Os bancos e as aseguradoras, pola contra, atoparán novas oportunidades de negocio. O risco privatízase e a desigualdade prolonga a súa vida máis alá do derradeiro día de traballo.

Vigo coñece ben esa contradición. Mentres os salarios non conseguen acompañar o progresivo encarecemento da vivenda, moita xente nova non consegue emanciparse e moitas persoas maiores precisan que as súas pensións manteñan o poder adquisitivo e lles permitan vivir con dignidade.

Pretender que a mocidade e os pensionistas compitan polos mesmos recursos é ocultar o verdadeiro problema. Non é a solidariedade entre xeracións o que ameaza o futuro, senón un modelo económico que precariza o traballo e concentra a riqueza.

A sustentabilidade das pensións require emprego estábel, salarios dignos, cotizacións suficientes e unha fiscalidade xusta. Hai desafíos demográficos reais, pero non existe unha lei económica que obrigue a responder a eles privatizando dereitos. O que existen son decisións políticas sobre como se produce, como se distribúe a riqueza e quen contribúe a financiar o benestar colectivo.

Vigo non necesita que lle digan que a súa xente maior é demasiado cara nin que a súa mocidade debe resignarse a unha xubilación incerta. Necesita un modelo de cidade no que traballar permita vivir, acceder a unha vivenda non sexa un luxo e chegar á vellez non signifique depender da capacidade individual de aforro.

As pensións públicas non son un negocio. Son unha conquista da clase traballadora e unha garantía de solidariedade entre xeracións. Quen traballou toda unha vida merece vivir con dignidade, non xogar a súa vellez na bolsa. Vigo construíuse co esforzo colectivo da súa xente. Os seus dereitos non están á venda.

ÚLTIMAS

Vigo, epicentro dunha folga xeral con numerosas mobilizacións en toda Galicia

Os traballadores galegos están convocados este mércores 11 de novembro a secundar unha folga...

Disney+ desembarca no Nadal de Vigo cunha experiencia inmersiva gratuíta e “única”: así será a nova atracción do centro da cidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que Disney+ instalará na rúa Policarpo Sanz...

O PP de Vigo acusa a Caballero de “vetar” un aumento da partida de vivenda

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, acusou o alcalde, Abel Caballero, de...

Acepta 10 meses de prisión por insultos racistas a unha menor nun bus de Vigo por dicir que “ía nunha patera”

Un home acusado dun delito contra os dereitos fundamentais e contra a integridade moral...