A relación entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra mantén aberto o conflito polos convenios de investimento na cidade. A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, trasladou este martes por carta ao alcalde, Abel Caballero, que Vigo poderá dispoñer en 2027 de 5 millóns de euros de investimento provincial, ao tempo que lle reclamou avanzar nos acordos que seguen sen formalizarse correspondentes a este ano.
Na misiva, Sánchez asegura que o Concello pode incorporar esa cantidade á súa planificación orzamentaria para o próximo exercicio, xa que a Deputación mantén a previsión de destinar eses fondos á cidade. Con todo, sinala que a administración municipal aínda non lle comunicou ningún proxecto concreto ao que dedicar ese investimento.
A vicepresidenta provincial tamén puxo o foco nos convenios pendentes para actuacións nas rúas Rosalía de Castro e Doutor Carracido, que continúan á espera do visto e prace municipal. A estas cantidades engádense 1,2 millóns de euros para os que o Concello aínda non determinou unha actuación específica.
Segundo a Deputación, os textos remitidos a Vigo seguen o mesmo modelo empregado para canalizar investimentos noutros concellos, entre eles o de Pontevedra.
O goberno municipal volveu deixar claro que non acepta os convenios na súa redacción actual. A vicevoceira do executivo local e concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, cualificou de “abusivas” as novas cláusulas incorporadas pola Deputación e acusou a institución provincial de introducilas de maneira “unilateral”.
As condicións cuestionadas polo Concello reforzan, entre outras cuestións, a obriga de dar visibilidade pública ao financiamento provincial das actuacións e prevén tamén a formalización pública da sinatura dos convenios.
Desde o executivo vigués interpretan estes cambios en clave política e sosteñen que buscan aumentar a presenza pública de Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación e candidata do PP á Alcaldía de Vigo.
Aguiar afirmou que Sánchez busca “unha foto” con Abel Caballero porque “non a coñece ninguén” e reclamou á institución provincial que volva ao formato utilizado nos convenios anteriores. Segundo defendeu, se se recuperase ese modelo, os acordos correspondentes a 2026 poderían quedar asinados “xa mañá”.
O goberno municipal volveu acusar, ademais, á Deputación de dificultar a materialización dos investimentos comprometidos na cidade.
A DEPUTACIÓN DEFENDE A SINATURA PÚBLICA DOS ACORDOS
Luisa Sánchez respondeu a estas críticas na propia carta enviada ao alcalde, na que sostén que a sinatura pública dun convenio entra dentro dunha “relación normal entre administracións” e rexeita que o acto teña que interpretarse como unha fotografía electoral.
A vicepresidenta lembra que a persoa que formalizaría o acordo en representación da Deputación sería o seu presidente, Luis López, e non ela mesma. Por iso, sinala que “o único candidato á Alcaldía que aparecería nesa imaxe” sería Abel Caballero.
“Non hai ningunha razón para que ambos poidades protagonizar, sen máis acompañantes, esa fotografía, e anunciar xuntos un acordo proveitoso para Vigo”, expón Sánchez na súa carta.
A representante provincial defende tamén que as relacións institucionais entre o Concello e a Deputación “non poden quedar condicionadas polo calendario electoral”, especialmente cando están en xogo recursos destinados a obras e servizos municipais.
Na parte final da misiva, Sánchez asegura que “a Deputación ten vontade de seguir colaborando coa cidade” e insta ao alcalde a desbloquear os acordos pendentes. “Invítote a poñer Vigo por diante e chegar aos acordos necesarios”, conclúe a vicepresidenta provincial.
