InicioEconomíaAbel Caballero reclama á Deputación de Pontevedra unha débeda de 50 millóns...

Abel Caballero reclama á Deputación de Pontevedra unha débeda de 50 millóns e acusa á institución de infrafinanciar Vigo

O alcalde sostén que o retorno anual á cidade é de cinco millóns mentres a Deputación defende máis de 47 millóns comprometidos desde 2023

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este venres á Deputación de Pontevedra unha suposta débeda de 50 millóns de euros, ao considerar que a institución provincial deixou de investir na cidade na medida que lle correspondería. Segundo afirmou, a Deputación “non atende a Vigo como o ten que atender”.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor asegurou que a institución provincial “debe” á cidade diferentes cantidades derivadas de atrasos pola actualización de prezos nos convenios, que cifrou nuns tres millóns de euros. A esta contía sumou un millón e medio correspondente a 2025 e outros dous millóns previstos para 2026.

Caballero incidiu tamén no modelo de financiamento da Deputación, ao sinalar que carece de impostos propios e que os seus recursos proceden do Goberno de España en función da economía e da poboación de cada territorio. Nese contexto, sostivo que Vigo achega arredor da terceira parte do orzamento provincial, uns 85 millóns de euros, mentres que o retorno anual á cidade sería, ao seu xuízo, de cinco millóns. “Onde están os 80 restantes?”, preguntou.

O alcalde cualificou de “escándalo” que a Deputación exhiba como investimento un convenio anual de cinco millóns e lembrou que esa achega se pactou hai once anos coa entón presidenta Carmela Silva, cunha previsión de incremento progresivo. Ao seu entender, esa cantidade debería duplicarse con maior frecuencia. “Terían que estar a achegar 50 millóns”, afirmou.

RESPOSTA DA DEPUTACIÓN

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, respondeu ás declaracións do alcalde cualificando o seu discurso de “mentiras, demagoxia e populismo” e reprochándolle unha “falta de solidariedade” co resto de concellos da provincia.

Sánchez asegurou que “lle fallan os números” ao rexedor e defendeu que, desde a chegada do PP ao goberno provincial en 2023, a Deputación comprometeu para Vigo máis de 47 millóns de euros en investimentos, sen incluír axudas a asociacións, subvencións a deportistas nin patrocinios de eventos.

Entre as actuacións citadas, enumerou a bancada de Gol do Estadio de Balaídos (13 millóns mediante convenio co Concello), a piscina de Teis (5 millóns), o Teatro Cine Fraga (14,8 millóns a través dun convenio coa Xunta de Galicia) e unha reserva de cinco millóns no orzamento provincial de 2026 para novos investimentos na cidade.

A vicepresidenta detallou tamén obras en distintos barrios, cun investimento total de 9,25 millóns de euros, que inclúen actuacións viarias, instalacións mecánicas urbanas, humanizacións de rúas, melloras en equipamentos deportivos e parques públicos. Segundo remarcou, estes compromisos supoñen “23,5 millóns de euros anuais” destinados a Vigo desde que asumiu a vicepresidencia. “Nunca antes se investiu tanto desde a Deputación na miña cidade”, concluíu.

ÚLTIMAS

A Xunta insta ao Concello de Vigo a actuar tras detectar niveis elevados de chumbo na auga en Beade

A Xunta de Galicia solicitou ao Concello de Vigo que adopte medidas correctoras despois...

Temporal.- Vigo volve quedar sen tren por segundo día consecutivo

Renfe informou de que este venres se manterá a suspensión de trens con orixe...

O padroado do Ifevi aproba o prego para deseñar o seu futuro plan estratéxico

O padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) aprobou este xoves por unanimidade, nunha...

Protesta pola sanción a unha traballadora que alertou dunha mala praxe nunha escola infantil

Decenas de persoas concentráronse na mañá deste xoves en Vigo tras a sanción a...