InicioEconomíaUn informe da Xunta estima que a saída sur para o AVE...

Un informe da Xunta estima que a saída sur para o AVE ao Porto demorará ata polo menos 2034

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un informe técnico realizado pola Xunta de Galicia analizando os pasos que restan estima que a execución da saída sur de Vigo para a conexión de alta velocidade con Portugal “non estará finalizado, polo menos ata 2034”, e unicamente no relativo ao seu tramo ata O Porriño.

Así o explicou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao termo do Consello que analizou este informe que pon data a un atraso do que acusou á “falta de avances” do Ministerio de Fomento, á vez que lembrou que do tramo restante, do Porriño á fronteira, “nada se sabe a día de hoxe”, mentres que o Goberno Portugués xa anunciou que o AVE chegará á ‘raia’ con Galicia no ano 2032.

Con este informe, o Goberno galego insistiu novamente en que os trámites pendentes “fan incompatible a execución desta infraestrutura prioritaria co horizonte inicial de 2032” establecido polo Goberno central e, especialmente, co posterior anuncio de que estará terminada en 2030.

Como exemplo, Alfonso Rueda lembrou que o estudo informativo deste proxecto debería estar concluído o pasado decembro, “e agora anúnciase para antes do verán”. A partir de aí, dixo, haberá que proceder á tramitación ambiental, que suporá outros 18 meses, e á contratación e execución do proxecto construtivo, que pode prolongarse o tres anos.

PRAZOS

A continuación, estiman os técnicos da Xunta, farían falta entre cinco e seis anos máis para a licitación e execución das obras, dada a súa complexidade. “Segundo estas estimacións, non sería posible, por tanto, a promesa do Goberno central de conectar Galicia co norte de Portugal en 2032, e moito menos en 2030, que se alcanzaría nos anos 2034 ou 2035”.

Ante estes cálculos, Alfonso Rueda insistiu en demandar ao Goberno central “un calendario claro” e dun programa de investimentos para A saída sur de Vigo, imprescindible para darlle continuidade ao eixo atlántico ferroviario. Así mesmo, esixiu que se “aceleren inmediatamente” os procedementos, “mellor hoxe que mañá”. Desde o Goberno galego lembraron tamén a necesidade de engadir o ramal que conecte coa terminal marítima de Bouzas, tal e como se demanda desde o Porto de Vigo e desde os sectores produtivos galegos, baixo a premisa da total integración na cidade.

Unha vez executada esta saída sur e o tramo O Porriño-Fronteira, “que non sumou ningún avance no últimos catro anos”, o Goberno de España e Portugal deben negociar a construción e o financiamento dunha nova ponte internacional, un proxecto do que “tampouco se ten información”, critica o Goberno galego.

ÚLTIMAS

Xulgan a seis persoas por tráfico de drogas en Pontevedra e Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá esta semana dous xuízos por presuntos delitos de tráfico de drogas,...

Vigo reforza o investimento na biblioteca Neira Vilas e no pavillón das Travesas

O Concello de Vigo anunciou este sábado novas actuacións nos ámbitos cultural e deportivo...

Caballero sitúa a aprobación do novo PXOM “antes de Semana Santa”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres que o novo Plan Xeral de...

Catro estudantes do IES Castelao logran o 5º posto como mellores empresarios virtuais de España

Os estudantes vigueses Izan Ruade, Gael Rodríguez, Xoel Malfaz e Xoan Vidal, estudantes de...