InicioEconomíaA 4ª edición da Feira Mindtech celebrarase do 17 ao 19 de...

A 4ª edición da Feira Mindtech celebrarase do 17 ao 19 de xuño cun 60 % de expositores de fóra de Galicia

A organización prevé a presenza de máis de 200 expositores e 10.000 visitantes.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A cuarta edición da Feira Mindtech, da industria do metal e tecnoloxías asociadas, celebrarase no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) do 17 ao 19 de xuño, cun 60 % dos expositores de fóra de Galicia. Organizada pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), este martes levouse a cabo un acto de promoción de networking internacional do evento, que servirá de “punto de encontro” para a industria, sendo un “escaparate sen precedente para mostrar ao mundo todo o que o sector pode ofrecer”. Así o sinalou o director xeral de Mindtech, Enrique Mallón, durante o acto, ao que asistiron, entre outros, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente de Mindtech, Xusto Sierra.

“Estamos a traballar intensamente para facer desta edición un fito histórico, con máis de 200 expositores e 10.000 visitantes neste encontro que naceu da propia industria e para a industria. Mindtech 2025 está a ter unha enorme acollida, tanto en Galicia como especialmente fóra, e é que o 60 % dos expositores son doutras rexións de España ou doutros países, demostrando a relevancia do Polo Ibérico como eixo industrial internacional”, reivindicou Sierra. Na mesma liña falou Lorenzana, que dixo que a feira é unha gran oportunidade para demostrar a importancia da industria do metal, a innovación e o potencial industrial da Comunidade.

“Desde a Xunta apoiamos o emprendemento innovador na Mindtech Startup Area e a atracción de novos investimentos e relacións comerciais con outros países. A colaboración que se leva a cabo entre administracións e entre industrias en Mindtech é fundamental”, subliñou. Na súa intervención, Lorenzana destacou o impacto positivo que vai ter na industria a nova planificación eólica e as medidas da Xunta para abaratar a enerxía. “Para que a industria se siga desenvolvendo na Comunidade e para que sexamos quen de seguir atraendo novos investimentos, temos que ser capaces de ofrecer uns custos enerxéticos competitivos e ter unha rede de transporte eficaz“, engadiu, pondo o foco tamén no Plan director do sector da automoción, que prevé un investimento de 230 millóns de euros ata 2027.

MINDTECH

Tras as súas tres primeiras edicións, Mindtech consolidouse como eixo do negocio industrial no Polo Ibérico. En 2025, volverá reunir en Vigo a ese hub de coñecemento, innovación e encontro, no que se espera a máis de 200 expositores, 50 relatores, centos de reunións B2B e máis de 10.000 visitantes”, engadiron desde a organización, segundo recollen nun comunicado. Nesta cuarta edición, Mindtech volverá contar con “todas as industrias punteiras do sector”, entre as que se atopan a automoción, aeronáutica-aeroespacial, metalmecánica, seguridade e defensa, estruturas metálicas, enerxías renovables, novas tecnoloxías, subministracións ou enxeñaría, entre moitas outras.

A feira reforzará tamén a súa esencia internacional durante esta cuarta edición, na que se abre especialmente cara ao continente americano, sendo México o país invitado. A maiores, Mindtech contará, como é xa habitual, con presenza de empresas de países aliados desde a súa primeira edición, como son Portugal, Colombia, Estados Unidos de América, Xapón, Corea do Sur, Marrocos, Alemaña, Noruega ou Finlandia, entre outros. Na Startup Area volverán verse de preto as tecnoloxías e modelos de negocio do futuro e celebrarase competición entre as startups máis innovadoras, que presentarán as súas solucións ante potenciais investidores no corazón da feira Mindtech. Pola súa banda, os Mindtech Awards premiarán un ano máis ás organizacións e empresas máis destacadas polo seu traballo en varios ámbitos.

ÚLTIMAS

Vertidos de augas fecais obrigan a Baiona a pechar dúas praias mentres seguen ondeando as súas bandeiras azuis

O Concello de Baiona anunciou hoxe a prohibición temporal do baño nas praias de Santa Marta e A Ladeira galardonadas recentemente co distintivo de bandeira azul da Asociación privada ADEAC. A medida chega despois de que o SERGAS publicase os resultados das analíticas correspondentes do pasado 14 de xullo, que, segundo fontes consultadas pola redacción, […]

Un home e unha muller morren nun accidente de tráfico no Porriño

Unha muller de 68 anos e un home de 62 anos...

O primeiro vehículo orbital español sairá de Nigrán: UARX Space lanza este outono Ossie rumbo ao espazo

A compañía UARX Space lanzará este outono Ossie, o primeiro vehículo de transferencia orbital...

O festivo da Reconquista pasará ao luns 29 de marzo por caer en domingo en 2027

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que este mes o goberno local aprobará...