O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso de casación interposto por catro empresas viguesas, devolvéndolles así a titularidade dos terreos, que foron reclamados pola Comunidade de Montes de Cabral. Así, o Alto Tribunal galego revogou a sentenza ditada pola sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, que á súa vez ratificaba o fallo do Xulgado de Primeira Instancia número 10 da cidade olívica, que ordenaba a catro firmas a deixar as súas propiedades no Gorxal en favor dos comuneiros de Santa Mariña de Cabral. En concreto, trátase de Viguesa de Cociñas S.A., Hogomar 2.000 S.L., Xestión de Patrimonios Reiros e Heva Deter Hispánica, que posúen títulos de propiedade das súas parcelas cun século de antigüidade, coas correspondentes inscricións rexistrais.
A nova resolución cuestiona que o plano que utilizaron os comuneiros para documentar a titularidade das parcelas, datado en 1891, servise para probar a veracidade do aproveitamento consuetudinario (que é de costume, habitual ou reincidente) das mesmas en réxime de comunidade, un dos requisitos esenciais para ter a consideración de monte veciñal. O TSXG explica, ademais, que o terreo, uns 6.500 metros cadrados, foi cualificado como chan urbano no Plan Xeral de Vigo de 1993, sen que esa decisión fose impugnada pola Comunidade de Montes en ningún momento.
“SENTIDO COMÚN”
Respecto diso, nun comunicado, a Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes celebrou este novo fallo xudicial xa que, ao seu xuízo, devolve o “sentido común” ao conflito. A presidenta do devandito colectivo, Beatriz Ucha, lamentou que o argumento das comunidades de montes para lograr a titularidade dos terreos e expulsar ás empresas é “sempre o mesmo”: “que a propiedade do monte é deles desde tempo inmemorial e que esta quedou plasmada en levantamentos administrativos da última década do século XIX dos que só se conservan os cadernos e os planos, pero dos que non consta a súa aprobación final”.
Ela defendeu que as compañías e os particulares afectados adoitan ter títulos que se remontan a principios do século XX ou unha inscrición no Rexistro de Propiedade de varias décadas atrás. Esta sentenza do TSXG chega semanas despois de que a Comunidade de Montes de Cabral si lograse unha resolución xudicial que lle daba a titularidade dunha leira que estaba en mans de particulares, despois de que os maxistrados do Alto Tribunal non admitisen un recurso de casación interposto por dous irmáns en relación a un terreo en Cotogrande, que eles herdaran varias xeracións atrás.