InicioEconomíaCaballero aproba uns orzamentos "históricos" para 2023, con case 317 millóns,...

Caballero aproba uns orzamentos “históricos” para 2023, con case 317 millóns, un 8,4 % máis

"Temos a presión fiscal máis baixa das cidades de Galicia", insistiu Caballero, que a cifrou en 532 euros por habitante, fronte aos 568 euros da Coruña ou aos 612 euros de Santiago. "Os nosos impostos son baixos comparados cos dos demais municipios", engadiu o rexedor.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A xunta de goberno local de Vigo aprobou este martes o Proxecto de Orzamentos 2024, que recolle un importe de case 317 millóns de euros, “o máis alto da historia”, segundo informou o alcalde, Abel Caballero. Esta cifra supón un 8,4 % máis que en 2023, sendo así “o orzamento máis importante que houbo nunca”, segundo indicou Caballero, que resumiu as contas do ano que vén como “as que máis invisten, con débeda cero, cunha presión fiscal baixa e bonificacións en taxas”.

Segundo o rexedor, este aumento do orzamento permitirá “seguir transformando Vigo” e contempla “máis gasto en política de benestar para que a xente viva mellor, máis devolucións de impostos e un aumento moi importante no deporte, en medioambiente… que significan calidade de vida”. Entre os distintos investimentos, Caballero destacou que 7,7 millóns de euros destinaranse á reforma da Avenida de Madrid, grazas aos 11,3 millóns de euros que proceden de fondos europeos. Esta cantidade tamén inclúe 2,7 millóns para o túnel de Lepando.

O goberno local proxecta rebaixas nos impostos e bonificacións fiscais por valor de 50 millóns de euros, das que se beneficiarán, por exemplo, familiares numerosas no IBI, os centros educativos tamén no pago do IBI ou as empresas que facturan menos dun millón no IAE. “Temos a presión fiscal máis baixa das cidades de Galicia“, insistiu Caballero, que a cifrou en 532 euros por habitante, fronte aos 568 euros da Coruña ou aos 612 euros de Santiago. Segundo el, a presión media das cidades cunha poboación similar á urbe olívica supera os 766 euros, 234 máis que Vigo. “Os nosos impostos son baixos comparados cos dos demais municipios”, engadiu o rexedor.

Por partidas, o orzamento de Vigo para 2024 dedica 66,7 millóns a Benestar Comunitario, que inclúe as áreas de Benestar Social, Educación, Deporte e Igualdade. Todas elas crecen unha media do 18 %. Ademais, 44 millóns son para Seguridade, con servizos como a Policía Local e os Bombeiros. Sobe a partida de Limpeza un 6,2 %, ata 47,5 millóns. Vías e Obras é a partida que máis sobe respecto de 2023, cun 38,2 % máis, ata 33,3 millóns. Cultura recibe 17 millóns, un 4,5 % máis, mentres que Transporte crece un 28 %, con 17,4 millóns. Medio terá 17,4 millóns de orzamento e para Urbanismo resérvanse máis de 11,5 millóns, cunha baixada do orzamento para a iluminación pública. Para Comercio e Turismo o goberno local destinará 7,4 millóns, un 32 % máis. Emprego mantén a partida de 2023 e Sanidade sobe máis dun 3 %.

BNG DENUNCIA “CACICADA”

Tras coñecerse a aprobación dos orzamentos na xunta de goberno local, BNG anunciou que impugnará estas contas, considerándoas unha “cacicada” de Caballero na súa tramitación, tras ser convocada a Comisión Informativa cun correo 14 minutos antes da reunión. Para os nacionalistas, trátase dunha “convocatoria ilegal” que vulnera o previsto nos regulamentos do pleno, que esixen que se faga con dous días de antelación como mínimo.

“Non só pretenden impor de novo uns orzamentos que son só do PSOE, sen contar con ninguén, senón que queren facelo pasando por encima da legalidade”, lamentou nun comunicado o portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas. Entre outros temas, Igrexas tamén esixiu ao alcalde que “deixe de ter secuestrado o novo Plan Xeral”, o cal se está tramitando “na clandestinidade” e con “total opacidade”. “Que é o que teñen que ocultar?”, preguntouse o nacionalista.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...