Novos problemas para o Celta de Vigo pola cidade deportiva que o club vigués está a erixir en Mos. O Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra vén de acoller o recurso interposto pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga e revogou a licenza de obras concedida en outubro de 2019 polo Concello de Mos ao club.
A decisión, que podería implicar a paralización da construción, vén acompañada dunha condena á administración local, que agora terá que revisar a outra licencia de obra –outorgada en 2018– e sobre a que tamén pesaban diversas denuncias de plataformas veciñais e ecoloxistas. Noutras palabras: que o permiso para construír uns vestiarios queda anulado e o dos campos de fútbol terá que ser sometido a revisión.
A xuíza explica na resolución que o Concello de Mos concedeu a licencia de 2018 “sen a aprobación previa dun plan de dotacións”. Esta problemática levaría a que fora anulado o segundo dos permisos concedidos, datado en 2019, porque estariamos ante obras “indisoluble e ineludiblemente unidas ou asociadas ás licenciadas en primeiro lugar”. Todo porque a construción final se tería visto autorizada “nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación”, é dicir, a Lei do Solo de Galicia.
O Tribunal recolle así as principais demandas das plataformas ecoloxistas e veciñais. Por unha banda, deixa claro que o proxecto autorizado “ten un alcance […] moi superior ao que se entende por implantación en chan rústico dun campo de fútbol cuns vestiarios”, a obra que, teoricamente, se ía desenvolver.
Pola contra, segundo a maxistrada a construción planeada “encaixa, máis fácil e claramente, no que se denomina ‘equipamento deportivo’; termo que, por outro lado, tería sido empregado polos propios promotores. Na resolución, a maxistrada lembra que a Lei do Solo de Galicia esixe para a autorización da execución de obras en chan rústico que encaixen na definición de ‘equipamentos deportivos’ “a tramitación dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, o que fai insuficiente, á hora de telas por correctamente autorizadas, que se lles outorgue licenza directa, sen acudir antes á tramitación do oportuno expediente destinado á aprobación dun plan especial de dotacións”.
MOS DEFENDE A LEGALIDADE DAS OBRAS
O Concello de Mos defendeu este martes a legalidade das obras do complexo deportivo do Celta e atribuíu a sentenza do Contencioso Administrativo 3 de Pontevedra (que obriga a revisar a licenza dos campos de adestramento e anula a dos vestiarios, concedida posteriormente) a unha “cuestión de forma”.
Así, nun comunicado, a administración local confirmou que presentará recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), xa que a resolución de primeira instancia “baséase nunha cuestión de forma sobre a vía de concesión dos permisos”, que deberían outorgarse ao amparo dun Plan Especial de Dotacións, pero “non cuestiona que as obras sexan totalmente compatibles e autorizables urbanisticamente en chan rústico”.
Por iso, o Concello subliñou que “as obras non son ilegais” e que foron “avaladas por técnicos municipais”, ademais de contar con informes favorables da Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea.
En todo caso, se o TSXG ratifica a sentenza do Contencioso, o Concello sinalou que xa ten “moi avanzado” o procedemento de elaboración do Plan Especial de Dotacións, “pendente só de dous informes sectoriais”, polo que “a Cidade Deportiva do Celta sempre quedará apoiada pola legalidade urbanística”.