InicioDeportesO Celta de Vigo inaugura a cidade deportiva 'Afouteza' en Mos

O Celta de Vigo inaugura a cidade deportiva ‘Afouteza’ en Mos

As protestas da entidade comunal dos montes veciñais da Tameiga lembraron a polémica que xorde deste "pelotazo urbanístico".

PUBLICADO O

O Real Club Celta de Vigo inaugurou este sábado a súa nova cidade deportiva, que foi bautizada co nome de ‘Afouteza‘ e que se sitúa no municipio de Mos.

O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado por membros do seu goberno como o vicepresidente Alfonso Rueda e o conselleiro do Medio Rural, José González; así como por outras personalidades como o xefe do Lexislativo autonómico, Miguel Ángel Santalices, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Alí, xunto ao presidente de club vigués, Carlos Mouriño; Feijóo destacou que a nova cidade deportiva do Celta está “á altura da súa relevancia” como entidade deportiva cunhas instalacións “de primeira” que, di, están “abertas á veciños da área”.

O mandatario popular, segundo consta nun comunicado emitido aos medios tras un acto pechado á asistencia de xornalistas, manifestou que a construción desta cidade deportiva corresponde á “necesidade imperiosa” expresada por un club que supón o “estandarte do Vigo metropolitano e de toda Galicia”.

Así as cousas, sinalou que as administracións “deben entender, respectar e apoiar” o papel do Celta como “patrimonio deportivo” para que siga achegando ao deporte galego. Ademais, fixo unha chiscadela aos afeccionados nunha valoración da actual crise sanitaria: “Sen Afouteza tería sido máis difícil afrontar a pandemia”.

PROTESTA VECIÑAL

Paralelamente ao acto de inauguración, membros da entidade comunal dos montes de Tameiga reiterou o seu rexeitamento ao proxecto da cidade deportiva do Celta, envolvido na polémica ao ser tachado de “pelotazo urbanístico” por parte de entidades sociais e políticas ao longo dos últimos anos. De feito, os comuneiros colgaron pancartas nas inmediacións dos accesos á nova cidade deportiva do club vigués, cuxa inauguración foi posta en dúbida polo colectivo.

“As obras están sen terminar e terán que enfrontarse ás múltiples denuncias que poñen en cuestión a súa legalidade. Este acto é só unha escenificación máis para presentar o seu delito como un feito consumado e que os veciños se dean por vencidos e renuncien a defender o ben común”, sinalan os comuneiros de Tameiga nun comunicado remitido aos medios.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...