InicioDeportes(Vídeo) Da ficción á realidade: o deporte de “darse de paus” que...

(Vídeo) Da ficción á realidade: o deporte de “darse de paus” que conquista Vigo

O deporte, inspirado nunha película de acción postapocalíptica de 1989, chegou a Galicia da man dun pequeno grupo de entusiastas que agora forman o Club Deportivo Olívico. O que comezou como partidas improvisadas no lecer converteuse nunha comunidade organizada que compite en torneos locais, nacionais e se cadra internacionais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

En 1989 estreábase The Blood of Heroes (Salute of the Jugger nos EUA), un filme de acción e estética postapocalíptica protagonizado por Rutger Hauer. A súa trama, ambientada nun futuro árido e violento, xiraba arredor dun deporte brutal e cheo de contacto físico. O que naquela altura era só unha idea de guion, acabaría inspirando, anos máis tarde, un deporte real.

“O deporte nace dunha película de hai moito tempo, pero todo nace primeiro en Alemaña. Á xente de Alemaña gustáballe moito o deporte e, a partir do que vían na película, creárono. O deporte foise estendendo a outras localidades e o resto de países, á xente foille gustando e por aí anda”, contan desde o Club Deportivo Olívico de Jugger, en Vigo.

UN DEPORTE DE FICCIÓN QUE MEDRA NO MUNDO REAL

O Jugger comezou a practicarse a principios dos 90 en Alemaña, onde se fixo popular entre grupos xuvenís e asociacións deportivas alternativas. Pronto se expandiu a outros países europeos, Australia e América, sempre cunha dobre cara: a parte lúdica, que recorda a súa orixe cinematográfica, e a parte competitiva, con regras claras e organizacións que fan torneos.

A mecánica é directa pero intensa: dous equipos de cinco xogadores compiten para levar o jugg —unha pelota similar a unha de rugby— ata a base rival. Unha única persoa por equipo, chamada escolta ou qwik, pode coller o jugg, mentres os outros catro xogadores manexan pomfs (armas acolchadas) para protexelo e deter ao rival.

“É un cinco contra cinco onde se ten que meter o jugg na base inimiga. A persoa que de cada equipo leva o jugg non pode usar armas, e os outros catro son os as utilizan e escóltano ata que meten puntos. De media, o partido só acaba cando o primeiro equipo mete 10 puntos”, explican desde o club.

COMO CHEGOU O JUGGER A VIGO

O Club Deportivo Olívico de Jugger non naceu dunha estrutura formal, senón da paixón dun pequeno grupo de persoas. “O noso club empezou basicamente cun grupo que quería empezar a xogar. Eu empecei a expor adestramentos, a xente quixo unirse e cada vez foi máis. Comezamos a facer eventos, á xente gustoulle e quedou”, relatan.

O crecemento foi orgánico: primeiro partidas informais, logo encontros con outros grupos, e finalmente a creación oficial do club, que hoxe organiza liguiñas locais, participa en campionatos galegos e nacionais e mesmo hai competicións con equipos internacionais nun torneo celebrado en Madrid.

QUEN PODE XOGAR E COMO SE ADESTRA

O club marca a idade mínima en 14 anos para evitar riscos físicos nos máis pequenos, pero o abanico de perfís é amplo. “Calquera persoa que queira pasalo ben, que goce facéndoo, pode integrarse” din.

O adestramento típico é completo:
“O que adoitamos facer é primeiro quecemento, que facémolo todos os que participamos no adestramento. Logo pasamos a unha pequena parte física para mellorar a forma dos xogadores, e logo seguimos con adestramentos máis centrados en estratexia e outros tipos de elementos para coñecer mellor a técnica. Para terminar, adoitamos facer partidos para meternos en práctica e ver como é realmente o deporte.”

A clave, din, non é só a forza física: “O importante é sobre todo a comunicación, é a clave. A visión, manter a cabeza fría, boa actitude. É un deporte autoarbitrado, así que hai que resolver rápido, con comunicación clara e compañeirismo”.

O AMBIENTE: UNHA PEQUENA FAMILIA

Nun deporte onde o contacto e a intensidade física son constantes, o clima de confianza é fundamental. “En xeral é unha comunidade moi próxima. Somos moi amigos e tal, levámonos moi ben. O típico: saímos dun adestro e imos tomar algo. É un ambiente moi acolledor, coma se fósemos unha pequena familia”, contan. Ese espírito acompáñaos tamén fóra dos adestramentos e torneos, reforzando vínculos que van máis alá da pista.

OS BENEFICIOS: MÁIS QUE UN DEPORTE

Ademais de mellorar a condición física, o Jugger potencia a comunicación, a coordinación e a confianza persoal. “Melloramos moitísimo a aeróbica. Como é un deporte moi explosivo, tamén necesitamos traballar o tema de abrirse, falar, gritar… Obrígache a falar cos demais e interactuar, co cal te achegas máis á xente. Axuda moito a mellorar a confianza en ti mesmo e a autorrealización cando ves que os adestramentos dan os seus frutos e vas mellorando” explican.

PLANS A FUTURO: ESCOLAS E NOVAS INSTALACIÓNS

O club ten plans ambiciosos: mellorar as condicións de adestramento con instalacións municipais e crear unha escola para achegar o deporte aos colexios.Queremos inculcarlles desde pequenos a deportividade e o bo rollo que hai en Jugger. Por iso queremos facer colaboracións cos colexios e poder inculcarlles desde pequenos esa filosofía”.

A mensaxe para quen queira probar é directa: “Sobre todo, o tema é vir pasalo ben. É un deporte que queima moita enerxía, e á xente encántalle. Se hai algún tipo de vergoña, hai que deixalo de lado. Aquí vimos darnos de paus e á xente encántalle… vimos gozar e facer amigos”.

ÚLTIMAS

Casco Vello de Vigo aproba o seu plan ata 2030, con 25 inmobles de actuación prioritaria e un investimento de 15 millóns

O Consorcio Casco Vello de Vigo aprobou este xoves o seu plan de actuación 2026-2030,...

Comeza en Vigo a montaxe da árbore de Nadal “máis importante do planeta”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou este xoves o inicio da montaxe do que...

Sanidade contrario a un radiólogo de garda en Vigo: “Imposibilitaría o desenvolvemento normal do servizo”

A Xerencia da área Sanitaria de Vigo asegurou que establecer un terceiro radiólogo de...

Choque entre Caballero e a Xunta pola auga de Vigo: “Só temos para 100 días”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou á Xunta de Galicia de restar importancia á...