InicioCulturaRecuperan vestixios musicais medievais únicos para as Festas de San Telmo de...

Recuperan vestixios musicais medievais únicos para as Festas de San Telmo de Tui

O códice Pasionario Tudense contén a Misa Medieval de San Telmo, unha partitura inédita de canto gregoriano en notación aquitana sobre liña vermella.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Catedral de Tui acolle a presentación do concerto de recuperación patrimonial da Misa Medieval de San Telmo, unha partitura inédita de canto gregoriano en notación aquitana sobre liña vermella que se conserva no códice Pasionario Tudense do arquivo da S.I Catedral de Tui. Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación con sede na Catedral de Tui dende o ano 2005, é o impulsor deste proxecto de salvagarda, estudo e divulgación do patrimonio musical, cultural e relixioso catedralicio como preámbulo da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui no ano 2025.

O pergamiño da Misa medieval de San Telmo é a primeira testemuña documental da protección de Pedro González Telmo como patrón dos mariñeiros e navegantes. As particularidades musicais desta partitura de canto gregoriano con texto en latín require da interpretación do grupo vogal de música antiga Seconda Pratica, con coñecementos específicos litúrxicos e de notación musical aquitana sobre liña vermella. Chegado dende os Países Baixos, Seconda Pratica está formado pola soprano Sofia Pedro, o contralto Tim Braithwaite, o tenor Jonatan Alvarado e o baxio Nuno Atalaia.

Durante a presentación, José Diégez Dieppa, Deán do Cabido catedralicio destacou que é un proxecto musical que pon en valor o patrimonio cultural e relixioso da catedral, «sendo a testemuña da evolución da liturxia na diocese dende o século XIII ata ben entrado o século XIV”.

A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicent,e manifestou que “esta actividade demostra que o patrimonio, entendido como a nosa cultura, a nosa tradición e historia, está moi vencellado ás nosas vidas e para o Concello de Tui é un orgullo que este concerto forme parte das festas patronais de San Telmo”. Don Avelino Bouzón, arquiveiro da Catedral de Tui, sinalou o carácter peregrino deste códice tras estar presente en exposicións en Varsovia, Praga ou a mostra Códices na Cidade da Cultura.

Pola súa banda, Samuel Diz, director de Música no Claustro, enmarcou esta recuperación patrimonial nos horizontes da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui, o Plan Catedrais Xacobeo 2027 e a participación de Música no Claustro no deseño da xornada inaugural da candidatura Braga’27 Cidade Europea da Cultura.

XORNADA SOBRE MUSICOLOXÍA

O sábado 23 de abril, previo a recuperación sonora en concerto, a sede tudense da UNED acolle unha xornada de estudo que reúne ás principais eminencias da materia, pondo en diálogo os traballos do musicólogo galego Manuel Rey Olleros, quen ten realizado a catalogación do repertorio medieval das catedrais galegas, coas investigacións sobre a iconografía medieval de San Telmo realizadas pola historiadora Carmen Manso Porto da Biblioteca da Real Academia de la Historia, e o coñecemento do musicólogo Manuel Pedro Ferreira da Universidade Nova de Lisboa no legado musical de conventos, mosteiros e catedrais no contexto ibérico. Esta xornada de estudo desenvolverase nun formato híbrido, con participación presencial ou vía zoom con previa inscripción gratuíta neste formulario ou a través de www.musicanoclaustro.com

ÚLTIMAS

Unha empresa inmobiliaria de Baiona sofre a ira do desahucio de Maricarmen en Madrid

Unha empresa inmobiliaria de recente creación con sede en Baiona viuse obrigada a emitir...

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...