InicioVigo e contornaVigoA Universidade de Vigo destaca o seu papel de referencia internacional na...

A Universidade de Vigo destaca o seu papel de referencia internacional na ciencia e a innovación

A institución conta con centros de investigación de vangarda únicos en Galicia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un ano e medio despois seguimos inmersos nunha pandemia mundial que puxo contra as cordas á nosa sociedade, provocando nela tal impacto que colocou a ciencia na primeira páxina da axenda pública, conseguindo poñer en valor a importancia da I+D+i e do traballo desenvolvido polo persoal investigador espallado polo mundo. Na nosa contorna, a Universidade de Vigo tamén uniu forzas tratando de poñer as súas capacidades e coñecementos ao servizo da cidadanía. Este é un traballo que xa formaba parte do ADN e do día a día das científicas e científicos dos cinco centros de investigación que conforman esta universidade, achegando solucións aos problemas actuais e futuros e colocando a Galicia no mapa da innovación científica e tecnolóxica.

atlanTTic: tecnoloxía de vangarda feita en Galicia

O Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), formado por 11 grupos de investigación e 160 profesionais que inclúen persoal investigador e de xestión, concentra as capacidades científicas da UVigo no campo das Tecnoloxías da Telecomunicación. O centro sitúase á vangarda da I+D vinculada ás comunicacións, aos servizos dixitais e á ciberseguridade como tres grandes áreas de traballo, entre as que destacan liñas de investigación como a seguridade e a privacidade, as redes de datos, o radar e a teledetección ou os servizos de Internet, entre outras. “atlanTTic busca dar resposta ás necesidades e desafíos da sociedade dun xeito moi transversal xa que traballamos en diferentes campos como o da saúde, por exemplo, contribuíndo ao envellecemento activo, ou nas comunicacións en xeral co 5G e o seu impacto en diversos aspectos da vida cotiá”, salienta o seu director Martín Llamas. Ademais destaca os 36 proxectos de investigación nos que están a participar co fin de “acadar resultados con potencial para converterse en solucións demandadas polas empresas e a sociedade”.

CIM: referente en ciencia mariña

Como referente na xeración do coñecemento sobre o medio mariño e costeiro, o Centro de Investigación Mariña (CIM) é o elemento central da estratexia mariña da UVigo. Integrado por 15 grupos de investigación e tres investigadores individuais distribuídos nos campus de Vigo e Ourense desenvolvendo unha vintena de proxectos internacionais e nacionais, o CIM “contribúe á conservación e uso sostible dos océanos, mares e recursos mariños a través da xeración e transferencia de coñecemento baseado na ciencia, a tecnoloxía e a innovación”, comenta o seu director Daniel Rey. Ademais destaca que un dos retos do centro está na “captación de talento excelente para impulsar a investigación en temas emerxentes, como o cambio climático ou a biotecnoloxía mariña, sendo ambos prioridades científicas para o mesmo”. A importancia do sector marítimo-pesqueiro en Galicia fai que o CIM xogue un papel estratéxico e por iso, comenta Rey, “esforzámonos en transferir e divulgar o coñecemento xerado á sociedade, colaborando con confrarías de pescadores, empresas e administracións públicas, traballando para acadar os nosos obxectivos no arco atlántico europeo”.

Cinbio: innovación de excelencia para a saúde

Formado por arredor de 200 investigadoras e investigadores do máis alto nivel, organizados en 15 grupos de investigación sénior e catro grupos júnior, o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) é unha aposta da Universidade de Vigo para desenvolver o ámbito biomédico e biotecnolóxico desde un punto de vista multidisciplinar e colaborativo. Nutrición e benestar, medicina molecular e nanomateriais son, xunto coa informática para a saúde e a bioestatística como área transversal,  as principais liñas de investigación sobre as que traballa o persoal deste centro que, nos últimos catro anos, desenvolveu 24 proxectos internacionais e 51 de ámbito nacional. En palabras do seu director, Miguel Ángel Correa, “transferir coñecemento e innovación no campo biomédico a través das ferramentas da nanotecnoloxía, entre outras, é a misión dun centro como o Cinbio, no que traballamos diariamente para construír unha comunidade científica baseada na excelencia con fin de multiplicar o retorno á sociedade e protexer o futuro da investigación”.

Cintecx: especialización tecnolóxica única en Galicia

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo (Cintecx) aspira a “defender unha capacidade de investigación competitiva no marco europeo, sen deixar de lado as esferas locais e rexionais”, tal e como destaca a súa directora, Concepción Paz. Cun edificio propio e 21 laboratorios no campus de Vigo, “Cintecx capitaliza a súa privilexiada situación xeográfica na cidade olívica, motor económico en sectores clave para o país como a automoción, o naval ou o sector alimentario”. Con este piar como base, o centro concentra o esforzo multidisciplinar de 175 investigadores, das que preto dun 40% son mulleres,  que desenvolven un traballo de I+D+i á vangarda das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o aproveitamento de recursos naturais, a valorización de residuos industriais, ou a intelixencia artificial. Así, “a especialización tecnolóxica de Cintecx en ámbitos como as tecnoloxías do hidróxeno ou o desenvolvemento de novos materiais son os principais retos do seu esforzo investigador, sempre dirixido a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible”.

Ecobas: na procura dun centro con proxección internacional

Posicionarse como un centro de referencia en Galicia, con proxección nacional e internacional, na investigación e transferencia de coñecementodesde a perspectiva económica, ambiental e social é o reto ao que se afronta Ecobas (Economics and Business Administration for Society), un centro de investigación interuniversitario integrado por persoal investigador das tres universidades galegas. A súa axenda científica céntrase en temas como a economía do cambio climático, dos recursos naturais e das novas enerxías, a economía circular, a innovación e estratexia empresarial, ou a igualdade, inclusión social e benestar. O centro dá continuidade á agrupación estratéxica do mesmo nome, nacida no ano 2015,  que nesta nova etapa “aspira a ser un motor de cambio a través da xeración de coñecemento de calidade que axude a resolver os problemas da sociedade, desenvolvendo unha investigación aliñada coas prioridades da nosa contorna e tendo en conta aos axentes socioeconómicos, ademais de impulsar a inclusión e a participación da cidadanía”, destaca o catedrático da Universidade de Vigo e director de Ecobas, Carlos Hervés.

ÚLTIMAS

A cocaína localizada nun colector portuario este martes estaba oculta nun dobre fondo: 520 quilos en 432 paquetes

Os máis de 500 quilos de cocaína localizados nas últimas horas nun colector no...

Caballero reta a Rueda a conseguir “do seu amigo” Luís Montenegro, primeiro ministro luso, o compromiso co AVE en 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en que o Goberno de España...

A Xunta defende o seu traballo na illa de San Simón logo das críticas do Concello de Pontevedra

A Xunta de Galicia reivindicou que "cumpre cos termos" da concesión demanial e do...

Un xulgado Social emite a primeira sentenza ditada en Vigo con uso do sistema de adaptación á lectura fácil

O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou unha sentenza pioneira na cidade ao utilizar...