InicioCulturaO Museo do Prado recupera unha pintura de Giovanni Migliara cedida ao...

O Museo do Prado recupera unha pintura de Giovanni Migliara cedida ao Concello do Porriño en 1929

O museo nacional procedeu a levantar o depósito para volver expor a pintura nas súas salas do século XIX.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O cadro ‘A prisión de Francisco I’, do artista italiano Giovanni Migliara (s.XVIII-XIX), volveu esta semana ao Museo do Prado, tras máis de 90 anos colgado nunha das paredes das antigas oficinas de Alcaldía do Concello do Porriño.

Segundo informaron fontes municipais, un equipo técnico enviado polo museo retirou a pintura, que forma parte do grupo de obras coñecidas como ‘o Prado disperso’ (en alusión ás obras cedidas pola pinacoteca por falta de espazo nas súas instalacións) e trasladouna a Madrid.

Este cadro foi cedido ao Concello do Porriño o 11 de decembro de 1929 e estivo colgado nunhas das paredes das antigas dependencias de Alcaldía desde entón.

A partir de 1980, o Prado comezou unha revisión dos depósitos feitos para verificar que as obras cedidas permaneceron nos lugares e institucións que figuraban nos seus arquivos, e para coñecer o seu estado de conservación.

No caso deste óleo de Migliara, o museo procedeu a levantar o depósito para volver expor a pintura nas súas salas do século XIX. Antes diso, o cadro pasará por un proceso de ‘posta a punto’ por parte dos restauradores do Prado, aínda que presenta un bo estado de conservación.

‘A prisión de Francisco I’ recrea o encarceramento do antigo rei de Francia na Cartuxa de Pavía, tras ser derrotado polo emperador Carlos I en 1525. Segundo os rexistros do Museo do Prado, foi pintado cara a 1825 e adquirido pola raíña María Cristina de Borbón, antes de que se incorporase aos fondos do museo.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...