InicioCulturaA Deputación de Pontevedra axunta os festivais audiovisuais da provincia baixo unha...

A Deputación de Pontevedra axunta os festivais audiovisuais da provincia baixo unha nova marca para fortalecelos

A presidenta da Deputación Provincial detallou que o desenvolvemento desta marca foi proposto polos promotores dos eventos, que "consideraban que serían máis fortes unidos", e avanzou a creación do comité asesor que reclaman.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou a nova marca desenvolvida pola institución para axuntar e fortalecer os principais festivais audiovisuais da provincia, ‘Rías Baixas Filme Fest’, e avanzou a creación dun comité asesor do sector.

Durante un acto celebrado este mércores en Vigo, Silva puxo en valor a capacidade “transformadora” destes eventos e a súa fortaleza e remarcou que “traspasan fronteiras” a nivel autonómico, estatal e internacional. Ademais, destacou o seu “compromiso” coa lingua e a cultura de Galicia, así como o labor que exercen na promoción dos produtos audiovisuais creados na comunidade.

Así, a presidenta da Deputación Provincial detallou que o desenvolvemento desta marca foi proposto polos promotores dos eventos, que “consideraban que serían máis fortes unidos”, e avanzou a creación do comité asesor que reclaman. Sobre este último, precisou que permitirá “facer promoción e que os festivais sexan aínda máis capaces de abrir fronteiras e chegar a máis sitios”.

Adicionalmente, Carmela Silva resaltou a posta en marcha un protocolo común de medidas de seguridade no marco do que a Deputación de Pontevedra achegará medidores de temperatura, instrumentos para marcar a distancia interpersoal e elementos identificadores dos circuítos de entrada e saída. Tamén se instalarán carteis con información sobre as medidas de seguridade obrigatorias e contadores de asistentes.

Así mesmo, o director de Play-Doc, Anxo Sánchez, subliñou o papel exercido polo cinema para “formar espectadores críticos” e “lograr a transformación social na contorna“. Así, recalcou a influencia do sector na economía e a proxección da provincia fóra da mesma e asegurou que a nova marca permitirá incrementar a visibilización e a profesionalización do sector, ademais de “dignificar a cultura”.

Tamén os concelleiros de Cultura de Bueu, Vilagarcía, e Tui, Xosé Leal, Sonia Outón e Sonsoles Vicente, respectivamente, afirmaron que esta marca favorecerá a suma de “esforzos” e o fortalecemento do sector.

FESTIVAIS INTEGRADOS

En concreto, ‘Rías Baixas Filme Fest’ integrará nove eventos audiovisuais dos que catro se celebrarán en setembro: Cans (do 2 ao 5 no Porriño), Primavera de Cinema (do 15 ao 20 en Vigo), FIC Bueu (do 11 ao 19) e Play-Doc (do 23 ao 27 en Tui).

Ademais, Vigo acollerá o Festival Again de Cinema Inclusivo do 13 ao 17 de outubro e o Curtas Festival do Imaxinario terá lugar en Vilagarcía entre o 23 de outubro e o 1 de novembro. Tamén a cidade olívica será o escenario do Galicia Freaky Filme do 28 ao 31 de outubro e Pontevedra acollerá Novos Cinemas do 15 ao 20 de decembro, mentres o Curtas Armadiñas de Poio non celebrará a súa edición deste ano.

ÚLTIMAS

Arde un prototipo creado por estudantes na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo

Un incendio nun garaxe anexo da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, no campus...

Disputa familiar nas redes sociais mobiliza ás forzas de seguridade

A Garda Civil investiga a unha decena de persoas das zonas de Vigo e...

Falece Seve, figura esencial da cultura popular e musical do Porriño e comarca

A comarca do Condado e da Louriña amenceu hoxe envolta nunha fonda tristura tras...

Un home de 67 anos, ferido grave tras ser atropelado por un bus urbano

Un home, M.Z.A. de 67 anos de idade, resultou ferido grave na tarde deste...