InicioCulturaFalece un tomiñés universal, Xosé Luís Franco Grande

Falece un tomiñés universal, Xosé Luís Franco Grande

PUBLICADO O

- Advertisement -
O académico, divulgador, xurista, poeta e escritor Xosé Luís Franco Grande acaba de falecer. Así o comunicou a Real Academia Galega que expresa o seu fondo pesar por este pasamento.

A infancia de Xosé Luís Franco Grande transcorreu en Tebra, no Baixo Miño, onde os seus pais eran mestres. Tras estudar o bacharelato en Vigo, cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, unha etapa que o marcaría para sempre. “Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos cincuenta retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia”, salientaba na súa autobiografía de academia.gal.

Xosé Luís Franco Grande foi ademais durante moito tempo para o público galego o autor do Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), dúas obras de referencia naqueles anos para a resolución de dúbidas sobre o léxico da nosa lingua.

A procura da identidade humana, do eu íntimo, e o transcorrer do tempo son constantes dende os seus versos de mocidade, premiados en distintas ocasións nas Festas Minervais. Con só 19 anos, mereceu o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires polo seu primeiro libro, Brétemas do vieiro, que permanece inédito; e en 1967 recibiu o Premio Nacional Rosalía de Castro polo poemario Entre o si e o non, unha obra de corte existencialista nuns tempos marcados nas letras galegas pola poesía socialrealista. En 1987 veu a lume Herdo de memoria e tempo, en cuxa introdución sinalaba que escribir poesía, en certas circunstancias pouco alentadoras, pode ser un acto heroico do que pende a salvación íntima. Como poeta volveu ás librarías en 2015 con Xoguetes do tempo e, dous anos despois, Libro das abandonadas (2017).

Como crítico e ensaísta, publicou Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) (1985), testemuño dos seus anos de estudante universitario en Santiago de Compostela; A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (1991), un tributo a trinta e oito amigos que ampliou en 2019 con A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos; Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura (2001); e Outra política para outros tempos (2013); e fíxose cargo da edición da Obra completa de Leiras Pulpeiro (1970), e da novela de Camilo Gonsar Cara a Times Square (1989).

O académico ingresou na RAG en 1998 cun discurso titulado O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, centrado na historia dos Blanco de Sea-Franco na transición á modernidade. Neste traballo, Xosé Luís Franco Grande reviviu, a través de documentos familiares, as vicisitudes dos seus antepasados e o espírito ilustrado dalgún dos seus membros. A encargada de darlle a benvida en nome da Real Academia Galega foi a académica Luz Pozo Garza, con quen colaborara dende os anos 70 na revista de poesía Nordés

ÚLTIMAS

Ordenan prisión para o home que quixo queimar a casa da súa exmuller en Tomiño coa súa filla dentro

O xulgado de instrución número 1 de Tui acordou o ingreso en prisión provisional,...

Arremeten contra unha xornalista no terceiro intento de desaloxo da casa ocupada na rúa Pardavila

Unha muller que estaba a ser desaloxada dunha casa ocupada desde hai anos en...

A Asociación de Dano Cerebral Alento preparará a tortilla máis grande da historia de Vigo” polo seu 25 aniversario

A Asociación de Dano Cerebral Alento elaborará este sábado a tortilla "máis grande da...

O BNG levará unha moción ao Pleno de Vigo para pedir a condena das “accións genocidas” de Israel en Gaza

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo levará unha moción para o...